A Coruña, 5 de xuño de 2026
O Paraninfo da UDC acolleu esta mañá o acto conmemorativo dos XXV anos da Universidade Sénior, unha cita que congregou ademais ás máis de 100 persoas que se graduaron este ano na XXI promoción. Estivo presidida polo reitor da UDC, Ricardo Cao e contou coa asistencia da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antonio Acevedo.
Esta iniciativa, explicou Cao, púxose en marcha hai 25 anos coa vontade de abrir a universidade á cidadanía, de derrubar barreiras e de demostrar que o coñecemento non entende de idades e “representa como poucas o compromiso da nosa universidade coa sociedade”.
Desde entón, subliñou Cao “converteuse nun espazo de encontro, de participación e de crecemento persoal, no que se comparten experiencias, se constrúe pensamento crítico e se fortalece o vínculo coa sociedade”.
A universidade pública, incidiu Cao, ten entre as súas misións fundamentais precisamente esa: “a da formación integral das persoas ao longo de toda a súa vida”. De feito, o impulso esa formación permanente é un piar estratéxico da UDC. E dentro dela a Universidade Sénior é unha das mellores expresións dese compromiso.
O evento de hoxe foi testemuña tamén dunha homenaxe ao profesor José Ramón Soraluce Blond, fundador da Universidade Sénior e profesor honorario, quen pronunciou unha conferencia maxistral con motivo deste aniversario e recibiu un agasallo simbólico en nome da UDC.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC