Apertura conxunta do curso 2012-2013

Paraninfo
Venres, 7 de setembro de 2012 – 12.00

Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria,
Reitores magníficos, presidentes dos consellos sociais, autoridades, membros da comunidade universitaria,
amigas e amigos todos:

A magnífica lección inaugural do profesor Javier Cudeiro sobre “O cerebro e a creación da realidade” sitúanos a todas e a todos no punto de partida deste novo curso 2012-2013 nas tres universidades do sistema universitario galego.

Parabéns, logo, para o profesor Cudeiro por esta lección, amena e rigorosa, que, dito sexa de paso, se presta a moitas metáforas para describir o momento presente da Universidade e da sociedade en xeral.

Agradecemos a presenza de autoridades, representacións e membros das nosas comunidades universitarias para compartir connosco este acto simbólico no Paraninfo da Universidade da Coruña.

Este acto simbólico e solemne, ademais de servir de benvida para os novos estudantes dos nosos campus, ofrécenos a oportunidade de expresar en voz alta algunhas reflexións e inquedanzas sobre o momento presente da Universidade.

1. Sistema universitario galego

Coido que a universidade europea se atopa nunha verdadeira encrucillada. O impacto da globalización, a crise económica e a incógnita sobre o resultado final do proceso de Boloña erosionan o modelo vixente de universidade pública, que pode verse cada vez máis condicionada por intereses puramente mercantilistas.

Referireime máis adiante a este debate. Antes quixera alzar a miña voz para poñer en valor a universidade galega.

Sobre o sistema universitario galego pivota unha das máis sólidas fortalezas con que conta Galicia. Esta fortaleza foi clave no desenvolvemento social e económico de Galicia nas tres últimas décadas, é imprescindible no momento presente e será vital no futuro inmediato, pois, nunha economía baseada no coñecemento como a que se pretende, resultará determinante a propia capacidade de preparar bos profesionais en calquera disciplina e de transferir o coñecemento que se xera nos campus.

Sen prexuízo de posibles ou convenientes reaxustes, en Galicia contamos cun sistema universitario público sustentable e razoablemente dimensionado, con tres universidades de tamaño medio (unha por cada 900.000 habitantes). Se tomamos como referencia o contexto español, a media é de unha por cada 600.000 habitantes. Se miramos ao Reino Unido, por exemplo, hai unha por cada 250.000 habitantes e se a ollada se pousa na outra beira do Atlántico, habería que falar dunha universidade por cada 94.000 residentes nos Estados Unidos.

Mais non se mide o valor dunha universidade pública en termos de tamaño, senón en función da súa rendibilidade social como servizo público. E aí a cidadanía galega pode estar segura de que ten ao seu dispor tres universidades solventes e de calidade, homologables a calquera outra universidade pública europea. Compróbao ano tras ano o noso estudantado erasmus e o noso profesorado e persoal investigador nas súas estadías no estranxeiro.

Ben sei que a delicada situación económica do país nos atorda ese delicado quilo e pico de masa que denominamos cerebro con indicadores económicos negativos, sen dúbida un terreo acaído para visións simples, simplistas e simplificadoras, tinxidas de demagoxia e dun inadmisible economicismo.

Falo dun economicismo simplificador, falaz e nada inocente que pretende avaliar os servizos públicos básicos e irrenunciables de hospitais, escolas e facultades con parámetros de beneficio empresarial, similares aos aplicados a un centro comercial con ánimo de lucro ou a un investimento financeiro de carácter especulativo.

Rexeitamos este enfoque. Sinxelamente: é inaceptable. Porque, con seren a investigación e a innovación contribucións de elevado valor económico e cultural, aínda o é máis a cantidade e a calidade dos titulados altamente cualificados que saen das universidades para exerceren a súa profesión en distintos sectores de actividade, sobre todo no territorio do seu contorno.

Esa é a primeira, a máis directa e a máis valiosa repercusión que ten sobre progreso de Galicia o feito de dispoñer dun sistema universitario próximo, eficiente e con vocación de complementariedade. Ninguén con capacidade de decisión ou de influencia no progreso do país debería esquecelo.

Os responsables das institucións políticas deben facer un esforzo por defenderen o ensino público, sobre todo a educación superior. Convocadas xa as eleccións para renovar o Parlamento, sería desexable un esforzo de todas as forzas políticas por xuntar vontades. Un esforzo responsable por trasladar a un verdadeiro pacto pola Universidade galega os seus posicionamentos teóricos, nos que resulta doado achar puntos de coincidencia.

2. Dereito á educación superior

Esta rendibilidade social conecta co exercicio do dereito á educación superior. O nacemento do sistema universitario galego, hai vinte e tres anos, veulle dar resposta ao que a propia lei de creación denominaba “tradicionais carencias” e á elevada demanda de estudos universitarios dos mozos e mozas que remataban o bacharelato.

Aquela decisión do Parlamento permitiu ampliar notablemente as opcións de mellora das galegas e dos galegos. Porque a Universidade – a Universidade pública, con prezos públicos– xoga un papel esencial como mecanismo de mobilidade social ascendente. Os datos do último informe da Fundación Conocimiento y Desarrollo indican que un 34% do estudantado universitario procede de familias cun baixo nivel formativo. Para os que miramos a acción institucional desde unha óptica progresista, este non é un tema menor.

A oportunidade de poder cursar unha carreira é –e ten que seguir sendo– unha ferramenta irrenunciable de mellora individual e social á que toda a cidadanía debe ter acceso, sen discriminación ningunha, nin económica, nin territorial, nin de calquera outra índole. Ten que constituír un instrumento fundamental de cohesión para garantir a igualdade de oportunidades efectiva, consagrada na lexislación española desde a restauración da democracia.

Quixera sinalar que algunhas medidas incluídas no Real decreto 14/2012 de 20 de abril lesionan ese dereito básico e ameazan a calidade da formación e da investigación.

Desde distintos ámbitos erguéronse voces alarmadas. Entre elas, a do Claustro da Universidade da Coruña, que aprobou por unanimidade unha declaración en defensa da universidade pública. Pensabamos e pensamos que era este o momento de tomar postura crítica e de defender o dereito fundamental á educación superior.

A Xunta atendeu algunhas das nosas queixas. Debemos recoñecer publicamente a sensibilidade do Goberno galego para se desmarcar dunha suba disparatada e antisocial das taxas universitarias, tal como autoriza o mencionado real decreto.

Non se poden poñer paus nas rodas nin tirar pedras contra o propio tellado cando se trata de mellorar o nivel formativo xeral.

Un dato máis. A Unión Europea acaba de aprobar a denominada Estratexia Europa 2020. Entre os seus obxectivos están o de reducir a taxa de abandono escolar por baixo do 10% e conseguir que o 44% dos mozos e mozas europeos de 30 a 34 anos teñan estudos superiores completos. A media española está no 30%, moi por baixo, por exemplo, da envexada Finlandia (37%) ou dos Estados Unidos (41%).

3. Investigación e desenvolvemento

Aínda non hai oito meses que, en exercicio da súa autonomía democrática, a comunidade universitaria dos campus da Coruña e de Ferrol depositou en min a súa confianza para encabezar o goberno da institución.

Posiblemente neste tempo moitos de vostedes xa percibiron que o reitor vén sendo insistente –machacón, dirán algúns– na súa defensa do modelo de universidade pública.

Pois boa falta fai. Alén das ineficiencias que debamos corrixir e dos recursos que teñamos que optimizar, coido que a sociedade galega e as súas institucións de goberno deben valorar no seu conxunto a súa eficiencia e o seu valor intrínseco.

Podemos presumir de nos ter colocado á altura dos países social e educativamente máis eficientes, a pesar de estar o investimento español en ensino superior moi por baixo da media da OCDE, que é o mesmo que dicir dos países máis desenvolvidos do mundo.

Recuperando un atraso histórico (vergoñento, tamén), fomos quen de poñernos a altura dos mellores na formación de profesionais altamente cualificados. Fomos quen de dar un salto cuantitativo e cualitativo espectacular no ámbito da investigación, a outra gran misión social da universidade moderna.

Nos dez primeiros anos deste século despegou, por fin, o investimento en ciencia en Galicia. Medrou un terzo de punto e situouse no 0,96% do PIB, un esforzo, malia todo, aínda inferior ao do conxunto do Estado, cunha media do 1,39%, e nin a metade do que se fai na Unión Europea.

Ou, dito doutro xeito, estabamos no camiño correcto e necesitamos máis impulso das administracións públicas e maior compromiso das empresas e institucións privadas.

Datos recollidos no informe A ciencia en Galicia, patrocinado pola Fundación Barrié, revelan que en Galicia só traballan en I+D 9,8 persoas por cada mil habitantes, fronte a 11,8 en España. Xa que logo, non andamos sobrados de científicos.

España é a novena potencia científica mundial, a pesar de non ter alcanzado, nin de lonxe, un esforzo de investimento semellante ao doutros países.

O mesmo informe da Fundación Barrié reflicte que o sistema universitario galego lidera a produción científica galega do período 2005-2010. Fíxoo a través da súa participación na publicación de tres de cada catro documentos en revistas científicas, ao tempo que executou o 43% dos recursos destinados a I+D no último decenio.

Poderiamos seguir achegando cifras, mais coido que a idea está clara. Se o sistema universitario sostén o I+D+i galego, as políticas de recortes curtopracistas están a hipotecar o futuro inmediato do noso progreso social e económico.

Cedo ou tarde, seremos quen de saír da crise e, para entón, convén non termos estragado a capacidade de resposta deses centros de produción do coñecemento que, en sentido amplo, son as universidades.

Pedímoslles ao Goberno central e á Xunta de Galicia altura de miras para non desmantelar un sector estratéxico, vital, para os profundos cambios que se aveciñan no modelo produtivo.

Os países que mellor encaran a crise apostan decididamente polo I+D+i incrementando recursos, sabedores de que están a apostar pola solvencia futura do seu sistema produtivo. Cómpre non esquecermos que nunca, en ningures, se mellorou a calidade reducindo investimentos.

4. A transferencia

As universidades producen e deben producir tanto investigación básica como tecnoloxía, pois cómpre compaxinar os intereses da ciencia pura –que non procura beneficio a curto prazo– coa ciencia aplicada, que revirte directamente os seus logros en beneficio do sistema produtivo.

Neste aspecto da transferencia, tanto mellor será a prestación do noso servizo público canto máis fluída e ampla sexa a interacción entre as universidades, as administracións públicas e as empresas. Sen que ninguén perda os seus sinais de identidade e o seu compromiso, público ou privado, estamos obrigados a mellorar a cooperación e a ampliar as sinerxias.

Por iso na comunidade científica preocupa moito a incapacidade do sector privado español para absorber o persoal altamente cualificado que formamos nos campus, unha incapacidade moito máis acusada, por certo, no ámbito galego.

Todos os informes veñen advertindo da forte diminución no número de empresas innovadoras. O estudo da Fundación Conocimiento y Desarrollo pon un exemplo: en 2010, a caída foi un 20% respecto do ano anterior.

Esta realidade súmase aos efectos de decisións políticas recentes de fondo calado: a administración pública recortou en catro anos un 37% dos recursos para a ciencia.

Así, sen opcións no sector público nin no privado, o país enfróntase a unha verdadeira fuga de cerebros que, para máis inri, é multi-xeracional.

As sociedades científicas xa llo advertiron ao Goberno nunha Carta Aberta pola Ciencia Española. As universidade galegas facemos propia a denuncia: a perda do talento que tanto costou formar abócanos a que, dentro duns anos, non nos quedará outra que importar científicos e disputárllelos aos países con máis recursos. Todo un retroceso histórico diante do que non podemos, nin queremos, ficar calados.

5. A encrucillada

Dicía no comezo da miña intervención que a universidade europea se atopa nunha encrucillada. A crise económica e financeira agudiza un debate aberto xa durante o proceso de converxencia europea da educación superior.

Cando se formulan tantas incertezas debemos ser quen de dar respostas para termos claro o modelo de universidade que defende cadaquén. Porque as encrucilladas, como advirte o profesor Boaventura de Sousa, se caracterizan como situacións de bifurcación: movementos mínimos nunha dirección poden producir alteracións significativas.

As reflexións do ilustre pensador portugués sérvenme de base para expoñer unha visión da universidade europea que comparto. Porque eu tamén quero acreditar que o Proceso de Boloña foi unha verdadeira reforma para mellorar.

Porque as reformas serán válidas na medida en que sexan útiles para enfrontar as disfuncións da universidade clásica, a resistencia ao cambio, a inercia estéril, a falta de participación democrática, na medida en que permitan incentivar a mellora docente e científica, a cultura da avaliación e o rendemento de contas.

Porque as reformas serán válidas se de verdade distinguen os lexítimos intereses mercantís dos da sociedade civil, se se protexe o pluralismo científico e se impide a imposición do pensamento único.

Porque, no dominio da investigación e o desenvolvemento, a análise custo/beneficio é, como expresa graficamente o profesor De Sousa, “un instrumento muito grosseiro”, que pode matar a innovación en vez de a promover.

Porque igual que hai que fuxir da instrumentalización política da universidade, así tamén será preciso combater imposicións externas que sacrifiquen a diversidade e a diferenza na procura dun internacionalismo simplemente comercial.

Porque a autonomía académica e científica só se garante cun finaciamento público suficiente para que a universidade cumpra a súa misión.

Porque do que se trata é de reforzar a colaboración docente e científica das propias universidades co ámbito privado, sen que isto implique deturpar a misión da universidade nin coartar o cumprimento da súa verdadeira responsabilidade civil coa cidadanía.

Porque eu tamén penso, como o profesor De Sousa, que os ránking son coma o sal na comida: de menos, faina intragable; de máis, mata todos os sabores. Os sabores que conforman a liberdade académica, o pluralismo ideolóxico e a autonomía institucional.

Por último, deberiamos lembrar que formamos seres humanos, cidadáns e cidadás íntegros, con capacidade crítica, que é moito máis que capital humano entendido como un simple factor de produción susceptible de valoración mercantil e transferible no mercado a cambio dun prezo.

Máis nada pola miña banda. Logo destas miñas reflexións sobre o sistema universitario galego e sobre o devir da universidade en Europa, só me resta comprometer o esforzo responsable de todos os membros da comunidade universitaria galega polo éxito do curso 2012-2013.

Moitas grazas.


A Coruña, 7 de setembro de 2012