Día da Universidade 2014

Luns, 27 de xaneiro de 2014 – 12.00
Paraninfo


Prezados membros da comunidade universitaria, familiares, autoridades, amigas e amigos todos:

Acabamos de lles entregar aos estudantes máis destacados os premios con que os recoñecemos como as mellores alumnas e alumnos do último curso.

Cos premios á excelencia no bacharelato apóiase o alumnado que chega aos nosos campus da Coruña e de Ferrol cos mellores expedientes académicos.

Distinguimos, así mesmo, os estudantes que concluíron as súas carreiras, nos distintos ámbitos de coñecemento, do xeito máis brillante e digno de recoñecemento.

Canto ao doutoramento –de particular significación e valor no ámbito universitario– entregámoslles os distintivos simbólicos aos novos doutores e doutoras, ao tempo que salientamos a valía dos que foron merecentes, a maiores, dun premio extraordinario.

A todas e a todos os que aquí están presentes e os que non puideron vir, a miña máis sincera felicitación. Os meus parabéns persoais, os do equipo de goberno e os de toda a comunidade universitaria, á que hoxe me honro en representar . En hora boa.

Non por casualidade, a figura do estudante protagoniza o Día da Universidade.

O ritual do día de San Tomé de Aquino co que, por tradición, se simboliza a pertenza á gran familia universitaria, permítenos hoxe, un ano máis, festexar o talento. Dános a oportunidade de mostrar o recoñecemento público a alumnas e alumnos exemplares polo seu esforzo, dedicación e aproveitamento. E permítenos facelo non só en familia, dentro da propia comunidade universitaria, senón tamén diante da sociedade e das autoridades e representacións cuxa compaña hoxe, neste acto, quero agradecer.

A primeira vista pode parecer redundante proclamar, en actos solemnes coma este, que o estudantado ocupa (debe ocupar) a centralidade, do quefacer universitario no día a día de cada curso.

Pero coido que non está de máis lembralo. A Universidade –as universidades públicas– asumimos a responsabilidade de xerar coñecemento e de transmitilo. De formar alumnos e alumnas nos distintos graos e mestrados que impartimos nos campus.

O esforzo de todas as persoas que traballan ou estudan na Universidade da Coruña ao longo do ano oriéntase, en primeiro lugar, a cumprir con esa obriga, cadaquen desde a súa responsabilidade e no seu ámbito específico de actuación.

Ao mesmo tempo, os campus son prestixiosos centros de investigación básica ou de investigación transferible axiña ao tecido produtivo. Ensinar, investigar e transferir.

Nos campus sabemos (porque así o reflicten todas as enquisas) que contamos coa alta estima da sociedade, non só para desenvolver a relevante función social que se nos encomenda. Unha función social que temos a obriga de preservar fronte ás novas dificultades do tempo que estamos a vivir.

Os campus son sociedade, son vida. Miles de persoas estudan, investigan, ensinan e traballan neles. E porque somos parte viva da sociedade e somos institución social, sabemos ben o que está a suceder no noso contorno.

A crise económica, crúa fonda e prolongada, está a ser devastadora. Está a traer unha onda esmagadora de paro, precariedade, empobrecemento, inseguridade vital e estrangulamento das expectativas persoais e familiares dun amplo sector da poboación. Aí están, por lembrar un exemplo coñecido, os inaceptables datos do desemprego xuvenil.

As consecuencias da crise e das políticas aplicadas para a enfrontar tradúcense nun galopante incremento das desigualdades sociais. Ata tal punto é así que as enquisas europeas xa sitúan a España como o segundo país máis desigual de Europa, por detrás só de Lituania.

A desigualdade dinamita a cohesión social. Corroe os alicerces da sociedade democrática moderna. Cómpre lembrar con Tzvetan Todorov, un dos máis influentes pensadores europeos, que os principios de igualdade e de fraternidade non son menos fundadores da democracia que a liberdade. “Se os esquecemos –advirte Todorov–, a aspiración a garantirlle a todos a liberdade está condenada ao fracaso”.

Neste contexto negativo, que se ceba tanto máis cos sectores sociais menos favorecidos, temos a obriga moral de preservar o dereito de toda persoa a cursar estudos superiores. O dereito de todas e de todos a acceder á educación universitaria a través dun modelo de universidade pública que xa demostrou os seus inmensos beneficios sociais e económicos ao longo das últimas décadas.

A educación, como a sanidade, é un ben social, un dereito fundamental. Ninguén pode cuestionar o valor da educación como vehículo de construción persoal para a mellora cultural e o progreso social. Daquela, calquera decisión política ou administrativa que implique pasos atrás supón un retroceso social, que afecta de cheo á equidade e á igualdade de oportunidades.

Se concordamos en que a educación, en todos os seus niveis, é un ben social, teremos que coincidir tamén en que non se pode tratar como un ben de consumo máis, tanto mellor e máis accesible canto maiores fosen os recursos familiares.

Convén que nos preguntemos, co profesor De Sousa Santos, se se lle podería chamar universidade a unha institución que considere o coñecemento exclusivamente como unha mercadoría e nunca como un ben público.

Somos moitos os preocupados pola introdución de filtros económicos que poñen atrancos no acceso aos estudos universitarios e nos devolven as sombras dun elitismo nas aulas que dabamos por superado.

Semella imprescindible que se tome conciencia de que, como se expresou nunha declaración unánime do noso claustro, o investimento en educación e I+D+i é unha condición necesaria para superar con éxito a crise actual.

Mais, por desgraza, tanto neste ano que rematou como no que comeza, as universidades non quedaron á marxe dos drásticos recortes no gasto público. Recortes que afectan, de xeito reiterado, ao salario dos profesionais, ás achegas para infraestruturas e aos recursos para investigación.

Navegar nestas condicións faise por veces complicado, se se pretende, como facemos nós, manter e mellorar os estándares de calidade que se nos esixen (e nos autoesiximos) como servizo público estratéxico.

Ademais, algunhas disposicións legais recentes, emanadas do Estado no contexto da crise, inciden claramente na igualdade de oportunidades. Inciden negativamente na nosa capacidade para atendermos con eficacia e eficiencia as nosas responsabilidades docentes e científicas.

Así, logo de crearmos un fondo social para atender as emerxencias económicas dos nosos estudantes, a normativa que endurece o acceso ás bolsas obrigounos a habilitar 100.000 euros para o alumnado excluído das axudas.

Por fortuna, a Xunta acordou non facer uso da facultade que lle outorga un decreto de abril de 2012 para incrementar sen límite o custo das matrículas. Esperamos e pedimos que o Goberno galego manteña este criterio para o vindeiro curso 2014-2015.

Por outra banda, os dous ultimos anos e o presente, as directrices incluídas nas leis orzamentarias xerais do Estado impuxeron unha moi dura restrición que só permite repoñer un de cada dez profesores ou profesoras que se xubilan ou causan baixa. Esta medida, moi lesiva para as universidades e que en principio era provisoria, prolongouse xa durante tres exercicios, e alcanza mesmo aos procesos de promoción e consolidación do profesorado.

A sociedade galega sabe que conta cun bo sistema universitario. A pouco que nos deteñamos a reflexionar sobre esta fortaleza do noso país, comprobaremos o inmenso valor social, cultural e económico que isto supón, póidase ou non cuantificar cunha folla de excel.

No que a nós respecta, temos o compromiso –malia as circunstancias adversas– de traballar para manter a calidade do servizo público que lle prestamos á sociedade, que é fundamentalmente quen nos sostén cos seus recursos.

Nesa dirección, hai só unhas semanas o Claustro aprobou o novo plan estratéxico co guión de obxectivos e prioridades que se marca a Universidade da Coruña ata 2020.

Unha aposta por mellorar a eficiencia, por pisar o acelerador da internacionalización, por incrementar a nosa produción científica e por aumentar a participación en proxectos científicos internacionais.

Pensamos que Horizon 2020, o programa marco de investigación da UE que se acaba de poñer en marcha, abre unha oportunidade extraordinaria para enfrontar proxectos comúns de innovación con tecido empresarial do noso contorno inmediato e de Galicia no seu conxunto, así como con socios internacionais. Témolo que aproveitar para dar un salto cualitativo en materia de investigación e innovación.

A internacionalización é, no momento presente, un obxectivo estratéxico e prioritario da Universidade da Coruña. Desenvolvendo as nosas fortalezas e corrixindo as nosas debilidades, estamos dando pasos sólidos neste terreo.

Pretendemos xerar un verdadeiro ambiente universitario internacional con obxectivos como dobrar o tempo de permanencia dos profesores e científicos da UDC en institucións estranxeiras ou incrementar nun 60% a taxa de mobilidade do estudantado.

O aumento das competencias lingüísticas da comunidade universitaria hanos facilitar que haxa máis docencia en inglés, que haxa máis titulacións compartidas con universidades doutros países e que sexamos quen de atraer estudantes estranxeiros, máis alá dos que xa veñen coas bolsas Erasmus.

O Plan estratéxico tamén implica, xunto coas titulacións conxuntas, unha aposta polas dobres titulacións e por aumentar substancialmente a matrícula nos mestrados.

Unha aposta, en fin, por abrir máis canles de transferencia de coñecemento á sociedade. Por participar nos procesos de innovación en colaboración con institucións e co sector produtivo.

Alianzas como a que se engloba baixo a denominación A-Tempo, que é un importante proxecto de I+D+i colaborativa entre grupos de investigación do Centro de Investigacións Tecnolóxicas de Ferrol e empresas auxiliares do sector naval. Un novo modelo de desenvolvemento de proxectos estratéxicos universidade-empresa, destinado, neste caso, a contribuír á reorientación das empresas deste sector en crise, de cara a novos nichos de mercado.

Estas liñas estratéxicas han marcar o devir da Universidade da Coruña nos vindeiros anos.

Xunto cos pasos adiante na internacionalización, no acceso a máis produción científica de calidade e na mellora nos resultados académicos e na eficiencia da xestión, agardamos poder dispoñer, este mesmo ano, das instalacións do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) para se sumar á estrutura do Parque Tecnolóxico.

Igualmente prevemos concluír a dotación do novo centro da Área Tecnolóxica, complemento urxente para as instalacións da Escola Técnica Superior de Camiños e da Facultade de Informática.

Non quixera rematar sen lles reiterar os parabéns a todas e todos os estudantes agasallados neste acto. Fágollelos extensivos ás súas familias e aos claustros de profesores e profesoras dos seus centros.

O aproveitamento académico que eles demostraron, o seu talento, o seu tesón, entrega e paixón polo coñemento, son o mellor facho para alumear o camiño da nosa institución, desta a nosa Universidade da Coruña, que este mesmo ano cumpre o seu primeiro cuarto de século de vida.

Máis nada. Moitas grazas.


A Coruña, 27 de xaneiro de 2014