Discurso na presentación do Informe de Xestión de 2012 ao Claustro

Señoras e Señores Claustrais,

Desde o pasado día 19 está dispoñible na intranet, para todas e todos os membros do Claustro, o Informe de Xestión correspondente a 2012, primeiro ano do meu mandato como reitor. En cumprimento do mandato estatutario, hoxe temos que debatelo e votalo.

No documento, de 200 páxinas, recóllese toda a información precisa para coñecer e avaliar a miña xestión. Cabo dela, inclúense valoracións e informacións complementarias sobre as distintas áreas de responsabilidade en que o equipo de goberno ten distribuídas as súas funcións.

Consonte o principio de transparencia e como se veu facendo nos últimos anos, a información sobre a xestión propiamente dita compleméntase con cadros, táboas e indicadores que permiten ampliar a panorámica sobre a evolución da nosa Universidade ao longo do ano e dispoñer, ademais, de información de utilidade basicamente documental.

O orzamento da UDC baixou en 2012 a un nivel inferior ao de 2008. Se as contas de 2011 xa diminuíran máis de 8 millóns de euros, as de 2012 engadiron unha perda nos recursos dispoñibles doutros 6,4 millóns. Dito doutro xeito: en só dous exercicios acumulamos un retroceso orzamentario de 14,6 millóns de euros.

Este é o escenario económico co que enfrontamos os gastos e investimentos ao longo do ano, parte do cal (exactamente ata abril) se executou co orzamento prorrogado de 2011.

Este é, tamén, o escenario producido polo recorte dos fondos do Plan de financiamento do sistema universitario galego e das achegas para apoio ao estudantado e á investigación.

Nun contexto así, o esforzo do meu equipo de goberno centrouse en manter as prioridades da programación plurianual. E, sobre todo, en prestar atención prioritaria ao alumnado e á cualificación e mantemento do persoal, como xa anunciei no comezo do ano.

Daquela, unha vez que a Xunta de Galicia toma a decisión de reducir os fondos, nós tratamos de suavizar os seus efectos sobre o noso principal activo, que non é outra cousa que o talento das persoas que traballan na Universidade.

A nosa prioridade son as persoas e, xa que logo, a nosa preocupación pasa, en primeiro lugar, por enfrontar o impacto das medidas das administracións públicas que lle afectan á igualdade de oportunidades para acceder aos estudos universitarios.

Así, un real decreto do 20 de abril converteu as taxas que pagan os estudantes para se matricularen de grao ou mestrado nunha porcentaxe do custo do servizo, cunha suba inicial de entre o 15 e o 25%. Para os mestrados non profesionalizantes o abano púxose de partida entre o 40 e o 50%. Mais a propia exposición de motivos do decreto prevé que se irá a un aumento progresivo ata alcanzar o custo total.

Dous meses despois, o 29 de xuño, o Consello de Ministros decidiu incrementar as esixencias académicas para obter a condición de bolseiro xeral e para acceder ás bolsas-salario, con novos requisitos tanto na nota das probas de acceso á Universidade como na porcentaxe de créditos aprobados en segundo e restantes cursos.

Nunha declaración en defensa da Universidade pública, o Claustro opúxose por unanimidade á suba do custo das matrículas universitarias, lembrou que xa pedira a súa conxelación en 2008 e defendeu o dereito de todas e todos a unha educación superior universal, pública e de calidade. A Xunta de Galicia foi sensible ás demandas da comunidade universitaria e optou por conxelar o prezo da primeira matrícula. Por desgraza, non foi así noutras partes do Estado, onde moitas comunidades autónomas aproveitaron para aplicar subas realmente brutais.

Outro dos eixes da xestión de 2012 orientouse a suavizar os efectos da redución de recursos sobre os cadros de persoal, tanto no caso do persoal docente e investigador como no de administración e servizos.

Mentres foi posible, no ámbito do PDI e en aplicación dos criterios de promoción e estabilización, convocáronse 58 prazas de profesorado doutor permanente ou con compromiso de estabilidade. Non obstante, a progresión na mellora cualitativa do noso cadro de persoal docente e investigador estase vendo atrancada xa por novas disposicións estatais e autonómicas. Disposicións que minguan seriamente a capacidade das universidades para exercer a súa autonomía.

Entre outras cousas, limítase o custo do persoal, a taxa de reposición non pode superar un 10% e prohíbense as medidas para incentivar a xubilación voluntaria, que nos estaban dando bos resultados.

Canto ao persoal de administración e servizos, comezamos a negociación dunha nova RPT e en xullo asinamos coas organizacións sindicais un acordo para iniciar o proceso de funcionarización do persoal laboral. Deste xeito, cumprimos o mandato dos Estatutos de integrar progresivamente o persoal de administración e servizos nun corpo único.

A captación de recursos para investigación experimentou un importante repunte (2,6 millóns), logo da brusca caída de 2011 ocasionada pola non convocatoria dos plans competitivos autonómicos e pola diminución de contratos e convenios coas administracións públicas e coas empresas. Estamos diante dun indicador obviamente positivo, mais debémolo interpretar con prudencia, pois estamos vendo como seguen a caer, en exercicios sucesivos, os recursos públicos para proxectos competitivos.

A Confederación de Sociedades Científicas de España estima que nos últimos catro anos caeu un 31% o financiamento da I+D e agora mesmo segue no aire a convocatoria do Plan Nacional para este ano. Hai uns díasa trascendeu que España xa non ocupa a a novena posición no ranking mundial por publicacións científicas. Cedeulle a praza á India e as previsións indican que os resultados do retroceso actual iranse reflectindo en posteriores perdas de posicións.

Ao longo do ano a Universidade da Coruña incorporou ás súas regulamentacións os cambios lexislativos en materia de transferencia. Así mesmo, participamos na primeira convocatoria para avaliar os grupos de investigación por parte da Asociación Nacional de Evaluación y Prospectiva (ANEP). O coñecemento dos nosos puntos fortes e febles permitiranos avanzar na mellora e tamén no financiamento plurianual dos grupos.

En paralelo, despexadas as dúbidas e pechada –esperemos que de verdade– a reforma dos estudos de doutoramento, as universidades galegas concordamos nunhas bases comúns para os respectivos regulamentos destes estudos. Nós aprobámolas en xullo.

Sobre esta base e acollidos ás previsións da Lei de ciencia de 2011, contra fin de ano acordamos crear a Escola Internacional de Doutoramento da UDC. Esta escola asumirá en diante a organización, supervisión e seguimento de todas as actividades propias dos estudos de doutoramento. Estou seguro de que, tanto desde a óptica do profesorado como do estudantado, a Escola axilizará e mellorará a xestión e potenciará a formación investigadora. Cómpre anotar aquí que en 2012 se incrementou case un 25% o número de teses lidas nos nosos centros.

Coido que ao longo do primeiro ano de xestión fixemos un sólido traballo no ámbito da internacionalización, que é, como saben, unha liña estratéxica de actuación para os vindeiros anos.

Incrementamos e melloramos a mobilidade de estudantes, profesorado e persoal de administración e servizos e potenciamos a promoción da UDC no eido internacional.

Para captar máis estudantes estranxeiros, ademais de asinar máis convenios xerais ou específicos, emprendemos dúas accións importantes.

En primeiro lugar, a participación en programas internacionais de mobilidade académica, como o programa “Ciencia sen fronteiras”, que trouxo 50 alumnos e alumnas brasileiros.

En segundo lugar, coa activación do programa de docencia en inglés, co que se incentiva (con redución de docencia, obradoiros ou cursiños) a ampliación da oferta de materias en inglés. Unha acción fundamental para captar máis estudantes foráneos, ao tempo que o noso alumnado mellora as súas propias opcións de mobilidade.

Resulta, tamén, o camiño axeitado para procurar dobres ou múltiples titulacións con universidades estranxeiras. A día de hoxe un 40% dos mestrados teñen carácter interuniversitario, mais aínda son poucos os vinculados a universidades de fóra do Estado.

Mantemos unha matrícula estable tanto en grao e mestrados como en doutoramento, mentres consolidamos as estruturas de aseguramento da calidade, con pasos como a creación da figura do responsable de calidade nos centros.

En definitiva, e para concluír: os recortes e as disposicións legais condicionaron gravemente a nosa capacidade de actuación e limitaron a nosa autonomía. Nós optamos por nos centrar na defensa do talento, que é o gran activo que ten a Universidade, e en protexer o dereito ao acceso aos estudos superiores.

Como consecuencia, tivemos que deixar as infraestruturas en segundo plano e recortar gastos en centros e departamentos. Mais non nos apartamos un chisco do noso compromiso coa mellora da calidade en todos os ámbitos, co fomento da investigación e coa promoción da internacionalización.

Isto é: non nos apartamos do noso compromiso co modelo de Universidade pública de calidade que defendemos e queremos para a Universidade da Coruña.

A Coruña, 30 de abril de 2013