A Coruña, 23 de abril de 2026
A Cátedra ALDABA-WIB fixo entrega do I Premio “Vídeos pola Igualdade” ao alumnado de 1º da ESO do colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense, polo vídeo titulado “Supertech”, nun acto celebrado no propio centro educativo.
Esta iniciativa enmárcase na aposta da Cátedra por fomentar a igualdade de xénero no ámbito tecnolóxico, coincidindo coa celebración da Semana do Día Internacional das Nenas nas TIC, que se conmemora cada ano o cuarto xoves de abril.
O vídeo gañador, “Supertech”, presenta a figura dunha superheroína que asume a misión de situar “no mapa” ás mulleres con vocacións STEM. A través dunha narrativa próxima e participativa, a peza audiovisual consegue transmitir unha mensaxe clara: a tecnoloxía tamén é un espazo para as mulleres.
O xurado, formado pola Dirección da Cátedra, valorou especialmente a orixinalidade da proposta, a forza do seu discurso, a calidade da realización e a súa perspectiva de igualdade. O traballo destaca por abordar un tema complexo cunha linguaxe accesible, empregando a creatividade, o humor e o traballo colaborativo para romper estereotipos e fomentar referentes femininos no ámbito tecnolóxico.
Durante o acto de entrega, representantes da Cátedra puxeron en valor non só o resultado final do proxecto, senón tamén o proceso educativo que hai detrás, destacando o traballo en equipo do alumnado e o acompañamento do profesorado. Así mesmo, subliñaron a importancia de impulsar este tipo de iniciativas desde as etapas educativas iniciais, onde se constrúen as vocacións e os referentes.
O premio, destinado a apoiar ao centro educativo, consistirá en material educativo e tecnolóxico que contribuirá a seguir fomentando o desenvolvemento de competencias dixitais e creativas no alumnado.
Próximas actividades en 2026
Tras este recoñecemento, a Cátedra ALDABA-WIB continuará desenvolvendo o seu calendario anual de actividades co obxectivo de reforzar o vínculo entre sociedade, universidade e empresa. Entre as iniciativas previstas destacan:
Sobre a Cátedra ALDABA-WIB
A Cátedra ALDABA-WIB foi creada no ano 2019 e promove a colaboración entre universidade e empresa para avanzar cara a un sector tecnolóxico máis igualitario, diverso e humano. Entre as súas liñas de actuación destacan o impulso do talento feminino nas TIC e o apoio ao estudantado para facilitar a súa inserción laboral.
Máis información sobre a Cátedra e a súas iniciativas.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC