Presentación ao Claustro da Memoria de 2013

Martes, 6 de maio de 2014 - 10.00 h
Paraninfo

Bos días a todas e a todos:

Os nosos estatutos establecen, no seu artigo 36, a obriga do reitor de presentar todos os anos unha memoria de xestión para o seu debate e votación no Claustro.

Os datos e as valoracións sobre a xestión do meu equipo de goberno ao longo de 2013 –que coincide co ecuador do meu mandato– recollénse no texto que se puxo ao dispor dos/das claustrais, o pasado 14 de abril, no sitio web da Universidade.

O difícil contexto económico en que discorreu o ano non impide que poidamos valorar os pasos adiante que, nun escenario de normalidade académica, se deron nalgúns ámbitos de carácter estratéxico para a nosa institución.

Nesta intervención detereime só nos máis salientables, sen prexuízo, por suposto, de lles ampliar a información ou de enfrontar outros aspectos da miña xestión no debate posterior.

Cando falo do problemático contexto económico refírome, claro está, á importante redución das achegas ao Plan de financiamento do Sistema Universitario Galego, asociada, en parte, á baixada das retribucións dos empregados públicos dependentes da Xunta. Esta situación, tan negativa, obrigou a formular uns axustes máis severos dos previstos na Programación plurianual 2011-2013.

Xa que logo, o orzamento da UDC reduciuse por terceiro ano consecutivo, cunha caída nominal de 3,7 millóns, o que supuxo un 3% menos respecto do exercicio anterior. Manter os gastos de persoal e os compromisos de axudas e bolsas só foi posible tirando de fondos propios e cunha forte contención no gasto en bens e servizos e nos investimentos.

O impacto do recorte visualízase na escaseza de orzamento para infraestruturas (un 13% menos que no orzamento de 2012). Aínda así, fomos quen de poñer en marcha a Residencia Universitaria de Ferrol, grazas á colaboración institucional co Concello e coa Xunta. As intervencións que se fixeron nos campus foron só para mantemento e algunhas, como a dos viais do campus coruñés, houbo que as adiar a 2014.

Como saben vostedes, en abril de 2012 o Goberno central aprobou, mediante decreto, unhas medidas chamadas “de racionalización do gasto público no ámbito educativo” que, na práctica, permiten brutais subas das taxas. O decreto proclama, ás claras, que o seu obxectivo é aproximar gradualmente a contía dos prezos públicos ao custo real da prestación do servizo.

A noticia positiva foi que a Xunta aceptou a petición das tres universidades do país para conxelar as taxas de matrícula. O presidente do Goberno galego xa anunciou que no vindeiro curso 2014-2015 se manterá esta medida.

Canto ás bolsas propias, como dixen, mantivemos o esforzo malia diminuír o capítulo correspondente por minoración de axudas financiadas por outras entidades. Así mesmo, creamos un fondo especial para atender o alumnado con dificultades económicas sobrevidas por mor da crise que os obrigarían a abandonar os estudos na UDC.

Non me cansarei de repetir que a educación, en calquera dos seus niveis, incluído o superior, é un dereito universal irrenunciable.

Nas actuais circunstancias non deixaremos de dar a batalla por defender esta conquista colectiva, de tan fondo alcance para os mecanismos de ascenso social e para a cohesión da sociedade. Por iso discrepamos dos novos criterios ministeriais para o acceso ás bolsas.

Completamos, por fin, a implantación dos 38 graos resultantes da transformación das antigas licenciaturas e diplomaturas, que están xa en fase de extinción. Vellas e novas titulacións de grao suman 18.000 dos máis de 22.000 estudantes matriculados na nosa universidade nos distintos ámbitos de estudo.

A Universidade da Coruña foi a primeira de Galicia en poñer en marcha os programas de simultaneidade –as dobres titulacións–, que teñen unha magnífica acollida, polo que nos propoñemos incorporar outros novos que amplíen a nosa oferta académica.

O forte incremento na matrícula dos mestrados oficiais (un 24%) e o máis moderado en tutela académica (5%) compensan, en parte, o descenso no alumnado de grao e titulacións non adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior. Xa que logo, o número global de alumnos e alumnas mantense nun nivel semellante ao do curso anterior.

Na política de calidade déronse pasos moi importantes. Un deles foi a creación da figura do responsable de calidade en cada centro. Outro, o deseño dun sistema de garantía interna de calidade, certificado e implantado, e do que xa dispoñen todas as escolas e facultades, tanto da Coruña como de Ferrol.

No ámbito da formación científica quixera salientar a creación da Escola Internacional de Doutoramento, xa en funcionamento cos seus correspondentes órganos de goberno (comité de dirección e comisión permanente). O 2013 foi o ano en que máis teses se leron na historia da UDC. Ademais, un convenio con Inditex permítenos convocar en diante estadías internacionais de estudantes de doutoramento, co obxectivo de incrementar a porcentaxe de doutores e doutoras con mención internacional.

Pola proxección internacional pasa un dos eixes estratéxicos en que se desenvolveu a acción do meu equipo de goberno ao longo do ano pasado.

Estanse a incrementar progresivamente as aulas en inglés, implantáronse dous novos mestrados internacionais (conveniados cunha universidade francesa e con outra portuguesa) e ampliouse a oferta no programa Erasmus con máis destinos para alumnado e profesorado. A evolución da mobilidade estudantil foi moi positiva, pois melloraron todas as taxas de mobilidade con respecto ao curso anterior.

A internacionalización é un reto de envergadura, un obxectivo a medio prazo que enfrontamos, con confianza e con rigor, sentando as bases para potenciar a integración en redes de colaboración xa existentes ou participando en máis programas especiais, como o Erasmus Mundus Tempo, en que estamos consorciados con outras 20 universidades europeas.

A internacionalización pasa tamén por intensificar a participación en proxectos de investigación internacionais. En decembro comezou un programa intensivo para estimular a presentación de propostas no marco do programa Horizon 2020 que, como saben, vén sendo o equivalente ao oitavo programa marco da UE.

O goberno non fixo convocatoria de axudas a proxectos de investigación en 2012 e, daquela, non houbo resolución ningunha en 2013, como se reflicte nas táboas incluídas na Memoria e como ben saben os investigadores vítimas de semellante despropósito ministerial.

Non obstante, esta anómala circunstancia quedou enmascarada no importe total dos proxectos de 2013 pola incorporación dos 3,2 millóns correspondentes á primeira fase do proxecto A-Tempo e que se executarán ao longo de 2014 e 2015. O obxectivo deste programa é impulsar a competitividade do sector naval en novos nichos de negocio fomentando a innovación empresarial.

Tamén se mellorou –cómpre mencionalo pola súa importancia para os obxectivo que nos propoñemos– a taxa de éxito na captación de axudas da Xunta para consolidar grupos de investigación.

Na mesma liña, quero salientar a notable participación dos grupos da UDC nas convocatorias FEDER Interconecta (do CDTI) e Conecta PEME (da Axencia Galega de Innovación) en consorcio con empresas. Os cadros do Informe de Xestión incorporan o gasto comprometido non só para 2013, senón tamén para 2014 e 2015, polo que cabe agardar que as cifras totais sexan moito menores no cómputo total do presente ano.

Así mesmo, rexistramos un substancial incremento do número de convenios asinados ao longo do ano (916 fronte aos 777 de 2012), consecuencia do esforzo por ampliar as relacións coas empresas e cos axentes sociais e culturais do noso contorno. Unha parte importante deles oriéntanse ás prácticas dos estudantes, tal e como esixen os plans de estudos dos novos graos. Por certo que as prácticas contan desde abril cunha nova normativa, que regula tanto as curriculares como as extracurriculares.

Como dicía no comezo desta intervención, hai medidas gobernamentais que están a nos ocasionar graves atrancos a todas as universidades para manter os estándares de calidade. Unha delas, que neste momento preocupa enormemente nos campus de todo o Estado, é a taxa de reposición do 10% imposta para o profesorado.

Estamos a perder recursos humanos de calidade e está completamente bloqueada a promoción do profesorado, sen opción ningunha para o acceso á profesión académica e para os profesores que pasaron procesos de acreditación. No conxunto das universidades públicas españolas xa se reduciron os cadros de persoal un 9% nos últimos cinco anos.

O mantemento desta medida restritiva abócanos a unha etapa de incremento do PDI laboral en situación de interinidade e de precariedade, co seu previsible impacto na calidade e na motivación dos profesionais.

No lado positivo deste balance anual, apúntolles que 29 docentes máis do cadro de persoal da Universidade da Coruña incrementaron o número neto de profesores doutores e doutoras.

Canto á política de persoal de administración e servizos, o Consello de Goberno renovou en febreiro a relación de postos de traballo. A nova RPT permite establecer novos modelos de xestión económica mediante as unidades de xestión académica integrada, así como reforzar as estruturas de xestión da investigación e da calidade das titulacións, entre outros aspectos.

Do mesmo xeito, a RPT inclúe o proceso de funcionarización do persoal laboral, do que se desenvolveu a primeira fase a mediados de ano e que terá continuidade nos vindeiros meses. Executamos así o compromiso estatutario (disposición final sétima) de ir a un corpo único de persoal de administración e servizos.

Quixera rematar esta presentación do Informe de Xestión de 2013 cunha mensaxe positiva.

A realidade é a que é. Obríganos a un esforzo de eficiencia e de motivación que ten que estar á altura da nosa responsabilidade social e do que de nós espera a cidadanía.

Ese esforzo e ese sentido da responsabilidade en circunstancias adversas permítennos facer este balance realista de 2013, sintetizado no informe que hoxe presento a consideración do Claustro.

A preocupación polos atrancos importantes derivados das políticas para enfrontar a crise non van alterar o rumbo da nosa universidade. Ese rumbo que o Claustro estableceu ao aprobar, pouco antes de acabar o ano, o Plan estratéxico para o período 2013-2020. Estratexia, obxectivos e accións para enfrontar con éxito esta etapa e chegar ás metas que nel se marcaron, coa implicación activa de toda a comunidade universitaria.

Máis nada de momento. Estou ao seu dispor para debater sobre os aspectos da xestión de 2013 que consideren do seu interese. Moitas grazas.


A Coruña, 6 de maio de 2014