Doutoramento honoris causa de Thomas J.R. Hughes e Hanneke van Bruggen

A tradición deposita no reitor a responsabilidade de pechar o acto de investidura dos novos doutores e doutoras “honoris causa” cun discurso de benvida.

Unha cadea de decisións colexiadas, xa expostas no comezo da sesión, avala a concesión da máis alta distinción da Universidade da Coruña a dous persoeiros de relevancia mundial nos seus respectivos ámbitos científicos.

Desde hoxe, o profesor Thomas Hughes e a profesora Hanneke van Bruggen pasan a formar parte dos nosos referentes académicos e científicos.

Co seu nomeamento como doutora e doutor honoríficos, a Universidade da Coruña recoñece neles as súas senlleiras achegas no ámbito da terapia ocupacional, no caso da doutora Van Bruggen, e no da mecánica computacional, no caso do doutor Hughes. Cando dicimos “senlleiras” queremos expresar que os seus contributos á ciencia son singulares, únicos, dunha valía académica e científica extraordinaria. Do seu pensar e do seu facer queda axeitado testemuño nas súas magníficas lectio doctoralis e nas respectivas semblanzas dos padriños.

Esa excepcionalidade é a que nós estamos a homenaxear hoxe aquí, neste Paraninfo coruñés, escenario dos fitos máis significativos da nosa universidade.

A laudatio do profesor Navarrina condensa perfectamente o vigor científico da xa longa traxectoria do profesor Hughes e dos seus brillantes traballos en mecánica computacional. A aplicación das súas investigacións, como explicou o padriño, non só teñen un notable impacto internacional, senón que mesmo abriron as portas para a exploración de novos campos da I+D+i.

Igualmente, como expuxo o profesor Santos del Riego, a actividade da profesora Van Bruggen ten moito que ver co desenvolvemento e o prestixio alcanzado polos estudos de terapia ocupacional na Facultade de Ciencias da Saúde, que son un referente no conxunto do Estado.

O desenvolvemento desta disciplina en Europa nas últimas décadas non se entendería sen o impagable esforzo e sen o compromiso da doutora Van Bruggen. Ela está detrás de iniciativas, xestións, organizacións e proxectos de investigación encamiñados a dous grandes obxectivos: consolidar a formación superior dos profesionais da terapia ocupacional e promover unha cultura da integración para as persoas con discapacidades.

Os nosos novos doutores comparten nas súas biografías unha común traxectoria universitaria, cada un no seu respectivo campo. Unha común traxectoria e vinculación universitaria, cada unha coas súas lóxicas peculiaridades, mais coa universidade como eixe central arredor do que foron tecendo o currículo que hoxe recoñecemos neste acto.

Acollémolos na Universidade da Coruña como recoñecemento simbólico, mais tamén para tirar exemplo e proveito da súa paixón polo saber e do seu compromiso co ensino superior, coa ciencia e co benestar social.

A Universidade é o gran molde onde a combinación de estudo, perserveranza, esforzo e talento creador fan posible que o saber agrome, medre e fermente niso que damos en chamar ciencia. Quizais –eu coido que si– a máis grande obra do ser humano.

Hai moitos modelos de universidade en vigor, cada un deles coas súas prioridades e as súas estratexias.

No actual contexto sociopolítico convén clareza no modelo para que a idea de Universidade pública como gran faro do pensamento, da reflexión crítica e do saber, non sucumba. E para que non se ameace o seu substancial papel na cohesión social nin o seu fundamental labor –tanto simbólico como práctico– para a realización persoal e, sobre todo, para a igualdade de oportunidades. A igualdade de oportunidades sobre a que asenta o acosado modelo do Estado social europeo que defendemos.

Pois ben, eu son dos que cren que, cando menos no noso contorno europeo, unha universidade pública moderna debe asentarse sobre os piares da docencia de calidade e da investigación.

O material deses piares non pode ser outro que o talento. O talento do profesorado e dos científicos. O talento dos e das estudantes que estudan e se forman na alta cualificación profesional que lles demanda a sociedade. Talento que forma talento. Talento que xera saber (Saber, con maiúscula).

No mundo de hoxe o progreso e o benestar vincúlanse estreitamente coa capacidade científica e de innovación dos países e de entidades supranacionais como a Unión Europea. Na sociedade do coñecemento tanto vale unha economía canto máis investiga e máis innova.

Por iso nos preocupa moito a perda de capacidade e de recursos que, tanto na docencia como na investigación, están a sufrir as nosas universidades.

As sociedades científicas e as universidades españolas estamos advertindo de que o investimento público español en I+D+i se reduciu un 40% desde 2009, mentres os programas de contratación de investigadores novos acusan recortes de máis do 30%. Outra vez a diáspora da intelixencia ou, como diría Manuel Vicent, “a maldición de sempre”.

Hai só uns días, a Segunda Carta pola Ciencia, subscrita por milleiros de científicos e tecnólogos, reiterou que unha moi seria ameaza pon en risco de abandono liñas de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico punteiras.

Porén, e malia os nubeiros, cómpre non caermos no desalento. Cando procuramos referentes como os que nos achegan hoxe a ETS de Camiños e a Facultade de Ciencias da Saúde estamos a marcar, con confianza e convición, o sendeiro polo que quere camiñar a Universidade da Coruña nos vindeiros anos. Por iso acudimos aos mellores para aprender dos mellores: para nos guiar na alta misión social e cultural que atende a Universidade.

A nosa institución cumprirá 25 anos en 2014. En tan curto espazo de tempo fomos quen, entre todos e todas, de poñer en pé unha Universidade moderna, dinámica e de calidade.

A vinculación da profesora Van Bruggen cos estudos de terapia ocupacional que se imparten no campus de Oza é unha boa mostra da nosa capacidade para comprimir etapas e situarnos entre os mellores. É un exemplo tamén da nosa madureza para obter os mellores estándares de calidade que, neste ámbito concreto, levan aparellados un elevado grao de compromiso ético e social que cómpre salientar.

A homenaxe aos dous ilustres profesores que se incorporan ao noso claustro de honra débenos servir de estímulo para impulsar a internacionalización da Universidade da Coruña. Temos que ser conscientes da envergadura deste reto, fundamental no noso planeamento estratéxico a medio prazo.

Por diante temos ese obxectivo institucional europeo de que en 2020 a mobilidade estudantil alcance un 20% do alumnado. Pero máis alá da mobilidade estudantil, a Universidade da Coruña está dando pasos sólidos para gañar presenza académica e científica no espazo internacional.

Imponse participar máis en redes internacionais e en proxectos relevantes, e crear as condicións necesarias para incrementar a colaboración ou as alianzas estratéxicas en ámbitos da docencia, en particular nos doutoramentos e nos mestrados.

Somos realistas, mais ambiciosos e conscientes da nosa responsabilidade para avanzarmos con rigor neste proceso, hoxe en fase case embrionaria, pero xa con esperanzadores exemplos de resultados e éxitos.

Mobilidade para a aprendizaxe e mobilidade para a investigación. Para vir a investigar ou estudar nos campus da Coruña e Ferrol ou para saír a outras universidades. As laudatio dos nosos novos doutores “honoris causa” detallaron polo miúdo o historial de mobilidade, cooperación e altura de miras que agochan os seus brillantes currículos.

Tomemos exemplo, pois, para nos atrever. Fagamos uso das nosas fortalezas –que as temos, e moitas– e apliquémonos a corrixir as nosas debilidades para crear canles estables de colaboración transfronteiriza, incrementar a mobilidade dos compoñentes da comunidade universitaria e ser quen de atraermos estudantado.

Profesora Hanneke van Bruggen, profesor Thomas Hughes:

A Universidade da Coruña acólleos, con orgullo como novos doutores “honoris causa”.

Sentímonos honrados por aceptaren esta distinción, coa que pretendemos recoñecer os seus méritos docentes e científicos aquí expostos e incorporalos como referentes permanentes da nosa institución.

Moitas grazas e benvidos a esta Universidade, que en diante será tamén a súa.

A Coruña, 21 de xuño de 2013