A Universidade da Coruña aporta numerosas actividades ao programa da Mobile Week Coruña

Nota de prensa
21/11/18 13:50
  • Institucional

A Coruña, 21 de novembro de 2018.- A Universidade da Coruña colabora coa Mobile Week Coruña aportando numerosas actividades ao seu programa dirixidas a todos os públicos. A Mobile Week estará na cidade de A Coruña ata o próximo 28 de novembro convertendo a Galicia na comunidade elixida pola Mobile World Capital Barcelona para acoller o primeiro evento que celebra fóra de Cataluña.

O xoves 22 de novembro, o Campus Innova celebrará o evento “Realidade virtual, aumentada e mixta. Realidades de hoxe” no espazo de intervención cultural NORMAL. O obxectivo do evento, que contará cunha zona expositiva con demostrables e cunha xornada de tarde con workshops e charlas, é analizar casos prácticos de éxito que están a axudar no presente en accións cotiás do día a día e analizar as perspectivas de futuro destas novas realidades. Para iso contará coa colaboración de diversas empresas e entidades entre as que se encontran Kabel, Duacode, Xoia, Isostopy, Mobgen e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do CIS Galicia.

Pola súa parte, a Facultade de Informática da UDC acollerá o venres 23 de novembro no seu salón de actos, a mesa de debate “Comunicación e democracia” que contará coa participación, entre outros, dos investigadores Amparo Alonso e Guillermo López Taboada e abordará asuntos de actualidade como as fake news.

Así mesmo, no sábado 24 de novembro esta facultade acollerá o obradoiro “A hora do código. Aprendendo a programar”, unha actividade dirixida a nenos e nenas que achegará a programación de computadores dunha forma natural, simple, intuitiva e divertida.

Tamén na xornada do sábado terá lugar na Fundación Barrié a mesa de debate “Futuro dixital, para tod@s?” na que participará Susana Ladra, profesora da Facultade de Informática da UDC e directora do Campus Innova.

Pola súa parte, o Paraninfo da Reitoría acollerá na tarde do sábado dúas charlas que reflexionarán sobre a ética e a tecnoloxía con participantes como Nieves Rodríguez Brisaboa, directora do grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos (LBD).

Ademais, o Centro de Investigación CITIC organiza e acolle ao longo de toda a semana diversos obradoiros de robótica e intelixencia artificial.

Todas as actividades son de acceso gratuíto aínda que é necesaria a inscrición previa a través da páxina web da Mobile Week Coruña onde poden tamén consultarse todos os detalles do amplo programa.

Máis información: https://www.mobileweekcoruna.com/

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC