A Coruña, 20 de febreiro de 2024. A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollía a pasada fin de semana a segunda edición de HackUDC, o maior hackathon de Galicia, que reuniu a preto de 150 estudantes para desenvolver proxectos tecnolóxicos baixo un límite de tempo, achegando ideas e tamén desenvolvendo os prototipos funcionais para demostralas.
Malia as baixas de última hora por motivos persoais entre unha pequena cantidade das persoas inscritas, o índice de participación mantívose notablemente alto, acadando un 92 % sobre as inscricións iniciais. De feito, a asistencia triplicouse con respecto á edición do ano 2023. Así o confirman os datos facilitados polos organizadores do encontro, o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) da FIC, quen amosan a súa inmensa satisfacción co resultado do evento.
O HackUDC “concluíu cun éxito rotundo nesta segunda edición”, sosteñen desde a organización, conseguindo atraer a “unha multitude de estudantes”. “O ambiente de colaboración, creatividade e competitividade foi evidente desde o primeiro día, con equipos traballando incansablemente para presentar solucións innovadoras aos desafíos expostos no pouco tempo que dispoñían para facelo”, engaden.
Nesta edición, o Hackathon anual organizado por GPUL presentou unha ampla gama de desafíos tecnolóxicos. Os equipos participantes foron desafiados a atopar solucións creativas a problemas do mundo real, utilizando tecnoloxía punta e a súa experiencia en programación.
O HackUDC 2024 non só foi un escaparate de talento e creatividade tecnolóxica, senón tamén unha oportunidade “inestimable”, segundo o equipo organizador, para que os participantes ampliaran os seus coñecementos, estableceran contactos e “se mergullasen no emocionante mundo da innovación tecnolóxica”, recalcan.
No que a cifras concretas e totais se refire, das 160 persoas inicialmente rexistradas, acreditáronse finalmente 148 participantes. Pero a participación global superou mesmo as 200 persoas, incluíndo a voluntarios e patrocinadores do evento.
Para máis información sobre o evento e os proxectos, poderase consultar a seguinte ligazón: https://hackudc-2024.devpost.com.
Foto 1: a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña, Maria José Lombardía, no acto de inauguración do HackUDC.
Foto 2: participantes no HackUDC, celebrado no salón de actos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC