A Universidade da Coruña participa na X Feira “Estudar en España 2026” en Marrocos

Nota de prensa

22/01/26 15:04

  • Institucional
  • A UDC dá a coñecer a oferta académica da institución e reforza as relacións de cooperación académica e cultural con Marrocos.
  • Como resultado do éxito de participación en 2025, máis de 50 estudantes de nacionalidade marroquí ou con dobre nacionalidade marroquí-española matriculáronse na Universidade.

A Coruña, 22 de xaneiro de 2026

A Universidade da Coruña (UDC) participa estes días na X Feira “Estudar en España 2026” en Marrocos, un importante evento internacional organizado polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) e a Consellería de Educación, que está tendo lugar desde o 19 de xaneiro nas cidades de Casabranca, Rabat e Tánxer.

A UDC estivo representada por Bruno Casal,  adxunto de Mobilidade e Convenios e coordinador Institucional Erasmus, e María Bobadilla, adxunta de Política Internacional da UDC, quen acudiron en nome da Universidade para dar a coñecer a oferta académica da institución e reforzar as relacións de cooperación académica e cultural con Marrocos.

A participación da UDC nesta edición responde ao éxito obtido no exercicio anterior, que tivo un impacto moi positivo para a Universidade. Como resultado da participación en 2025, máis de 50 estudantes de nacionalidade marroquí ou con dobre nacionalidade marroquí-española matriculáronse como estudantes regulares na UDC, unha gran parte deles procedentes de institutos de secundaria españois en Marrocos, o que confirma o interese crecente pola oferta formativa da universidade e a eficacia deste tipo de accións de promoción internacional.

Esta décima edición da feira reuniu a máis de 20 universidades españolas co obxectivo de informar ao estudantado marroquí sobre as distintas oportunidades formativas en España, incluíndo estudos de grao, máster, doutoramento e cursos de español. O evento volveu consolidarse como un espazo clave para a promoción da internacionalización educativa e o fortalecemento dos lazos culturais e académicos entre ambos os países.

A participación da Universidade da Coruña na X Feira “Estudar en España en Marrocos 2026” reforza a súa estratexia de internacionalización e a súa aposta por atraer talento internacional, contribuíndo ao intercambio cultural e académico entre España e Marrocos e consolidando a súa presenza en foros educativos de ámbito internacional.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC