Discurso de benvida Honoris Causa Michael W. Apple

Luns, 16 de marzo de 2015 - 12.00 h
Paraninfo

Estimado profesor Apple, membros do Claustro, autoridades, amigas e amigos todos:

Hoxe, a Universidade da Coruña incorpora ao seu Claustro honorífico un dos referentes mundiais da pedagoxía crítica.

O profesor Michael Apple tivo a xentileza de aceptar o seu nomeamento como doutor honoris causa e de se vincular simbolicamente coa nosa institución.

Quero que as miñas primeiras palabras sexan para llo agradecer en nome de toda a comunidade universitaria. Para agradecerllo e tamén para felicitalo e expresarlle o noso orgullo por poder incorporalo como referente intelectual e científico da Universidade da Coruña xusto neste curso en que estamos a celebrar os nosos primeiros 25 anos de vida como institución.

A completa e magnífica laudatio do profesor Jurjo Torres, amigo e perfecto coñecedor da obra de Apple, retratou con clareza o porqué desta distinción, as claves científicas do seu labor e os fitos principais da súa traxectoria vital como humanista comprometido (e non só no seu país) na loita contra un modelo de escola que integra a educación na axenda económica, coma se fose un elo máis do proceso produtivo.

Coido que tamén lle debo expresar os parabéns ao Departamento de Pedagoxía e Didáctica e á Facultade de Ciencias da Educación pola oportunidade de propoñer a Michael Apple como doutor honoris causa cando aquí estamos inmersos en vivas controversias públicas sobre as políticas educativas que se están a seguir nos últimos anos.

Resulta doado empatizar coa enerxía intelectual que desprega o noso novo doutor nas súas obras e con ese seu característico espírito combativo, hoxe posto de manifesto unha vez máis no seu brillante e motivador discurso de investidura.

A obra científica do profesor Apple lémbranos que o xiro conservador no ensino, tanto nos EE. UU. como noutro países, vén de atrás. É anterior á crise financeira, económica e social en que estamos mergullados.

En 1996 xa describira nun exitoso libro como as culturas hexemónicas –ese concepto gramsciano tan do seu agrado– lograran aglutinar esforzos para combater o estado do benestar mediante a oportuna política cultural e baixo a premisa de que “non nolo podemos permitir”.

E aínda Lehman Brothers non estoupara cando o profesor Apple xa publicara tres libros para denunciar as novas prácticas pedagóxicas do neoliberalismo (o “capitalismo sen contemplacións” do que se fala neles) e do neoconservadorismo crecentes nos Estados Unidos e en distintos puntos do globo.

(Por certo que o titulado Educating the right way traduciuse ao español co premonitorio título de “Educar como Dios manda”).

As súas análises críticas, previas á crise, demostran con solidez que determinadas medidas que se tomaron aquí nestes últimos tempos no ámbito educativo beben dun manancial ideolóxico que inclúen, si, razóns económicas mercantilistas, pero van máis alá.

Pasar a educación no seu conxunto polo aro das leis do mercado implica considerar nenos e nenas máis como unidades de produción que como persoas.

Implica apostar por un darwinismo social que impón as fórmulas da competitividade empresarial sobre a formación de persoas de xeito integral, inclusiva e liberadora. En definitiva, xusto o contrario da educación “equitativa e democrática”, proposta no seu día polo seu admirado profesor Paulo Freire.

O pensamento que combate o profesor Apple promove a redución á mínima expresión da intevención pública para garantir unha verdadeira igualdade de oportunidades en todos os niveis educativos. Incluído, por suposto, o universitario.

----
Ao novo doutor de honra móveo un sólido e irredutible compromiso coa educación en valores, co humanismo e a equidade social, que compartimos. A acción desde o sistema educativo debe servir á causa da liberdade, do progreso e da xustiza social.

Incorporando a Michael Apple entre os nosos referentes éticos, a Universidade da Coruña reforza eses mesmos ideais, recollidos nos seus estatutos e na declaración de principios incorporada, con apoio unánime do Clasutro, aos nosos plans estratéxicos.

O mesmo Claustro que hai tres anos aprobou, con idéntica unanimidade, unha declaración en defensas da universidade pública. En defensa dunha “educación universial, pública e de calidade, como dereito fundamental, base da formación de persoas libres e críticas e dunha cidadanía libre”.

Pensamos que lle corresponde aos poderes públicos facer efectivo o dereito á educación (insisto, en todos os seus niveis, incluído o universitario) baixo o principio da igualdade de oportunidades.

A aplicación deste principio require empregar os recursos públicos para evitar calquera discriminación por razóns económicas, sociais ou culturais. Ninguén está a formular unha nova esixencia revolucionaria. Son principios que están na cerna da propia Declaración dos Dereitos Humanos.

Por contra, atenta gravemente contra ese dereito impedir a formación de persoas con dificultades económicas, ou facer innacesibles os estudos disparando os seus prezos ou deixar os centros públicos sen o financiamento necesario para impartir ensino de calidade. Máis inxustiza. Máis desigualdade.

E iso, mentres se propaga un discurso baseado na presunta ineficiencia do sistema público e na aplicación de criterios analíticos groseiramente centrados na relación custo-beneficio. Federico Mayor Zaragoza, ex¬–director xeral da Unesco, abriu hai uns días, na Facultade de Ciencias, un ciclo de conferencias sobre a Universidade. E, entre outras cousas, expresou o seu asombro porque sexa a OCDE quen diga como ten que ser a educación, sendo o seu a economía.

O profesor Apple vinculou toda a súa traxectoria como profesor e como pedagogo á promoción dunha educación humanista, liberadora, para todos e para todas, e entendida como ferramenta primordial de realización persoal.

Toda unha vida desmontando o verdadeiro miolo das reformas educativas conservadoras. Toda unha vida denunciando a manipulación que desde o poder se fai para que un amplo sector da sociedade acepte como “natural” ou como “as únicas posibles” esas políticas, reflexo do pensamento único no ensino.

---

Non quixera rematar este discurso de benvida sen lembrar que xunto co profesor universitario, co investigador perseverante e clarividente, tamén lle rendemos homenaxe ao activista comprometido. Ao Michael Apple infatigable pedra no zapato do poder. Incansable axitador da conciencia de pedagogos, educadores e mestres de todo o mundo.

Acábamolo de comprobar unha vez máis na lección de hoxe. Se mo permiten dicir coa súa mesma linguaxe directa, el non é dos que se quedan tocando a lira mentres arde Roma. O seu cartafol sempre vai cheo de propostas para a acción, de ideas para que as fagan súas os profesionais comprometidos coa causa da educación transformadora.

Profesor Apple, grazas pola súa lección. Grazas pola súa obra intelectual. Grazas polo seu alento e polo seu exemplar compromiso intelectual coa educación integral, coa educación centrada nas crianzas como persoas e non como futuros consumidores ou como simple capital humano en formación.

Eu non estou en condicións de responder a súa enfática pregunta sobre se a educación pode cambiar a sociedade. En todo caso, volvo a Paulo Freire para facer miña a súa idea de que a educación non cambia o mundo, pero cambia as persoas que van cambiar o mundo.

Máis nada. Moitas grazas ás autoridades e representacións e a todas as persoas que quixeron acompañarnos no Paraninfo para asistir ao ingreso do profesor Michael Apple no Claustro de honra da Universidade da Coruña.

 

A Coruña, 16 de marzo de 2015