Discurso de presentación da Memoria de 2011

1. Como todos vostedes saben, o apartado M do artigo 36 dos nosos estatutos establece, entre as obrigas do reitor, a de presentarlle ao Claustro, para a súa aprobación, se proceder, unha memoria anual da súa xestión.

A miña xestión como reitor da Universidade da Coruña principiou en xaneiro deste mesmo ano e, daquela, a min tocarame presentar o primeiro informe de xestión en 2013, unha vez que se peche o exercicio de 2012.

Xa que logo, en boa lóxica e aténdonos á letra e ao espírito do establecido nos Estatutos, non lle corresponde ao actual equipo de goberno que eu presido, someter a votación a xestión do anterior reitor. Neste sentido expresouse tamén a propia Mesa do Claustro, atendendo estas circunstancias particulares.

Malia todo, acordamos que non sería bo que se interrompese a publicación da Memoria e as series estatísticas e informativas que contén. Coincidimos todos en que se trata dunha boa radiografía non só da xestión dun ano, senón tamén doutros aspectos relacionados coa comunidade universitaria, coa investigación e coa transferencia de coñecemento.

Daquela, optamos por presentar un balance basicamente informativo e darlles resposta ás preguntas que nos poidan formular os membros do Claustro e que nós esteamos en condicións de responder adecuadamente.

2. Os datos máis significativos do ano 2011 veñen marcados polo impacto directo ou indirecto da crise económica e polas consecuencias das políticas adoptadas polo Goberno central e pola Xunta de Galicia.

Tal e como se explica máis polo miúdo no capítulo dedicado á memoria económica, o orzamento de 2011 situouse en 129,6 millóns de euros, aínda que eliminando o efecto dos cambios en criterios contables baixaría aos 128,2 millóns. Este dato supuxo unha caída real do 7% respecto do exercicio de 2010. Dito doutro xeito: 9,5 millóns de euros menos.

Xa que logo, a leve tendencia á baixa reflectida xa en 2010 agudízase notablemente en 2011, e, tal e como se informou hai uns días, ao presentar o orzamento de 2012, vólvese repetir para o exercicio presente, con case outro 5% menos.

Mais non toca agora falarmos do ano presente senón de 2011 e de como as cifras definitivas confirman as previsións das Liñas xerais da programación plurianual e orzamentaria 2011-2013, aprobadas no seu día por este claustro.

Nesas liñas xerais xa se contaba cunha redución sostida do orzamento ao longo de todo este trienio e indicábase, tamén, que sería así aínda que se botase man de fondos propios ou que se producise unha recuperación do financiamento público que, dito sexa de paso, non se albisca por ningures.

3. Capítulo das infraestruturas: xunto coas intervencións en distintos centros para adaptar espazos ás esixencias metodolóxicas do chamado proceso de Boloña, cómpre subliñar as novidades que lle afectan ao parque tecnolóxico.

Por unha banda, a recepción do primeiro edificio da área científica do parque, destinado a servir de apoio á Facultade de Informática e á ETS de Enxeñeiros de Camiños; pola outra, as obras en execución do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas e a aprobación do proxecto de execución do ASISTA, quinto centro do parque tecnolóxico) e que será un referente na investigación en áreas destinadas á atención ás persoas maiores e dependentes. Teñen vostedes no texto da Memoria –que está ao seu dispor desde hai unha semana– unha relación detallada do orzamento para infraestruturas executado nos dous campus ao longo de 2011.

4. Os efectos da onda expansiva da crise aprécianse, xa de xeito directo, nas táboas indicativas da captación de recursos externos. Percíbense tanto nos recursos competitivos como no número e importe total dos convenios e contratos subscritos con empresas ou coas administracións, ben directamente polos grupos de investigación e polos centros tecnolóxicos, ben a través das fundacións (Fundación UDC, Feuga e Fundación de Enxeñaría Civil).

Os recursos totais captados pola nosa universidade o ano pasado caeron un 33%. Diminúe con claridade o total dos convenios e contratos con entidades públicas e privadas, mais é na captación de recursos para proxectos competitivos onde a caída resulta máis abrupta.

Baixa a captación de fondos para proxectos estatais e europeos, aínda que no caso dos europeos, cómpre considerar que sete proxectos quedaron, a 31 de decembro, pendentes de resolución.

Porén, os datos incluídos na Memoria non deixan moito espazo par as dúbidas: dos 51 proxectos con financiamento autonómico de 2010 pasamos a só oito en 2011, pois a Xunta de Galicia non fixo a correspondente convocatoria anual.

Por contra, algúns indicadores da transferencia do coñecemento ofrécennos información positiva. Xusto é dicir que nin a recesión nin o retroceso nas políticas de I+D+i foron quen aínda de frear a liña de progresión da UDC no que se refire á obtención de patentes e aos rexistros de sóftware aceptados.

5. No ámbito académico, no verán de 2011 rematou o primeiro curso con todos os novos graos xa implantados, mentres que co comezo do curso 2011-2012 o proceso de implantación dos graos en todos os cursos alcanzou o 76%.

Os cadros do capítulo dous da Memoria –obrigadamente duplicados mentres se manteña o proceso transitorio entre as estruturas das titulacións– evidencian esta evolución e o conseguinte transvasamento de estudantes das antigas licenciaturas e diplomaturas non adaptadas ao espazo europeo de educación superior aos novos graos.

Canto aos mestrados, a implantación dalgúns novos e a depuración do catálogo deixa a nosa oferta en 48 mestrados oficiais, con máis de mil alumnas e alumnos matriculados.

A oferta conxunta de graos e mestrados estabilízase nos nosos centros, ao tempo que continúa a reconversión das escolas universitarias en facultades. Antes de que rematase o ano pechouse o proceso oficial de transformación en facultade da Escola Universitaria de Enfermaría e Podoloxía, do campus de Ferrol.

6. Os datos de matrícula manteñen unha tónica de estabilidade, con pequenas oscilacións. Os case 20 000 estudantes de grao e das titulacións non adaptadas ao EEES sitúan á Universidade da Coruña nun grupo formado por 17 universidades españolas de tamaño medio, con entre 20 000 e 30 000 estudantes neste nivel. Outras 20 universidades teñen cifras inferiores de matrícula e as restantes, ata completar as 50 de carácter público de todo o Estado, superan os 30 000 estudantes matriculados.

A área de Enxeñaría e Arquitectura concentra case o 45% do alumnado de grao e das antigas diplomaturas e licenciaturas. En cifras semellantes, apenas tres décimas por detrás, agrúpase o alumnado de Ciencias Sociais e Xurídicas, mentres que o restante 13% se reparte entre Ciencias, Ciencias da Saúde e Artes e Humanidades.

Só algo menos do 6% dos nosos estudantes de grao e das titulacións non adaptadas ao EEES procede de fóra de Galicia. Case non temos estudantes estranxeiros, quitados os que están na UDC dentro dos programas de intercambio (europeos ou iberoamericanos). De feito, ano tras ano increméntase o número de estudantes que cursan parte dos seus estudos en universidades europeas (dentro do programa Erasmus), mais tamén se vén detectando unha baixa –lixeira, pero constante– no número de rapazas e rapaces europeos que nos escollen para aproveitaren esa magnífica oportunidade persoal e académica que supón o programa Erasmus. Seica temos un asunto pendente coa internacionalización, pois tamén as cifras de mobilidade do noso profesorado continúa a se mover nunha escala manifestamente mellorable.

Arredor de 3500 estudantes de bacharelato elixen cada ano seguir a educación superior nalgún dos nosos centros. Para os mellores expedientes están pensados os Premios UDC á Excelencia no Bacharelato. Este ano perciben esta axuda 18 mozos e mozas, que xa están a piques de rematar o primeiro curso do grao que cursan no campus da Coruña ou no de Ferrol.

Once dos programas de doutoramento que ofertamos conseguiron a nova “mención cara á excelencia”. No conxunto de todos os programas da UDC están matriculados outros 1351 estudantes, cifra onde se suman tanto os de nova matrícula como aqueles que están xa elaborando a tese. Na Memoria agrúpanse todos eles baixo a epígrafe de “Tutela académica”.

7. Profesorado e persoal de administración e servizos: En 2011 seguiu a se executar o compromiso de estabilidade para o profesorado. Así mesmo, quixera salientar a suba dun novo chanzo na evolución do PDI permanente doutor. Nesta ocasión o incremento foi dun 3%.

E tamén quero subliñar que no exercicio pasado cumpriuse o compromiso formal de manter a masa salarial total de PDI e PAS da nosa universidade.

8. Non quero pechar esta axustada presentación da Memoria do ano pasado sen facer mención a un fito importante no ámbito cultural. Refírome á apertura, no mes de febreiro, dun espazo de intervención cultural aberto a outras linguaxes a través da expresión artística e de calquera modalidade de manifestación cultural. Este espazo ocupa a antiga Escola Normal, na Zona Escolar da Coruña, e do seu antigo uso e da súa denominación popular toma o nome actual: Normal. Unha nova canle de participación, conexión cívica e comunicación, do mesmo xeito que tamén en 2011 se activou a presenza da Universidade da Coruña nas redes sociais máis empregadas polos nosos estudantes presentes, pasados e futuros.


A Coruña, 15 de maio de 2012