Apertura do programa 25 anos da UDC

Venres, 19 de setembro de 2014 - 12.00 h
Paraninfo

Sr. Presidente,
Srs. reitores, presidentes dos consellos sociais,
autoridades, membros da comunidade universitaria, amigas e amigos todos:

Vaian por diante os meus parabéns para o profesor Juan Ignacio Cirac pola súa magnífica análise da situación actual da ciencia.

Docencia + investigación. Investigación + docencia. Velaí o binomio nuclear da universidade moderna. O binomio sobre o que nos nosos campus se artella a procura e a transmisión do saber.

Coido que as reflexións que acaba de facer Cirac “desde Alemaña”, avalada polo seu prestixio científico e pola súa responsabilidade como xestor nun dos centros de investigación básica máis relevantes do mundo, abren cun alto nivel o programa de actos con que queremos conmemorar os primeiros 25 anos de vida da Universidade da Coruña.

Porque queremos aproveitar a efeméride para salientar o papel da Universidade como institución social, cultural e científica e a súa directa implicación no progreso e na consecución dun país máis culto, máis desenvolto e máis xusto.

Aproveitar para reflexionar sobre a súa fundamental incidencia no desenvolvemento socioeconómico de Galicia, nomeadamente nas áreas de influencia dos nosos dous campus da Coruña e de Ferrol.

Queremos aproveitar tamén para renovar o noso compromiso como servizo público insubstituíble na procura da equidade e da xustiza social.

Para fortalecer os nosos referentes co fin de impartir docencia da máxima calidade, para facer investigación básica ou aplicada de primeiro nivel e para transferille o coñecemento á sociedade. Un saber que, ademais do seu valor científico e cultural per se, adquire un valor transcendental no modelo económico baseado precisamente no coñecemento.

Ao longo destes 25 anos, preto de 70.000 mozos e mozas, maioritariamente galegos, convertéronse en profesionais altamente cualificados, grazas á formación que recibiron nas nosas aulas.

A moitas e moitos deles, a Universidade ofreceulles a oportunidade dunha mellora social e familiar, así como acceder ás responsabilidades profesionais máis esixentes.

Coa creación das novas universidades galegas e, xa que logo, do sistema universitario galego, Galicia, que daquela arrastraba un atraso inaceptable en educación e investigación, deu un verdadeiro paso de xigante.

Reverteuse un estado de cousas que nos levara, como recollía textualmente a lei de creación, a “unha das máis baixas taxas de escolarización universitaria de Europa”.

A partir das bases xa preexistentes, A Coruña e Ferrol convertéronse en cidades plenamente universitarias. Unha universidade cos dous pés chantados en senllas áreas metropolitanas, que suman máis de 650.000 habitantes arredor do golfo Ártabro. Unha única universidade cun completo catálogo de titulacións, varias delas únicas no sistema universitario galego.

Dous campus e unha única universidade moderna, sólida, aberta e de calidade, foco e centro de reflexión, de investigación e de progreso científico e tecnolóxico.

Unha universidade, en fin, aberta e conectada, máis tamén estreitamente apegada ao tecido socioeconómico do seu contorno, co que traballa, arreo, en espazos de interese común na I+D+i.

Estou convencido de que a creación da Universidade da Coruña foi un grande acerto e de que, mírese desde a óptica que se mire, o balance destas dúas décadas e media (un curto espazo de tempo, falando en termos de historia universitaria) é enormemente positivo no plano académico en sentido estrito, máis tamén no científico, no social, no cultural e no económico.

A efeméride pode servirnos para, sen caermos en calquera tipo de compracencia, botar a ollada atrás. Para valorar o conseguido, repensar o camiño percorrido e comprometernos co afán constante de mellora no obxectivo irrenunciable dunha docencia e unha ciencia da máxima calidade e de primeiro nivel internacionais.

Hai 25 anos, a sociedade necesitaba, demandaba, unha aposta decidida polo ensino superior. Fíxose.

Con ese impulso, Xunta, Parlamento, Administración central, Deputación, concellos e outras institucións converxeron no obxectivo compartido de poñer en marcha a Universidade da Coruña. Tamén se fixo.

Foi un esforzo colectivo. Un impulso cidadán e institucional que deu un froito hoxe altamente valorado pola sociedade. Non faltou o debate e houbo altura de miras, visión de futuro e moita, moita ilusión.

Nese esforzo colectivo de construción e consolidación da UDC deixaron a súa pegada…

  • os reitores e os equipos de goberno da propia Universidade e de todos os seus centros;
  • o profesorado preexistente e o que se foi incorporando a media que os campus medraban;
  • o persoal investigador que, paso a paso, conformou unha comunidade científica relevante entroncada coas redes internacionais polas que circula a primeira liña do saber;
  • e os traballadores que, partindo moitas veces case de cero, foron quen de xerar a infraestrutura administrativa e de servizos imprescindible para un correcto funcionamento da Universidade.

A todas as institucións, moitas grazas. A todas as persoas que puxeron o seu grao de area, grande ou pequeno, moitas grazas tamén.

O apoio social e o prestixio da Universidade no seu contorno alentan o noso quefacer presente e a ilusión e sentido da responsabilidade co que a Universidade da Coruña enfronta o futuro.

Un futuro cheo de retos, con proxectos ambiciosos que encaramos coa mesma vitalidade que aquel primeiro día de 1989 para poder seguir prestando un servizo público de calidade na docencia, na investigación e na transferencia de coñecemento.

Nese compromiso está a Universidade da Coruña. Para seguilo a cumprir e para seguir a mellora, pedimos o mesmo apoio co que contamos ata agora.

Porque estamos convencidos de que a educación superior é, como di a Declaración Mundial da Unesco, un dos piares fundamentais dos dereitos humanos, da democracia, do desenvolvemento sustentable e da paz, polo que ten que ser accesible para todas e todos ao longo de toda a vida.

Máis nada.

Grazas de corazón por estaren hoxe canda nós.

 

A Coruña, 19 de setembro de 2014