Apertura do curso 2015-2016 no Sistema Universitario Galego

Señor conselleiro, señores reitores, autoridades, representacións, membros da comunidade universitaria, amigas e amigos todos:

A Universidade da Coruña acolle hoxe no seu Paraninfo o acto institucional co que abrimos o curso académico 2015-2016 no sistema universitario galego.

Os meus parabéns para o profesor José Manuel Cardesín pola súa rigorosa lección inaugural, que este ano –como dixo no comezo– lle corresponde por primeira vez á Facultade de Ciencias do Deporte. O seu completo repaso pola evolución histórica da actividade física e das ciencias da actividade física marca, simbolicamente, o comezo do novo período académico.

Milleiros de mozos e de mozas reincorpóranse ou incorpóranse por primeira vez aos sete campus galegos para facer realidade os seus obxectivos persoais, académicos, científicos e profesionais.

A actividade docente e científica recupera o seu ritmo habitual nas aulas e nos laboratorios. Os campus recobran vitalidade, enerxía e esforzo a prol do saber e da transmisión do coñecemento: a vocación que caracteriza e xustifica a nosa existencia como institucións educativas e científicas.

En nome das universidades de Santiago, de Vigo e da Coruña quero darlles unha cordial benvida a todas e a todos, en particular a cantos se estrean este curso como alumnos dos campus galegos.

O núcleo da misión universitaria é, segue e seguirá a ser, a transmisión do saber. A transmisión de todos os saberes accesibles para a intelixencia humana, porque todos teñen un infinito valor, independentemente da súa posible tradución (ou non) en rendibilidade económica.

Permítanme lembrar aquí unhas moi sabias palabras do sociólogo norteamericano Eliot Freidson:

As universidades son unha invención notable da Humanidade, precisamente porque naceron para protexer o traballo que non ten un valor económico inmediato.

Esa misión vertebral, con todas as súas implicacións e todas as súas derivadas, impulsa o quefacer universitario en aulas e laboratorios.

Co novo curso retomamos folgos para cumprir, co máis alto nivel de esixencia, o noso compromiso coa realización persoal do alumnado, coa formación de profesionais altamente cualificados e coa investigación e a transmisión do coñecemento. Un proceso fundamental para o progreso social, cultural e económico do país.

A sociedade galega sabe que conta cun bo sistema universitario. A sociedade da que formamos parte –a sociedade que nos sustenta fundamentalmente cos seus recursos– debe saber que unha das súas grandes fortalezas é contar con tres universidades. Institucións diferentes, cada unha coas súas características específicas, pero as tres moi conscientes da necesidade de operaren en clave de sistema e procuraren a complementariedade, o mellor xeito para mellor cumprir o seu compromiso coa cidadanía galega como responsables do servizo público da educación superior.

Ao longo do curso pasado estivemos conmemorando o 25 aniversario da creación do sistema universitario galego. A meu xuízo, unha das mellores cousas que lle sucederon a Galicia nas últimas décadas e que rematou co estigma de que contásemos cunha das máis baixas taxas de escolarización universitaria de toda Europa.

**
Coa ollada posta no futuro, na Coruña quixemos aproveitar a efeméride para reflexionar sobre o presente e o futuro da universidade pública que queremos para a nosa sociedade. A universidade pública posible.

Sabemos ben que crises como a que estamos a atravesar xeran unha dolorosa treboada social. Os seus efectos de desemprego, empobrecemento, degradación laboral, falla de expectativas para a mocidade, pobreza e perda de dereitos provocan un inaceptable crecemento da desigualdade, diante do que nin podemos, nin queremos, nin debemos permanecer impasibles. Tampouco, por suposto, a comunidade universitaria, porque a desigualdade mina a cohesión social, que ten na educación un dos seus piares.

Sempre que se produce unha crise, a convulsión consecuente induce a revisar e a se cuestionar moitas cousas, mesmo aquelas que parecían máis sólidas e inamovibles.

A ollada crítica expándese na procura das causas inmediatas ou mediatas dos problemas e da validez da orientación das políticas que se adoptan para lles facer fronte aos problemas. Por iso estimamos oportuno debater sobre o modelo de universidade pública, cuestionado na práctica desde determinadas ópticas ideolóxicas.

Estamos nun momento en que convén termos claras as ideas se, como dixo o profesor Boaventura de Sousa:

“O valor do coñecemento é cada vez máis
o valor do mercado do coñecemento”

Porque, en realidade, somos moitos os que concordamos nesta preocupación polo crecente control do mundo financeiro e mercantil sobre a educación, especialmente no nivel universitario. A mesma preocupación da que se facía eco o profesor Mayor Zaragoza cando, no ciclo de conferencias do 25 aniversario, mostrou a súa estrañeza porque sexa a OCDE –unha organización nitidamente económica– quen estea a dicir como ten que ser a educación.

No espazo europeo, a resposta que lle dan gobernos como o español á crise de ingresos públicos alimenta os temores dos que vemos con aprehensión a perda de prioridade da universidade nas políticas sociais.

A Universidade é un ben público, susceptible, obviamente, de melloras e reformas. Mais debemos rexeitar que as súas debilidades, agudizadas pola crise, se aproveiten para deixala nas mans dun mercado global da educación superior ao servizo estrito de intereses puramente economicos. Seguindo, por certo, un modelo de desenvolvemento económico baseado na redución drástica do sector público. Porque, como argumenta De Sousa:

unha cousa é que a universidade produza coñecemento e profesionais para o mercado e outra, ben distinta, que ela mesma se converta nun mercado, o mercado da educación terciaria.

Non estamos ante un debate encriptado para entendidos, nin acoutado ao interior dos campus. A evolución de Europa cara a unha economía baseada no coñecemento coloca as universidades (principais centros de investigación e transferencia) nunha posición determinante. Chave. Hai que formar profesionais con elevada cualificación en estándares internacionais e hai que xerar I+D+i nun mundo aberto e moi competitivo, no que precisamos operar cun modelo de universidade pública claro e ben definido.

Europa trazou os seus obxectivos para 2020 centrados nun crecemento que se pretende intelixente, sustentable e integrador e ambiciona conseguir que se destine un 3% do PIB a I+D.

Neste mesmo Paraninfo, Ignacio Cirac fíxonos devecer –se se me permite a expresión– relatándonos polo miúdo como Alemaña, o país onde desenvolve o seu labor científico, acordou, en plena crise e mediante un pacto de Estado, incrementar un 5% anual os recursos públicos para I+D+i.

A realidade evidencia que non converxemos, senón todo o contrario. Os países tractores europeos enfrontaron a crise reforzando a investigación e a innovación. Aquí tomamos o camiño contrario. Cirac expresábao cunha metáfora:

Cando se deixa de regar unha árbore, a árbore morre
e hai que comezar de novo.

O esforzo español en I+D leva baixando ininterrompidamente desde 2010. O de Galicia, xa desde dous anos antes.

Cando o Instituto Nacional de Estadística nos di que o investimento público e privado en I+D non pasa no conxunto do Estado do 1,24%, mentres o da Unión Europea se sitúa no 2,02%, cremos razoable advertir sobre a urxencia dunha acción política de Estado, sostida no tempo, que faga daquel pretendido 3% algo máis ca unha benintencionada utopía e que permita frear a sangría que supón a perda seguida de novos investigadores.

En Galicia partimos dunha posición aínda máis atrasada, pois o noso cativo 0,86% do PIB reflicte tanto a escaseza do investimento público como a debilidade do executado polo sector privado. Nos seus indicadores de investigación e transferencia, as universidades galegas acusan directamente esa debilidade, pois as empresas do noso contorno destinan a I+D un 14% menos que no conxunto do Estado.

**
Nos últimos meses os reitores de todas as universidades españolas vimos reclamando a fin das medidas anunciadas no seu día como conxunturais e que tanto dano están a lles facer aos campus.

Se de verdade se está a recuperar a actividade económica e se queremos manter o modelo de universidade pública con financiamento fundamentalmente público, cómpre recuperar o terreo perdido. E cómpre que o fagamos nun marco de estabilidade normativa para atender as prioridades e evitar a dispersión de enerxías.

A Universidade española ten un problema de ingresos, non de gasto. O gasto público universitario retrocedeu a cifras do ano 2006. O último informe da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas cifra en 1.172 millóns de euros a redución no total de gastos liquidados só no período 2010-2013.

Cos datos de 2014, a cifra da diminución en Galicia, malia ter unha evolución menos negativa que noutras comunidades, achégase ao 10%, mentres no conxunto do Estado medra, en termos absolutos, por riba dos 1.500 millóns.

Desde esta óptica do modelo de universidade pública que defendemos, preocúpanos moito que a Actualización do Programa de Estabilidade, remitido recentemente polo Goberno central á Comisión Europea, prevexa baixar o gasto público total na política de educación desde o 4,5% do PIB en 2012 a un 3,7% do PIB en 2018. Noutros termos: xa se rebaixou o gasto en 5.000 millóns ata hoxe e estase a anunciar un recorte doutros 3.000 millóns nos próximos catro anos.

Con ese inquietante pano de fondo, agradécese o esforzo da Xunta de Galicia para elaborar un novo plan de financiamento, que inclúe unha modesta mellora na achega da administración autonómica para os vindeiros cinco anos.

Para a súa distribución cómpre demandar a equidade necesaria e que se siga con rigor o principio de sustentabilidade financeira para o financiamento dos compromisos de gasto presentes e futuros, tal e como se recolle na lexislación española vixente.

A dirección do novo plan é a correcta, mais tamén é certo que aínda queda moito para recuperar o retroceso destes últimos anos, que nos afastou da aínda non alcanzada suficiencia financeira do sistema universitario.

Ademais, non se debe esquecer que entre 2010 e 2013 (catro anos) as universidades perderon no conxunto do Estado preto de 8.500 empregos, dos que 5.000 corresponden a profesores equivalentes a tempo completo.

O sistema universitario público acusa sensiblemente o impacto desta redución de efectivos, que vén impedindo a renovación e a incoporación aos cadros de persoal de mozos e mozas con notable cualificación. Por desgraza, moitos deles, desanimados, acaban por marchar fóra do país.

**
As universidades precisan do máximo apoio social, e por suposto institucional, para cumpriren a súa misión e o seu papel estratéxico na sociedade do coñecemento.

A universidade pública do século XXI ten que prestar o servizo público da educación superior dispoñendo da autonomía e dos recursos humanos, materiais e financieros axeitados para desenvolver con eficiencia esas funcións que, cando menos sobre o papel, todo o mundo estima vitais (estratéxicas) no actual contexto local e global.

Cunha formulación que comparto, o profesor Xavier Grau expoñía en Ferrol a conveniencia de non mirar cara á Universidade con olladas parciais, nin desde dentro nin desde fóra, sen considerar a súa especificidade como institución implicada no desenvolvemento da sociedade que a sostén.

A Universidade –advertía el– non é unha empresa, nin é unha administración. E ademais,

A visión da Universidade como mera provedora
de servizos non lle fai ningún ben á propia Universidade.

Efectivamente, a Universidade é moito máis ca unha proveedora de servizos. A súa implicación coa sociedade é moito máis complexa que a pretendida por esa percepción mercantilista ou, cando menos, simplista.

Porque, a través da formación de profesionais e da investigación cumpre o seu compromiso co desenvolvemento local, en colaboración con outros axentes. Pero, ao mesmo tempo, manifesta o seu compromiso a escala mundial ou global (cito textualmente o ex reitor da Universidade Rovira i Virgili),

educando cidadáns de mente aberta, críticos e comprometidos eles mesmos na procura dun mundo máis xusto e sustentable.

Nese esforzo pola mellor formación dos estudantes e por alcanzar novos logros na investigacióne na innovación, cómpre teimar no reforzamento da confianza entre os campus, o tecido socioprodutivo e as institucións. Unha base sólida para derrubar obstáculos, vencer inercias e potenciar o nivel de cooperación desexable, cadaquén desde a súa misión e función específica na sociedade.

**
Coa mesma normalidade coa que rematou o ano académico anterior, arrancamos este curso 2015-2016 nos sete campus das universidades galegas.

Ademais, sen que se altere esa normalidade e segundo establecen os Estatutos, a Universidade da Coruña iniciará nunhas semanas, o proceso electoral que levará a nosa institución a comezar o ano 2016 cun novo reitor, pois eu, por razón de idade, non concorrerei como candidato. Estou seguro de que profesorado, investigadores, persoal e estudantes aproveitarán o exercicio do seu dereito ao voto para expresar, con liberdade e responsabilidade, a súa opinión sobre o modelo de Universidade e a súa xestión.

Máis nada pola miña banda. Reitérolles o meu agradecemento a todas as persoas que quixeron compartir connosco este acto simbólico de apertura do ano académico 2015-2016. Que teñamos un bo curso.

Moitas grazas.