Día da Universidade 2016

Prezados membros da comunidade universitaria,

familiares, autoridades,

amigas e amigos todos:


Seguindo un vello costume, hoxe, Día de San Tomé, ao que a tradición lle adxudica desde hai séculos o padroado sobre os estudantes, festexamos o Día da Universidade.

Na Universidade da Coruña aproveitamos esta xornada festiva para ofrecerlles un recoñecemento público aos nosos mellores alumnos e alumnas.

A formación académica dos mozos e mozas que ingresan nos campus é a primeira e gran tarefa da que son responsables as universidades.

O obxectivo central do noso labor é que os futuros titulados adquiran nas aulas unha formación de primeira calidade, á altura esixible a unha universidade europea do século XXI.

Ao longo dos anos que duran os estudos de grao, de mestrado ou de doutoramento, cada unha e cada un dos futuros titulados achega o seu esforzo, o seu traballo e a súa vocación para conseguir o obxectivo persoal e de futuro con que chegou ao campus.

O paso polas aulas universitarias implica interiorizar a cultura do esforzo e do sacrificio. Implica a procura continua da excelencia, como vía de mellora e de progreso na propia formación humana e técnica que se adquire nos campus.

O ensino, en calquera dos seus niveis, debe orientarse a tirar o mellor de cada alumno. Ese é o verdadeiro sentido orixinario do concepto de educación.

Hoxe, neste acto solemne que como cada ano acolle o Paraninfo, honramos simbolicamente os estudantes e as estudantes que dan o mellor de si. Os estudantes que son orgullo e referencia para todos os membros da comunidade universitaria.

En nome de todo o profesorado, o persoal e os estudantes da Universidade da Coruña, os meus sinceros parabéns a todas e todos os que acabades de recibir galardóns e distintivos.

En primeiro lugar, parabéns aos  premios á excelencia no bacharelato, estudantes que acaban de ingresar nas aulas universitarias cunha valiosa mochila ateigada de talento e avalados por unha traxectoria académica exemplar.

Hai agora xustamente dez anos incorporamos a este acto o recoñecemento á valía persoal dos mellores expedientes de secundaria que acceden á nosa Universidade. É unha forma da facer xustiza e, ao mesmo tempo, de emitir un sinal de chamada para que estudantes de secundaria aproveiten a nosa oferta de titulacións en Ferrol e na Coruña.

Estes premios engadíronse aos clásicos galardóns extraordinarios de fin de carreira. Parabéns, tamén, a todas e todos os graduados que se fixeron acredores dun recoñecemento de gran valor no seu expediente académico.

E, por último, unha felicitación máis para os novos doutores e doutoras pola UDC, cun “suplemento” especial para os que obtiveron os premios extraordinarios de doutoramento.

Indistintamente do camiño profesional que se tome, o doutoramento –o cumio da formación universitaria– acredita a vosa formación investigadora. Acredita unha preparación que non só debemos aproveitar as universidades para renovar e potenciar a calidade académica e científica do profesorado e do persoal de investigación.

Digo e subliño “non só”, porque tamén as empresas e as administracións públicas deben tirar proveito desta cualificada formación investigadora, como, por certo, si sucede noutros países do noso contorno europeo.

Hoxe a comunidade universitaria séntese orgullosa dos seus mellores alumnos e alumnas. Estou seguro de que vós tamén vos sentides orgullosos de formar parte da Universidade da Coruña.

■■

A Universidade da Coruña acaba de celebrar eleccións para renovar o seu equipo de goberno. Desde hai só uns días teño a honra de dirixir os destinos da nosa institución.

Daquela, este é o primeiro San Tomé que presido e fágoo coa mesma satisfacción coa que asistín a este acto en anos anteriores, formando parte do equipo de goberno presidido polo reitor Xosé Luís Armesto.

Desde a mesma óptica que mantivemos estes anos (a defensa da universidade pública como instrumento irrenunciable para a cohesión social e para unha verdadeira igualdade de oportunidades) propoñémonos darlle un novo impulso á UDC, con novas ideas para enfrontarmos novos retos.

A ruta que ha seguir a nosa universidade nos vindeiros anos perfilouse no Plan Estratéxico aprobado polo Claustro, con amplo consenso, para o período 2015-2020.

As novas ideas hannos levar –débennos levar– á mellora da calidade da formación e da investigación, e a potenciar a transferencia de coñecemento, para o que precisamos canles estables e áxiles de interacción co noso contorno socioeconómico.

O eixe motriz de todas as nosas accións debe ser a mellora da calidade. No programa que imos desenvolver incluímos, entre outros aspectos, liñas deseñadas para optimizar a cualificación académica e científica dos e das docentes.

A calidade é un proceso continuo. A preparación de profesionais altamente cualificados con estándares internacionais require unha formación rigorosa e moi esixente. Demanda unha preparación que lle permita ao noso alumnado traballar en equipos de investigación de alto nivel ou nos mercados laborais máis competitivos. Aquí ou en calquera recuncho do mundo.

Ademais, como indiquei no meu discurso de toma de posesión o pasado día 12, estimo que unha universidade de calidade e con garantía de futuro ten que ser forzosamente unha universidade de dimensión internacional en todos os seus ámbitos: docencia, investigación e transferencia.

A Universidade da Coruña está inmersa nun decidido proceso de internacionalización. Nestes últimos anos demos pasos moi importantes nesa dirección.

Abrimos unha liña de alianzas estratéxicas con universidades de prestixio doutros países. Estas alianzas fortalecerán a cooperación científica e as titulacións compartidas. Somos moi ambiciosos tamén neste terreo, malia ser conscientes das dificultades, porque precisamente a captación de estudantes estranxeiros é un dos grandes déficits do sistema universitario español.

Calquera país do noso contorno recibe máis estudantes estranxeiros que España. Nin sequera somos quen de rendibilizar o idioma común cos estudantes procedentes de Hispanoamérica, como advirte un recente informe comparativo encargado pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas.

■■

Estamos a falar, pois, de proxectos de mellora da calidade e de internacionalización como compromisos programáticos específicos de moi directa incidencia no estudantado.

Mais quixera lembrar tamén que, na nosa concepción da universidade como servizo público de carácter estratéxico, hai aspectos que son nucleares. Principios que guían como grandes directrices a nosa acción de goberno.

Por iso reivindicamos e defendemos –dentro e fóra da propia universidade– o dereito á educación superior como cumio do proceso educativo que comeza na infancia.

Actuamos coa defensa da igualdade de oportunidades como o primeiro deses principios reitores.

Mantemos o noso compromiso coa dimensión social dos estudos universitarios, que foron, son e serán un mecanismo de mellora persoal e de promoción social do que ninguén debe quedar excluído por razóns económicas. Calquera cidadán ten dereito a cumprir as súas expectativas formativas e a acceder ao coñecemento sen atrancos.

Por coherencia con esta visión, a Universidade da Coruña seguirá reclamando que se derrogue o decreto de 2012 que lles permite ás comunidades autónomas disparar o custo das taxas para as familias.

Seguiremos a reclamar, xunto cos demais reitores galegos e españois, que se reduzan as taxas dos mestrados nas universidades públicas, pois estase a crear un novo hándicap económico para acceder á formación especializada. Non se esqueza que España rexistra un dos niveis de prezos públicos universitarios máis elevados da Unión Europea.

Os durísimos recortes económicos que sufriron as universidades durante a crise (no noso caso, perdemos 22 millóns nos orzamentos) afectaron gravemente aos recursos destinados para axudas ao estudo.

Na parte que nos corresponde, dispoñémonos a reformular e recuperar o plan propio de bolsas de colaboración para a formación complementaria. E, por suposto, seguiremos habilitando recursos para o pagamento da matrícula de estudantes con dificultades económicas.

Mais, en materia de bolsas, resulta fundamental que o Goberno central reverta decisións que lesionaron inaceptablemente a igualdade de oportunidades. Foi o caso significativo da inxusta suba da nota para o acceso ás bolsas.

O cativo esforzo que fai España en materia de bolsas universitarias (0,11% do PIB) está moi afastado  da media dos países da OCDE (0,31% do PIB), os máis desenvoltos. Está afastado mesmo de países como Alemaña, Dinamarca ou Suecia, onde as matrículas xa son máis baratas que en España.

Sen dúbida, todos os membros da comunidade universitaria –cada un desde a súa responsabilidade– temos a obriga de achegar esforzo, talento, ilusión e vocación a prol da universidade pública, galega e de calidade que é e quere ser a Universidade da Coruña.

Por último, e antes lle de dar paso á actuación de Xabier Díaz para que lle poña o broche musical a este acto académico do Día da Universidade, quixera reiteralles os meus parabéns aos premiados e estenderllelos ás súas familias. Sei ben o que significa para elas o obxectivo conseguido na universidade por un dos seus. Con maior motivo se, ademais, a meta se alcanza cunha traxectoria exemplar.

Máis nada. Moitas grazas.

 

A Coruña, 29 de xaneiro de 2016