Medalla de Ouro da Universidade e doutoramentos honoris causa de John Rutherford e Manuel Rivas

“Aínda que as follas sexan moitas, a raíz é só unha”. Esta frase do escritor irlandés William Butler Yeats encabeza un dos celebrados relatos curtos de Manuel Rivas, o titulado –oportunamente– “A chegada da sabedoría co tempo”.

Coido non forzar demasiado a metáfora se boto man dela para vincular a personalidade das tres persoas que hoxe honramos neste acto solemne da Universidade da Coruña.
A raíz común chámase compromiso. Compromiso xeneroso. Compromiso de longo percorrido. Compromiso moral e social coa Universidade, co saber, coa cultura e co país. E altura de miras. Sobre todo, altura de miras.

Coa concesión da Medalla de Ouro ao profesor José María Barja e o doutoramento honoris causa a Manuel Rivas e ao profesor John Rutherford, a Universidade da Coruña escribe unha páxina singular no seu catálogo de recoñecementos. Eses recoñecementos cos que se debuxa o perfil simbólico da institución.

Agasallamos o ex-reitor José María Barja, o profesor, o alxebrista, que rexeu con acerto os destinos desta a súa universidade nos últimos oito anos.

Na medalla que se lle acaba de impoñer vai gravada a gratitude da comunidade universitaria pola súa xestión. A temperanza e a capacidade de integración do profesor Barja resultou fundamental para completar con éxito a longa travesía –por veces estraña e complexa– de enfrontar a adaptación ao espazo europeo de educación superior.

Ademais dos argumentos da resolución do Consello de Goberno que leu o secretario xeral, quixera salientar un aspecto particular que subxace en toda a xestión do profesor Barja. Refírome ao seu espírito de servizo e á súa defensa da Universidade como servizo público, non só no seu papel docente e científico, senón tamén na súa función irrenunciable como instrumento de realización persoal e de construción social e económica. Unha posición convenientemente firme e necesaria nos tempos que corren.

Profesor Barja, benquerido José María, os nosos máis agarimosos parabéns. Este recoñecemento era de xustiza.

O profesor Antonio de Toro xa explicou polo miúdo os méritos especiais polos que a Universidade da Coruña incorpora a John Rutherford ao seu cadro de honra.

Rutherford non se conformou con enriquecer a nómina de excelsos hispanistas ingleses con traballos tan significativos como as súas senlleiras traducións de La Regenta ou de El Quijote. Foi más alá ou, para sermos máis exactos, veu máis acó.

Porque nos anos 60, como lembraba Antón Santamarina cando John Rutherford ingresou na Real Academia Galega, un grupo de hispanistas británicos “volveu poñer a Galicia no seu foco”. A súa curiosidade intelectual tróuxoo a Galicia e acabaría por se converter, desde a súa cátedra de Oxford, no mellor embaixador da lingua e da literatura galegas no ámbito anglosaxón.

Dalgún xeito, el, que agora se sente tan galego como británico, veu quitarlle as cores aos que, sendo galegos de Galicia, demostran pouca fe no seu país e escaso apego á súa cultura. Rutherford dános toda unha lección, impagable, de dignidade e orgullo. Xa que logo, a Universidade da Coruña recoñece o seu quefacer científico, o seu labor a prol da cultura galega no Reino Unido e a súa inquebrantable defensa da nosa lingua. Dentro e fóra de Galicia.

Unha e outra vez, Rutherford seguiu as frechas de ouro que marcan o Camiño de Santiago. Camiño cultural, roteiro europeo polo que sente unha particular atracción. Talvez porque sabe que no punto final sempre agarda por el, no Pórtico da Gloria, o desinhibido sorriso do profeta Daniel.

Porque –é sabido– o risiño desta figura inspiroulle ao noso doutor certeiras investigacións, resumidas de xeito maxistral no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. O seu interese polo insólito risiño burlón de Daniel –ou se cadra un risón, como apunta Rutherford– seica prologa os seus estudos sobre o humorismo literario e, en particular, sobre esa peculiar arma dialéctica galega que chamamos retranca. Quizais, como sosteñen os clásicos, unha forma de sabedoría impresa nos alicerces da nosa psicoloxía colectiva.

Efectivamente, ao nomear o profesor Rutherford doutor honoris causa, a Universidade da Coruña incorpora como referente un prestixioso home de ciencia que puxo a identidade cultural galega no centro do seu labor investigador, e valora, na xusta medida, o seu esforzo divulgador alén da península Ibérica, en terreo certamente pouco propicio para producións literarias alleas e, por riba, minoritarias.

Descoñezo se, como o profesor Rutherford, Manuel Rivas fixo, algunha vez o Camiño. Si sei que é camiñante, mais con outro estilo. Mesmo algunha vez proclamou, co seu personalísimo xeito de procurar –ao estilo borgiano– as secretas simpatías dos conceptos, que o escritor debe facer dúas cousas: escribir e andar coma un Chaplin vagabundo.

Camiñando ou vagabundeando, con Manuel Rivas chega ao noso claustro de honra o primeiro xornalista. Con el incorporamos un prestixioso profesional da información que deu o paso cara á literatura, nun itinerario frecuente entre os xornalistas, pois como lembrara García Márquez, novela e reportaxe son fillas dunha mesma nai.

O profesor Carlos Paulo Martínez Pereiro perfilou os méritos xornalísticos e literarios de Manuel Rivas, e subliñou o especial carácter do seu activismo, comprometido non só coa lingua e a coa literatura galegas, senón tamén, como reza o pergamiño acreditativo, cunha “teimosa defensa das causas universais dos bos e xenerosos”.

Na senda dos grandes da comunicación, Manuel Rivas entendeu que o oficio de escribir é tamén un espazo de loita. Xa que logo, sempre fixo o que Kapuscinski chamaba xornalismo intencional, ennobrecendo unha profesión para a que non serven os cínicos, nin as malas persoas.

Unha profesión esencial nas sociedades democráticas e que o autor d’O lapis de carpinteiro segue a exercer. Un oficio fermoso que o noso doutor compaxina coa creación literaria e coa loita cívica polas causas da dignidade humana, da cultura e do progreso sostible.

Manuel Rivas está emocional e culturalmente moi achegado a nós, ao que somos e ao que queremos para Galicia e para os galegos e as galegas desde a Universidade da Coruña: mellora permanente, compromiso social, fe na condición humana e, como el mesmo di, permanente espírito de estudante para avanzar sempre contra a propia ignorancia.

A comunidade universitaria agradécelle a John Rutherford e a Manuel Rivas teren aceptado o doutoramento honoris causa. A través da docencia, da investigación, da información ou da creación literaria, os novos doutores veñen achegando, ao longo da súa traxectoria vital e profesional, un contributo de alto valor para a nosa cultura e para a súa proxección exterior.

No perfil da Universidade da Coruña, unha institución nova e aberta ao mundo, a defensa da identidade cultural de Galicia non se inclúe como complemento retórico. Ao contrario: forma parte dos seus trazos fundamentais. Non podería ser doutro xeito nunha universidade pública e galega. Galega e pública.

Con Rutherford e con Rivas, a Universidade da Coruña reivindica, si, o valor da cultura con maiúsculas feita desde aquí con vocación universal. Queremos que a súa obra sirva de referente para a acción cultural da nosa universidade, que consideramos un obxectivo estratéxico da nosa proxección social como servizo público.

Imos pechando este acto. A xornada, inzada de razóns e de emocións, vai xa longa dabondo. Reitérolles a John Rutherford, a Manuel Rivas e a José María Barja os meus parabéns persoais e os de toda a comunidade universitaria.

E grazas, por último, aos profesores De Toro e Martínez Pereiro e a todas as autoridades, compañeiros, amigos e amigas que acordaron vir hoxe ao Paraninfo para compartiren connosco esta xornada solemne.

A Coruña, 23 de marzo de 2012