Trátase dunha intervención onde o corpo, mediante diferentes recursos da danza e o movemento relacionarase co espazo expositivo. Servíndose da propia estrutura da cabria e dos elementos que a compoñen, levaranse a cabo diferentes prácticas de movemento atendendo á escoita activa no momento presente e dando lugar a un diálogo recíproco que se irá construíndo no percorrer da acción performativa.
Sen comezo nin final, e sen unha arquitectura dramatúrxica prefixada, a intervención terá unha duración indefinida no tempo. A proposta desenvolverase a modo de peza-paisaxe onde as persoas visitantes poderán elixir tamén o xeito en que queren relacionarse con ela, xerando un dispositivo no que as fronteiras entre corpo performativo e corpo espectador se dilúen e facilitando así un espazo potencial de intervención común.

Publicado por: Cultura