A Coruña, 6 de novembro de 2025.- A Universidade da Coruña vén de celebrar o acto de entrega dos Premios de Emprendemento, unha das actividades incluídas na xornada UDC TALENTO, a I Feira de Emprendemento e de Apoio ao Emprego da UDC desenvolvida no marco de IMPULSA-T.
Este evento contou coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña, María José Lombardía Cortiña; acompañada por José Anta Álvarez, adxunto de Transferencia da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia; Marta Mariño Regueiro, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e María Eugenia Fandiño Pita, xerente de Institucións de Galicia de Santander España.
Durante a súa intervención, a vicerreitora destacou que “o emprendemento é crear oportunidades, transformar ideas en realidade e apostar polo propio talento” e que “na Universidade da Coruña cremos firmemente que cada estudante leva dentro de si a semente do cambio, da innovación e do impacto positivo na sociedade”, subliñando que “estes premios axudan a descubrir e potenciar este talento”.
O acto deu comezo coa entrega dos Premios Santander X Spain Awards, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer as ideas de negocio universitarias e startups máis innovadoras e prometedoras do panorama estatal, ofrecéndolles apoio no seu crecemento, visibilidade, proxección internacional e mentorías personalizadas de xeito gratuíto.
Os primeiros premios en entregarse foron para os proxectos emprendedores en fase de validación do programa “Santander X Spain Awards | Proxectos Emprendedores Universitarios 2025”. En primeiro lugar, María José Lombardía Cortiña e María Eugenia Fandiño Pita fixeron entrega dos diplomas aos tres equipos finalistas:
A continuación, entregáronse os diplomas e premios económicos (2000 euros por proxecto) aos equipos gañadores desta modalidade:
O acto continuou coa entrega dos premios ás startups universitarias, enmarcados no programa “Santander X Spain Awards | Startup Universitaria 2025”. José Anta Álvarez e María Eugenia Fandiño Pita fixeron entrega dos diplomas de finalistas a Motion and Force Engineering Solutions e Nerxus Quality Solutions, dúas spin-offs da UDC orientadas, respectivamente, á aplicación da investigación biomecánica e á optimización da eficiencia enerxética. O diploma de startup gañadora, dotado cun premio económico de 4000 euros, foi para Artificial Intelligence Indestia, que incorpora a intelixencia artificial ao ámbito publicitario, con especial foco nos anuncios inmobiliarios.
Na última parte da cerimonia procedeuse á entrega dos premios ao estudantado da Universidade da Coruña polos seus traballos de fin de estudos vinculados ao ámbito do emprendemento. As dez persoas galardoadas presentaron e defenderon os seus proxectos entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de xullo de 2025. Concedéronse primeiros e segundos premios en cada unha das cinco áreas de coñecemento (Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura), dotados con 800 e 400 euros, respectivamente. Estes premios contaron co financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.
Persoas premiadas:
A vicerreitora María José Lombardía Cortiña clausurou o acto resaltando que estes galardóns son “un reflexo do talento, da creatividade e da capacidade transformadora que queremos impulsar desde a Universidade da Coruña a través deste novo programa IMPULSA-T”.
Foto 1: Premios Santander X Spain Awards aos Proxectos Emprendedores Universitarios 2025.
Foto 2: Premios Santander X Spain Awards á Mellor Startup Universitaria 2025.
Foto 3: Premios ao estudantado cos mellores TFG e TFM en materia de emprendemento.


Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC