A Coruña, 14 de abril de 2026
Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, acollerá entre os días 15 e 29 de abril o ciclo de cinema feminista “E ti que miras?”, unha proposta coordinada por Bea Saiáns que reúne unha selección de filmes realizados por mulleres e de especial relevancia no panorama audiovisual nacional e internacional.
A programación foi deseñada baixo o criterio de visibilizar obras que abordan temáticas inherentes ao patriarcado, ao tempo que se pon en valor o papel das creadoras no ámbito cinematográfico.
O ciclo dará comezo o 15 de abril coa proxección de “Función de noche”, de Josefina Molina, considerada a primeira muller graduada nunha escola de cinema en España. A continuación, o día 16, exhibirase “Retrato de una mujer en llamas”, da directora Céline Sciamma, filme premiado internacionalmente e último traballo da actriz protagonista, Adèle Haenel, quen anunciou a súa retirada da industria como forma de denuncia do sexismo.
A reflexión sobre a construción social da locura nas mulleres estará presente na sesión do martes 21, que inclúe “O corpo de Cristo”, de Bea Lema e “Els buits”, de Marina Freixa, Isa Luengo e Sofía Estevez, centrado no Patronato de Protección á Muller en España. As catro directoras participarán nun coloquio posterior ás proxeccións; Bea Lema estará presente logo da súa sesión e no caso das outras tres directoras o encontro será en formato online.
A seguinte xornada, o xoves 23, contará coa ópera prima da directora portuguesa Paula Tomás Marques “Dúas vezes João Liberada”, un filme baseado en xuízos inquisitoriais que afonda na representación, a persecución de xénero e as disidencias ao longo da historia.
O ciclo concluirá o mércores 29 de abril cunha sesión especial na que, acompañada das artistas musicais galegas High Paw e Russ, Bea Saiáns presentará unha mostra dos seus últimos traballos audiovisuais, entre os que se atopan as series “Réxime” e “Delirio Sketchs”, así como a curtametraxe “Plumass”. A sesión inclúe un coloquio co equipo participante nos proxectos.
“E ti que miras?” busca promover a reflexión crítica a través do cinema, fomentando o diálogo arredor da creación audiovisual con perspectiva de xénero, e conta co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC