A Universidade da Coruña pon en marcha o Plan de Vida Saudable e Benestar

Nota de prensa

18/11/24 9:38

  • Institucional
  • Trátase dunha estratexia para os anos 2025-2030 que dá continuidade e sentido institucional ao servizo UDC saudable, que cumpre dez anos cun alto grao de compromiso e participación 
  • As actuacións establécense sobre seis eixes: benestar biopsicosocial; alimentación saudable, sostible e solidaria; mulleres e saúde; rutinas, ocupacións e xestión do tempo; visibilidade, concienciación e colaboración; e gobernanza e participación 
  • No novo plan destaca a relevancia que se lle dá ás accións dirixidas á prevención de disfuncións da saúde mental

 

A Coruña, 18 de novembro de 2024.- A Universidade da Coruña (UDC) acaba de aprobar o Plan de Vida Saudable e Benestar: Un compromiso coa Comunidade, unha estratexia que terá un período de vixencia de 6 anos con eixes e obxectivos operativos preferentemente dirixidos a fomentar a educación e promoción da saúde da comunidade universitaria.

Tal e como contempla o Plan Estratéxico da UDC 2022-2026, a universidade “promove iniciativas que fagan contribuír a unha vida saudable da comunidade universitaria”, que poidan axudar a mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas, seguindo o concepto One Health-Unha soa saúde.

Baseado sobre os seis piares de promoción de saúde seguintes: o benestar biopsicosocial, especialmente na prevención de disfuncións en saúde mental; alimentación saudable, sostible e solidaria; mulleres e saúde; rutinas, ocupacións e xestión do tempo; visibilidade, concienciación e colaboración e, por último, gobernanza e participación; a estratexia configúrase como unha ferramenta para intensificar accións de educación e promoción da saúde e da prevención da enfermidade na comunidade da UDC.

No eixe 1, un dos puntos de maior relevancia en consonancia co marcado pola LOSU, é o benestar biopsicosocial, con especial atención á saúde mental. De tal maneira, consolídase definitivamente o servizo de atención psicolóxica e orientación “Afrontemos”, programa de asesoramento e atención especializada para mellorar a quen poida estar pasando por unha situación de estrés ou crise psicolóxica, e que ten atendido desde a súa posta en marcha, en 2021, arredor de 400 persoas. Asemade, reforzarase o servizo coa oferta de actividades de benestar emocional e convivencia, habilidades para a vida, tales como a resolución de conflitos, así como a posta en marcha de cursos de primeiros auxilios en saúde mental, de xeito que permitan detectar problemas na súa contorna.

Tamén impulsaranse programas de formación para previr adicións químicas e de comportamento, introducindo así novas temáticas, como por exemplo as tecnoadiccións.

No eixe 2, sobre alimentación, continuarase o traballo da escola UDC Saudable, coa posta en marcha de cursos dirixidos á aprendizaxe e incorporación dunha alimentación máis sa e sustentable e outras accións formativas.

Promover a formación, investigación e actuacións no referente ao benestar físico e emocional das mulleres é o obxectivo principal do eixe 3, no que se enmarcarán actividades formativas referidas a temas de relevancia como a endometriose, a fibromialxia, a menopausa ou solo pelviano, entre outros.

O establecemento de rutinas, ocupacións e recomendacións para unha xestión do tempo axeitada, son obxectivos previstos no eixe 4, no que se propulsará a adquisición de habilidades para unha xestión equilibrada da axenda diaria que mellore a calidade de vida dos membros da comunidade UDC. Para iso, levaranse a cabo actividades divulgativas e accións, dirixidas a dotar ás persoas de ferramentas que lles permitan facer unha organización axeitada e saudable do tempo.

Un aspecto especialmente importante é a difusión de todas as actividades contempladas, de xeito que poidan chegar ao maior número de persoas posibles, e esa visibilidade é un dos obxectivos clave do eixe 5.

Por último, no apartado de gobernanza e participación, eixe 6, o compromiso da UDC coa saúde da comunidade universitaria ratificase coa posta en marcha dun observatorio de calidade sobre vida saudable; o recoñecemento da UDC como espazo libre de fume e o impulso dunha rede de colaboración entre as universidades galegas, de xeito que sexa posible estimular unha cooperación transversal dentro do SUG.   

A UDC saudable celebra este mes 10 anos de vida. Durante este tempo, ten impulsado a saúde da comunidade universitaria a través dos numerosos eventos das edicións dos Outubros Saudables, da colaboración proactiva en rede con entidades institucionais internacionais, nacionais e autonómicas, así como con 37 organizacións non gubernamentais (ONGs) que conforman a rede de entidades UDC Saudable, promovendo deste xeito a saúde da nosa comunidade universitaria.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC