A Coruña, 27 de novembro de 2024.- A Universidade da Coruña disporá no primeiro semestre de 2025 de 30 novas prazas docentes de profesorado axudante doutor que recolle a Lei Orgánica 2/2023 (LOSU). A incorporación deste persoal será financiada polo Ministerio de Innovación, Ciencia e Universidades do Goberno de España. A estas contratos sumaránselle outras 19 prazas máis da mesma categoría profesional que se deberán crear e provisionar antes da finalización do curso 2027/2028 con financiamento da Xunta de Galicia.
A creación destas 49 novas prazas é froito dun convenio de colaboración entre a UDC, a Xunta e o Ministerio, que ten como obxectivo mellorar a calidade docente e investigadora do profesorado e favorecer o rexuvenecemento do cadro de persoal docente e investigador (PDI) a través do Programa de Incorporación de Talento Docente e Investigador María Goyri.
O acordo, que ten unha duración de 4 anos, foi asinado esta mañá en Santiago de Compostela polo reitor da UDC, Ricardo Cao Abad; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez González; e o secretario de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades, Juan Cruz Cigudosa..
Financiamento do Ministerio
Para sufragar o Programa María Goyri, o Ministerio comprométese a achegar anualmente a cantidade que no seu caso se consigne nos Presupostos Xerais do Estado ou mediante Conferencia Sectorial, tomando como referencia o custo unitario usado para a elaboración do Acordo de 19 de xuño de 2024 da Conferencia General de Política Universitaria (CGPU). Farao a través da firma de addendas ao convenio para os novos libramentos de fondos á Comunidade Autónoma.
Segundo o reitor da Universidade da Coruña, “ofrecer unha formación superior de calidade é e debe seguir sendo un dos piares fundamentais da Universidade”. E facelo con recursos é clave para adaptarse a unha nova forma de entender a educación superior nun contexto global”.
Neste contexto, Ricardo Cao, reivindicou a figura do persoal docente e investigador en xeral, “que realiza tarefas esenciais nas universidades, tomando como exemplo a figura de María Goyri, vangarda na investigación filolóxica e na reivindicación dos dereitos da muller e pioneira da educación” afirmou. E recordou que “avances como a intelixencia artificial ou todo o desenvolvemento realizado para superar a pandemia ten e tivo a súa base no traballo do persoal investigador”.
Neste sentido, reitor da UDC afirmou que o novo convenio “vai ser unha ferramenta indispensable para un correcto desenvolvemento desta lei orgánica, posibilitando tamén a necesaria renovación xeracional e a oferta de prazas de profesorado cunha posibilidade de incorporación de talento novo”.
Un programa, subliñou Cao, que é exemplo de cooperación entre administracións (Ministerio, Xunta e as tres universidades públicas Galegas, xa que a USC e a Uvigo, tamén asinaron o acordo) que permite arranxar unha situación consecuencia da nova Lei Orgánica e que pode servir de espello para explorar outras vías de colaboración semellantes “que permitan solucionar outras situacións de emprego non estable”.
Obxectivos
Entre os obxectivos principais do acordo asinado hoxe, atópase a cobertura a través do Programa María Goyri das necesidades de novo profesorado derivadas da implementación das dedicacións docentes en determinadas categorías de PDI que establece a LOSU.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC