Día da Universidade 2015

Luns, 26 de xaneiro de 2015 - 12.00 h
Paraninfo

 

Prezados membros da comunidade universitaria, familiares, autoridades, amigas e amigos todos:

Non hai mellor xeito de festexar o Día da Universidade que facelo honrando o traballo dos seus mellores estudantes.

A nosa Universidade aproveita a vella tradición do padroado de San Tomé sobre o estudantado para facer público recoñecemento do esforzo dos alumnos e das alumnas máis destacados.

Este recoñecemento simbólico estendémolo a todas as persoas que culminaron a súa formación superior coa lectura dunha tese e accederon, así, á condición de doutores e doutoras pola Universidade da Coruña.

Debo sinalar que hoxe é un deses días en que un sente unha satisfacción particular por ter a honra de representar a toda a comunidade universitaria. Por ter a honra de presidir este acto e, no nome do profesorado, dos e das estudantes e de todo o persoal, darvos o protagonismo que merecen a vosa valía e o voso esforzo. Valía e esforzo exemplares polos que tedes dereito a sentirvos moi orgullosos. Nós, desde logo, tamén estamos orgullos de vós.

Xa que logo, parabéns para os mozos e mozas que acaban de se incorporar aos nosos campus co premio á excelencia no bacharelato no seu currículo. Esa mesma tenacidade e dedicación, acreditadas xa nos respectivos colexios e institutos, haberá de vos levar ao éxito tamén nas vosas carreiras.

Estou certo de que, á volta duns poucos anos, volveredes ao Paraninfo formando parte do grupo de graduados e graduadas que, como tamén recoñecemos hoxe, remataron a carreira cos mellores expedientes académicos. Para eles, para os alumnas e alumnas que se titularon en 2014 do xeito máis brillante, tamén calorosos parabéns.

Felicitacións, por último, para os novos doutores e doutoras, cun plus especial para os que, ademais de completaren a súa formación investigadora, se fixeron merecentes dun premio extraordinario.

E non quixera rematar este gratificante capítulo dos parabéns sen agradecer a sensibilidade e a colaboración do Banco Santander para agasallar os premiados pola súa excelencia no bacharelato.

Hoxe sentan neste Paraninfo das ocasións solemnes estudantes exemplares que comezan e estudantes exemplares que pechan o seu paso pola Universidade da Coruña.

Todos eles son unha boa mostra do talento que se cultiva na Universidade. Forman parte dos milleiros de estudantes que, curso tras curso, ingresan na Universidade para adquirir unha formación altamente cualificada e como medio decisivo para a súa realización persoal.

Esa realización persoal vai moitas veces vinculada á mellora familiar e social, a iso que desde a socioloxía se denomina a mobilidade social ascendente.

Cómpre non baixar a garda nesta perspectiva do valor social que ten, e debe seguir a ter, unha universidade pública, que é o noso caso.

Transmitir o saber é a función nuclear da Universidade. Ninguén debe ser discriminado no seu dereito a acceder ao saber en ningún dos seus niveis, incluído, por suposto, o ensino superior. Así se recoñeceu xa na mesmísima Declaración Universal dos Dereitos Humanos, malia que ás veces se prefira ignoralo.

O máis elemental principio de xustiza e de equidade obriga a protexer a igualdade de oportunidades para dar cumprimento a este dereito. E por iso mesmo, a rexeitar calquera medida discriminatoria e os filtros económicos responsables da exclusión das familias con menos recursos ou, no caso actual, máis castigadas polos efectos económicos e sociais da crise.

A propia crise e as medidas adoptadas para a enfrontar están a incrementar a desigualdade no seo da nosa sociedade. Por se non abonda coa evidencia empírica, corrobórano os datos que achegan as propias institucións españolas e internacionais. España é o país desenvolto onde a desigualdade medrou máis. En Europa, só Lituania e Bulgaria presentan estes niveis de desigualdade, os máis elevados desde que se recuperou a democracia.

Máis desigualdade tradúcese nunha fenda maior entre os que máis teñen e os que menos. Afecta de cheo á estabilidade e á cohesión social.

Un informe tan pouco sospeitoso de radicalismo ou de populismo como o que elabora cada ano Cáritas-Foessa advirte xa das graves consecuencias que para a mobilidade social agocha o proceso de dualización social que se está a producir.

A escaseza de recursos, o desemprego, a precarización e a perda de seguridade vital combínanse coa perda ou a mingua de servizos públicos.

Os servizos públicos como a sanidade, os servizos sociais e a educación son fundamentais no aseguramento da igualdade. Daquela, o seu debilitamento dispara as diferenzas, porque o sofren máis precisamente os sectores que máis os precisan e cando máis o necesitan.

Coido que non debemos aceptar, nin sequera como mal menor, un retroceso no dereito de todos os nosos mozos e mozas a cursaren estudos superiores nunha universidade pública.

Esta é razón pola que algúns, por convicción e por sentido da responsabilidade, cuestionamos medidas como as que permiten elevar sen límite o prezo das matrículas. Ou as que dificultan o acceso ás bolsas aos estudantes que as precisan. A combinación de ambas medidas ocasionou unha consecuencia inaceptable: medrou en sete puntos a parte de financiamento das universidades que pagan as familias a través das matrículas.

Por esa mesma razón os reitores de todo o Estado, considerando a mellora da situación anunciada polo Goberno, vimos reclamando que se anulen os decretos que contiñan ese tipo de medidas e que no seu momento se presentaron como “excepcionais”.

A calidade da educación é directamente proporcional co financiamento. Desde 2010 as universidades españolas perderon 1.500 millóns ao caer o financiamento un 15,1% desde entón. Tal como se puxo de manifesto nun documentado informe difundido a semana pasada, se contamos a evolución do IPC, a diminución alcanza case ao 24%. O financiamento das universidades galegas durante a crise xa se reduciu en 55 millóns.

Este mesmo ano vai rematar o plan de financiamento do sistema universitario galego vixente desde 2011. Durante esta difícil etapa, a Universidade da Coruña fixo unha xestión responsable e despregou os esforzos necesarios para que, malia a redución de ingresos, non minguase a calidade da docencia.

Transitamos todo o período sen nos endebedar. A Universidade da Coruña non contribuíu á elevada débeda do Estado e da comunidade autónoma cun só euro.

Mais a Universidade da Coruña segue a ser a que menos financiamento recibe por alumno de todo Estado. Dentro do sistema de universitario galego, en lugar de se ir á converxencia estase camiñando en sentido contrario.

Os criterios de financiamento aplicados con este plan prexudicáronnos. Esta é a realidade avalada polos datos.

Hai e debe haber tamén outros parámetros para calibrar o nivel de financiamento dos campus, mais nós reclamamos equilibrio entre eles. Queremos un financiamento estrutural suficiente para atender a función docente, primeira e nuclear misión dunha universidade.

Eu son un firme defensor de que administracións públicas e as universidades tomemos decisións e xestionemos con sentido de sistema universitario galego.

Na fortaleza, calidade e sentido de futuro do seu sistema universitario reside en gran medida o futuro de Galicia. Do seu desenvolvemento económico e do seu progreso social.

Precisamente este ano estamos a conmemorar a creación do sistema universitario galego e, xa que logo, o nacemento das universidades de Vigo e da Coruña.

Nestes 25 anos graduáronse nos nosos centros da Coruña e de Ferrol máis de 70.000 estudantes. Máis de 70.000 novos titulados e tituladas nas distintas carreiras que se imparten na UDC, algunhas delas únicas no sistema universitario galego.

O aniversario sérvenos para facer balance do bo e do non tan bo. Permítese tamén a nostalxia, por suposto. Pero, sobre todo, hanos axudar a tomar novos folgos para seguir cumprindo e mellorando a nosa misión docente, científica e innovadora.

Novas enerxías para enfrontarmos coa máxima esixencia de calidade os retos do tempo presente e do inmediato futuro.

Un deses retos é avanzar con confianza no proceso de internacionalización que acabamos de poñer en marcha. Sermos quen de captar máis alumnado estranxeiro, promover unha maior mobilidade de estudantes e profesores e consolidar as redes interuniversitarias en que participan os nosos grupos de investigación. A International Summer School, aberta o verán último, é unha boa mostra da decisión con que nos movemos neste obxectivo.

Novas enerxías para ampliar as titulacións conxuntas e as dobres titulacións, como vimos facendo estes últimos anos. Para seguir mellorando as taxas académicas de éxito e de eficiencia. Para incrementar a colaboración con outras institucións e coas empresas en máis proxectos colaborativos de investigación e innovación.

Queremos que as medidas para captar máis recursos destinados á investigación continúen a dar froitos como os que está dando a participación da nosa Universidade no programa europeo Horizon 2020.

Apostamos e seguiremos apostando con responsabilidade pola colaboración estreita coas empresas en proxectos de innovación. Os proxectos iniciados dentro do programa A-Tempo no sector naval de Ferrol inscríbense no obxectivo da UDC de asumir un papel de liderado, de motor estratéxico da I+D+i nas áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol.

Petaremos a cantas portas for preciso para que conclúa a longa loita por contarmos con residencias públicas para o noso estudantado. Xa a conseguimos en Ferrol e contamos con que a colaboración institucional nos permita completar as negociacións en marcha para tela axiña na Coruña.

Compromiso coa calidade docente e científica, máis tamén co desenvolvemento sostible e coa xestión moderna, como estamos a facer implantando a administración electrónica (hai dez días que comezou a funcionar a sede electrónica).

Ilusión e compromiso, en fin, para seguir contando coa confianza do alumnado, das familias e da sociedade que nos sostén cos seus recursos e para a que traballamos como servizo público de calidade.

Máis nada pola miña parte. Remato a miña intervención reiterándolles os meus parabéns a todas e todos os estudantes distinguidos hoxe polo seu talento e polo seu traballo. No afán por saber (do que elas e eles son un exemplo), reside, sen dúbida, a verdadeira esencia da Universidade.

Moitas grazas.

A Coruña, 26 de xaneiro de 2015