Presentación ao Claustro da Memoria de 2014

Mércores, 25 de marzo de 2015 - 9.00 h
Paraninfo

Deseguido paso a expoñerlles, dun xeito sintético, algunhas reflexións e valoracións que coido de interese para acompañar a presentación da Memoria de Xestión correspondente ao exercicio de 2014.

Esta Memoria, elaborada coa documentación achegada por todas as vicerreitorías e todos os servizos da Universidade, púxose ao dispor dos membros do Claustro hai unha semana a través da intranet.

Nas súas duascentas páxinas inclúense abundante información estatística sobre as actividades da Universidade no ámbito da docencia, da investigación, da innovación e da xestión.

Como se vén facendo nestes últimos anos, xunto coa información que corresponde, en sentido estrito, á xestión –que é a obrigada polo mandato estatutario– incorporamos series con datos e indicadores necesarios para obter unha radiografía o máis axustada posible do estado da institución a 31 de decembro de 2014.

O feito de que o recorte orzamentario ocupe un lugar indesexablemente central na xestión do día a día, non debe impedir que, na hora de facer balance, salientemos a normalidade académica coa que discorreu o ano obxecto desta memoria.

En 2014 matriculáronse máis de 3.300 novos estudantes nos 38 graos ofertados. A diminución do alumnado total de grao e titulacións non adaptadas ao EEES reflíctese nunha suma total de algo menos de 17.000 alumnos e alumnas, o que supón 1.200 persoas menos.

Tanto nos mestrados oficiais, como na tutela académica mantéñense as cifras estables respecto do ano anterior. Se engadimos outros alumnados (posgraos propios, sénior) temos a cifra total de 21.500 persoas que se están a formar nos campus da Universidade da Coruña.

Na actualidade a nosa universidade reserva arredor dun millón e medio de euros do seu orzamento para as distintas modalidades de bolsas e axudas existentes. Esta cifra supón un 1,3% do noso orzamento total, un dato que expresa por si só a sensibilidade da nosa institución nun aspecto crucial para a igualdade de oportunidades.

Teño que subliñar que nos orzamentos de 2014 seguimos o criterio de reformular os fondos destinados a bolsas e axudas propias, co obxectivo de facerlles fronte ás circunstancias especiais do alumnado derivadas dos efectos sociais da crise e das novas (e inxustas) restricións do Ministerio de Educación para acceder ás súas bolsas.

Así, outorgándolle un tratamento preferente ás bolsas e axudas puidemos crear un fondo específico da UDC para minorar os efectos da redución de axudas públicas para o acceso á Universidade en igualdade de condicións.

Docencia. Quero salientar que no esforzo permanente por lles ofrecer a todas elas unha docencia de calidade está implicada activamente a inmensa maioría do profesorado. Quero expresalo, subliñalo e agradecelo, porque esa é a nosa primeira responsabilidade como membros da Universidade.

Ao se desenvolveren os sistemas internos de calidade nos centros (que están a ser certificados pola ACSUG) todos os graos e mestrados puideron elaborar os seus informes anuais. Estes informes potencian a política de calidade que, máis alá do cumprimento da legalidade, constitúen un obxectivo prioritario da nosa xestión.

No curso 2013-2014 implatouse o primeiro curso do Grao en Enxeñaría Naval e Oceánica (o único pendente de se implantar) e o último curso dos 12 graos que comezaran no ano académico 2010-2011. O longo e complexo proceso de transformación está, xa que logo, a piques de rematar con éxito. Haberá que dar a lóxica marxe de tempo (se nos deixan, que esa é outra) para valorarmos con rigor e perspectiva o resultado dun cambio que leva consumidas moitas enerxías da comunidade universitaria nos últimos anos.

Estamos a promover as dobres titulacións (hai catro programas de simultaneidade neste momento) e os mestrados e programas de doutoramento interuniversitarios. Dezasete dos mestrados ofertados este ano teñen ese carácter interuniversitario (40%), do mesmo xeito que dous de cada tres programas de doutoramento.

Internacionalización. De xeito paralelo, e en liña co Plan estratéxico aprobado por este Claustro, ao longo de 2014 demos pasos moi importantes e significativos nos obxectivos de internacionalización marcados.

Así, implantáronse dous graos internacionais en ADE e Informática, compartidos con universidades do Reino Unido e de Australia. Son os nosos primeiros graos internacionais. Os pioneiros, que nos servirán como referencia para os que se introduzan no futuro.

Así mesmo, incorporamos un quinto mestrado internacional como dobre titulación coa Universidade de Palermo. A continuidade destes mestrados, nos que puxemos moito esforzo e ilusión, está condicionada a que poidamos resolver as discrepancias coa Xunta á hora de computar o seu alumnado.

Canto á docencia en inglés, os resultados son moi positivos. Consolidáronse os programas en varios graos e comezaron noutros tres (concretamente en Arquitectura, Arquitectura Técnica e Dereito). Para o profesorado púxose en marcha un programa específico de apoio, co que se complementan os seminarios “Teaching in English” do CUFIE.

Outra iniciativa de éxito no ano de referencia foi a primeira convocatoria da International Summer School, con profesorado estranxeiro e cunha elevada participación de estudantado estranxeiro. A oferta de quince cursos de tres semanas foi un éxito que esperamos repetir na edición deste ano e nas vindeiras.

Permítanme engadir que estas actuacións están levando a un incremento do estudantado estranxeiro na Universidade da Coruña. Por contra, segue a tendencia á baixa dos estudantes da UDC que saen ao estranxeiro. Unha dinámica, por certo, común a todas as universidades españolas.

Investigación. No capítulo de investigación e transferencia, mantense o crecemento sostido na produción científica nos últimos cinco anos, cunha taxa de aumento anual de preto do 18%.

Tamén obtivemos melloras significativas na captación de recursos competitivos. En particular, no que atinxe aos proxectos estatais, que volveron ás súas cifras habituais, logo dun nefasto ano 2013 en que non houbo nin convocatoria nin resolución de proxectos.

Conseguíronse 11 proxectos europeos, o número máis alto da serie histórica da UDC. Hai unha clara correspondencia entre o esforzo que fixemos para que os investigadores da nosa Universidade participasen no programa Horizon 2020 e o elevado número de solicitdes presentadas: 62 en total, moitas delas aínda sen resolver. Cómpre lembrar que nunca antes pasaramos de 40 solicitudes.

Este balance positivo na obtención de recursos en convocatoria competitivas non se deu, en cambio, no ámbito da transferencia de investigación e a tecnoloxía. Nos cadros incluídos na Memoria reflíctese o forte impacto da ausencia de novas convocatorias e resolucións de Feder Interconecta, Conecta Peme ou a Axencia Galega de Innovación.

E un último apuntamento en materia de transferencia. A Universidade participa xa no capital social de sete spin-off vinculadas ao Viveiro de Empresas de Base Tecnolóxica. Ao longo do exercicio comezaron estudos para constituír outras seis máis, participadas tamén pola Universidade. Seguiremos potenciándoas, igual que, en xeral, as iniciativas de vinculación co sector produtivo que tamén se tomaron en 2014.

Economía. Falemos agora de economía e da política de persoal. Ou sería máis preciso dicir que falamos do impacto tan negativo que están tendo nos campus as medidas económicas e laborais adoptadas polo Estado e pola Xunta nos tres últimos anos.

Desde que estalou a crise e os orzamentos das universidades comezaron a caer abruptamente, a Universidade da Coruña xa perdeu case 23 millóns de euros nos seus orzamentos. Neste último ano a caída nominal foi de preto de 5 millóns.

Os datos –detallados no correspondente capítulo da Memoria– son tan abraiantes que posiblemente non requiran moito comentario.

Ao longo de todo o ano viñemos denunciado, por activa e por pasiva, en público e en privado, o grave dano que se lles está a facer ás universidades cando máis se require o seu concurso, tanto para avanzar na economía do coñecemento como para atender o dereito universal á educación coa igualdade de oportunidades garantida.

En 2014 seguimos, pois, perdendo recursos e cunha permanente sensación de asfixia económica que cada día fai perigar máis o compromiso de calidade propio da Universidade.

Mantéñense as reducións salariais do persoal e os severos recortes en bens e servizos. Porén, en 2014 conseguimos rematar a ampliación do CITIC, abrir a Área Científica que lle dá servizo á Facultade de Informática e á Escola de Camiños. E conseguimos tamén que, por fin, se executase o convenio co Concello da Coruña para renovar o pavimento do campus de Elviña.

Canto á ampliación do CITEEC, as obras reanudaranse de inmediato, tan pronto nos chegue o permiso pendente da Axencia Estatal de Servidumes Aeronáuticas.

Profesorado. Lamentablemente, a valoración que fixen hai uno ao lles presentar a memoria de 2013 podería repetila hoxe case punto por punto. Porque o acceso e a promoción do persoal docente e investigador seguiron paralizados, ao manter o Goberno a taxa de reposición do cadro de persoal no 10%. Xa que logo, a oferta de emprego público da Universidade da Coruña para 2014 consistíu en dúas prazas de profesorado contratado doutor. De tal xeito, resultou legalmente imposible formular unha mínima política de promoción e contratación de profesorado.

Os límites son tan estritos que botamos o ano dando cabezadas contra a administración autonómica que, por se fosen poucas as restricións, tamén optou por limitar a contratación temporal de profesorado só aos casos de “necesidades docentes urxentes e inaprazables”.

A única vía posible para paliar a situación foron os concursos autorizados pola Xunta para a provisión temporal de postos de PDI, mediante a figura de asociados e de contratados interinos de substitución con dedicación parcial.

Ao longo do ano incrementamos o número de profesores doutores (20 máis), pero topámonos de novo coa barreira dunha interpretación restritiva da legalidade cando tentamos ofrecerlles unha saída, mediante a figura do profesor contratado doutor interino, aos “pondales” e aos axudantes doutores que rematan contrato.

25 anos. Non quixera rematar esta primeira intervención miña sen lembrar que desde setembro, no comezo do curso, estamos a conmemorar os primeiros 25 anos de vida da nosa Universidade.

As efemérides serven para repasarmos o traballo desenvolto. Para visualizarmos o esforzo colectivo de construción e consolidación da Universidade da Coruña. Para poñermos en valor non só as funcións docentes e científicas que desenvolvemos, senón o valor social que ten contar na Coruña e Ferrol cunha universidade pública.

Tamén para recapitular e reflexionar sobre o presente da Universidade e para actualizar o noso compromiso co progreso da sociedade. A sociedade que nos sostén cos seus recursos e que nos esixe un servizo público de calidade accesible en condicións de igualdade para calquera persoa que queira cursar estudos superiores.

Unha universidade, en fin, comprometida, moderna e aberta ao mundo, na que, ano tras ano, curso tras curso, empeñamos o traballo e o esforzo do profesorado, do persoal e dos miles de estudantes que integran a nosa comunidade universitaria.

Máis nada. Moitas grazas.

 

A Coruña, 25 de marzo de 2015