O artigo 20 da Lei 6/2001, do 21 de decembro, orgánica de universidades atribúelles aos reitores das universidades a meirande parte das competencias que a autonomía universitaria lles confire aos órganos universitarios. Así mesmo, o artigo 65 dos Estatutos da Universidade da Coruña determina, de xeito específico, as competencias do máximo órgano unipersoal da universidade.
Pola súa banda, o artigo 23 da LOU, establece que ao xerente lle corresponde a xestión dos servizos administrativos e económicos da universidade. Asemade, o artigo 69 dos estatutos da universidade establecen que o xerente exercerá, baixo a potestade do reitor a xestión dos servizos económicos e administrativos da universidade e poderá ostentar, por delegación do reitor, a xefatura do persoal de administración e servizos.
A Lei do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común regula a delegación de competencias no seu artigo 13, establecendo que os órganos das distintas administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma administración.
Por todo o anterior, este reitorado, no uso das atribucións conferidas no artigo 20 da Lei orgánica de universidades e 65 dos Estatutos da Universidade da Coruña, RESOLVE:
Un.- Queda delegada no xerente da universidade a xefatura de persoal de administración e servizos e, en particular, as funcións seguintes:
- Executar, coordinar e controlar a política aprobada polos órganos de goberno sobre o PAS laboral e funcionario.
- Establecer as directrices conforme as cales exercerán as súas competencias en materia de persoal os distintos órganos e servizos da Universidade da Coruña.
- Dictar instruccións sobre política de persoal.
- Establecer os criterios para coordinar a programación de PAS.
- Preparar a oferta de emprego público así como os actos derivados dela.
- Propoñer as convocatorias de probas selectivas de PAS laboral fixo e interino, funcionarios de carreira e interinos, así como a dos membros dos tribunais de selección ou comisións de avaliación destas probas.
- A convocatoria de probas selectivas de PAS laboral temporal e a designación, se é o caso, dos tribunais e comisións de selección deste persoal.
- O nomeamento e cesamento do persoal PAS interino.
- Autorizar e asinar os contratos do PAS contratado temporal, así como a rescisión destes contratos.
- Asumir a inspección de persoal.
- Propoñer a designación de representantes da administración da universidade nas distintas comisións de negociación colectiva.
- Negociar directamente ou dictar as instruccións ás que deberán aterse os representantes da universidade cando proceda a negociación colectiva, xa sexa cos representantes do persoal contratado laboral ou do persoal funcionario.
- Os actos de execución dos convenios colectivos e demais pactos legalmente formalizados.
- Propoñer a estructura de postos de traballo.
- Autorizar a asistencia a cursos de selección, formación e perfeccionamento.
- As adscricións provisorias e as comisións de servizo do persoal PAS.
- O recoñecemento e adquisición de grao e trienios.
- Conceder os permisos e licencias non delegados aos decanos e directores de centros ou servizos.
- Os actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación .
- Os procedementos seguidos ante a Seguridade Social e Muface, así como as reclamacións previas á vía xudicial ou recursos que non esgoten a vía administrativa.
- Propoñer as concesións de autorización ou denegacións de compatibilidade cando corresponda a súa concesión ó reitor, e, así mesmo, os informes de compatibilidade cando a súa concesión corresponda a outras administracións.
- O asinamento de todas as comunicacións ao Rexistro Central de Persoal de todo o persoal PAS funcionario e contratado laboral.
- As accións derivadas da xestión da formación do PAS.
- Comunicar as resolucións reitorais en materia de persoal.
- Todos os actos de administración e xestión de persoal que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.
- As accións derivadas da coordinación da prevención de riscos da universidade.
Dous.- O xerente, respecto das funcións delegadas, poderá realizar encomendas de xestión ou delegación da sinatura en favor dos vicexerentes ou xefes de servizo.
Tres.- Quedan excluídos da presente delegación a favor do xerente:
- A convocatoria de probas selectivas de funcionarios de carreira e interinos, contratados laborais fixos e interinos, así como a designación dos tribunais e comisións de selección destas probas.
- O nomeamento do persoal PAS funcionario de carreira.
- O asinamento de contratos de persoal laboral fixo.
- O nomeamento, contratación e resolución de contratos do persoal docente.
- A xubilación.
- A declaración das situacións administrativas.
- A concesión dos permisos do profesorado atribuídos polos Estatutos da universidade á Comisión de Goberno, reitor e decanos e directores de centros.
- A presentación dos recursos que esgoten a vía administrativa.
- A interposición de demandas ou iniciación de procedementos xudiciais.
- A imposición de sancións administrativas no caso de que sexa necesario o expediente disciplinario previo.
Cuarto.- Os actos e resolucións dictados en uso da presente delegación de atribucións, farán constar expresamente esta e consideraranse dictados pola autoridade do reitor.
Quinto.- En calquera momento o reitor poderá avocar para si o coñecemento e resolución de cantos asuntos considere oportunos en relación coas atribucións delegadas.
Disposición derradeira.- Esta resolución terá eficacia o día da data.
A Coruña, 10 de marzo de 2004.
O REITOR,
José María Barja Pérez.