Día da Universidade 2013

Prezados membros da comunidade universitaria,
familiares, autoridades, amigas e amigos todos:

Festexamos hoxe o Día da Universidade da mellor xeito que se pode facer: cun recoñecemento público do éxito dos nosos mellores estudantes. No espello do voso esforzo querémonos reflectir todas e todos os que formamos parte da comunidade universitaria.

Alén do protocolo, que nos sitúa a algúns nesta mesa e aos estudantes premiados aí enfronte, gustaríame que hoxe, de xeito simbólico pero moi significativo, se entendese que sodes vós os que presidides a celebración desta xornada que a tradición reservou para o padroado dos e das estudantes.

Daquela, e en primeiro lugar, é unha honra para min, como reitor da Universidade da Coruña, participar neste acto e expresarvos a todos e a todas os máis sinceros parabéns:

- Por un lado, aos que chegades á Universidade cun expediente inmellorable e aos que completástedes os estudos nos nosos campus de xeito exemplar.

- Por outro, a todas as persoas que recibiron formación investigadora nos nosos centros e agora acadaron o grao de doutores e doutoras (cunha mención especial, para os que pecharon a súa brillante traxectoria académica cun premio extraordinario). Precisamente, na liña de potenciar estes estudos aquí e máis alá das nosas fronteiras, acabamos de crear a nosa Escola Internacional de Doutoramento.

Para todos vós, a felicitación da Universidade da Coruña. Felicitación que estou seguro que comparten as autoridades e representacións que hoxe nos acompañan e cuxa compaña nos honra.

Pero quixera ir un chisco máis alá.

Xunto cos parabéns e co noso desexo de compartir a vosa satisfacción, quixera expresarvos o agradecemento da comunidade universitaria.

Si, parabéns, mais tamén agradecemento.

Agradecemento por terdes elixido cursar os vosos estudos de educación superior na Universidade da Coruña e por facelo con vocación e con capacidade de esforzo e de sacrificio, como se constata nos vosos expedientes académicos.

Agradecemento, tamén, por confiardes nunha universidade como a nosa, que forma parte do sistema universitario galego, do sistema de universidades públicas sostidas fundamentalmente cos recursos da sociedade galega.

O primeiro que a sociedade lles encomenda ás universidades públicas é formar profesionais altamente cualificados. Profesionais preparados para enfrontaren con rigor e solvencia as responsabilidades máis esixentes en calquera tipo de organización privada ou pública.

Isto é o primeiro e –como veño repetindo desde que son reitor– o que máis influencia ten non desenvolvemento socioeconómico do noso contorno. Está demostrado e contrastado e pódese apreciar con facilidade ao noso arredor.

Por esa razón –e máis agora que atravasemos tempos de escaseza e apreturas–, na Universidade da Coruña reforzamos os nosos postulados nucleares e establecemos as nosas prioridades: o primeiro son as persoas. As persoas son a prioridade da UDC.

Fronte á tentación economicista, centramos as nosas enerxías en defender a atención prioritaria ao alumnado, e a cualificación e e mantemento do persoal.

A Universidade é un polo de saber e de coñecemento. E o saber e o coñecemento está nas persoas. Nas que o procuran. Nas que o ensinan. Nas que o aprenden. Nas que o transmiten.

Convencidos de que cando falamos de Universidade este é o axioma de partida, coido moi importante nestes momentos –mesmo necesario– poñer en valor a universidade pública diante da propia sociedade. Xusto agora cando, como adoita suceder en épocas de fonda crise, se revisa ou se aproveita para cuestionar intereseiramente o funcionamento ou a eficiencia de todas as institucións públicas, converténdoas en verdadeiros chibos expiatorios.

Neste ambiente –sen dúbida desfavorable– nós queremos preservar o dereito de calquera persoa a acceder á educación superior en condicións de igualdade e por enriba de calquera discriminación posible. Sobre todo, da que poida ter por causa os recursos económicos das familias. Para que se non temos universidades públicas?

Garantir o dereito a estudar, a aprender, a saber e a mellorar na escala social resulta imprescindible para manter a cohesión social e para non volver aos tempos en que estudar na universidade era unha opción reservada só para uns poucos. Mal negocio para a sociedade galega se damos pasos atrás nun ámbito tan sensible e tan determinante para as persoas, para as familias e para a sociedade galega no seu conxunto.

As máis recentes enquisas sobre percepción das institucións entre a cidadanía sitúan as universidades no máis alto súa confianza. Constatar ese xuízo social, de gran valor, dános azos para seguir salientando a impagable rendibilidade social dos nosos campus.

As universidades públicas españolas son, en conxunto, eficientes. Cómpre que a cidadanía saiba que nos trinta últimos anos e cunhas enormes diferenzas no investimento por alumno, as universidades galegas e españolas foron quen de se situar a un nivel homologable ao dos restantes países da Europa desenvolta.

As universidades abríronse para un amplísimo sector da sociedade que non tiña acceso a elas. De xeito paralelo, partindo dun atraso histórico vergoñento, a ciencia española foi quen non só de se poñer ao día, senón mesmo de colocarse como novena potencia científica do mundo, coas universidades como protagonistas indiscutibles.

Xa que logo, temos unha universidade que ensina e unha universidade que investiga. Cómpre non perdermos calidade para que, sen deixar de ser críticos con nós mesmos e de recoñecer as nosas eivas, poidamos incrementar a eficacia e seguir cumprindo a nosa misión.

Debemos seguir garantindo o acceso en igualdade, porque sen igualdade non hai verdadeira liberdade.

Temos que entender o que si semellan comprender os países máis desenvoltos: se as universidades perden calidade, quedarémonos, como dixemos os reitores na declaración conxunta en decembro, sen unha das armas necesarias para avanzarmos e saírmos da crise: o coñecemento.

Non hai nada máis intelixente que investir en educación. Non hai nada máis rendible que investir en ciencia e coñecemento.

Paradoxalmente, os efectos destrutivos da crise fannos entender mellor a importancia de contar con servizos públicos de calidade. Fannos comprender por que é preciso defender conquistas sociais que son froito da loita de moitas xeracións polo progreso e o benestar.

Botaremos man daquela capacidade de paixón civil da que falaba Norberto Bobbio para defender o alto valor social da universidade pública. Para procurar a súa mellora continua e soster o seu papel insubstituíble para a cohesión e para a xustiza social.

Máis nada. Reitérolles a miña felicitación aos estudantes premiados e aos novos doutores e doutoras.

Así mesmo, quero deixar constancia do agradecemento da Universidade da Coruña polo apoio e polo compromiso do Banco Santander na dotación económica dos premios.

Cun recordo final para os tres axentes de policía e para o estudante falecidos hai xusto un ano na traxedia do Orzán, exprésolles a miña gratitude pola súa presenza a todas e todos os asistentes a este acto, así como a cantas persoas quixeron seguilo a través de internet.

 

A Coruña, 28 de xaneiro de 2013