Días 15, 16 e 17 de outubro de 2024
Este foro desenvólvese dende hai varios anos e supón un punto de encontro entre o estudantado e os axentes do mercado laboral. O obxectivo é facilitar a transición ao mercado laboral do noso alumnado e tamén das persoas egresadas de todos os estudos da UDC mediante o desenvolvemento de diferentes accións que melloren as competencias, destrezas e habilidades que a contorna demanda.
Ademais, levarase a cabo unha feira de emprego.
O foro contén dúas partes:
- Os días 15 e 16 de outubro levaranse a cabo na Facultade de Economía e Empresa obradoiros, mesas redondas e charlas relacionadas coa empregabilidade. Como exemplos, contaremos con relatores que falarán de que é preciso ter en conta á hora de presentarse a unha oferta de traballo e que ferramentas empregar, charlas sobre como traballar en Europa ou no sector público, como emprender ou experiencias reais con exestudantes da UDC que nos trasladarán a súa experiencia na transición ao mercado laboral.
- O día 17 de outubro celebrarase unha Feira de Emprego no Pavillón de Deportes do Campus de Elviña. Coa fin de achegar o mundo profesional ao académico contaremos con máis de corenta entidades, entre as que se atopan Aluman, Deloitte, Garrigues, Hijos de Rivera, Navantia, NH Hoteles, NTT DATA, PWC, varias asociacións de empresarios/as, etc. Haberá ademais actividades paralelas ofrecidas por varias empresas (presentacións corporativas, acceso a ofertas de emprego e prácticas, etc.). Por último, contaremos tamén cun sorteo de agasallos facilitados polas entidades participantes.