Día da Universidade 2012

Prezados membros da comunidade universitaria,
familiares, autoridades, amigas e amigos todos:

Coma todos os anos, facemos hoxe un alto na rutina do traballo universitario para festexar o Día da Universidade. E ningún xeito mellor para facelo que agasallando os estudantes destacados polo seu rendemento académico ou por alcanzaren o grao de doutor ou doutora.

Xa que logo, vaian por diante os meus sinceros parabéns aos alumnos e alumnas que reciben hoxe o recoñecemento á excelencia no bacharelato; aos gañadores dos premios extraordinarios fin de carreira; aos novos doutores; e mais a aquelas persoas que se fixeron acredoras dos premios extraordinarios de doutoramento.

Con este solemne acto no Paraninfo, en presenza de profesores, autoridades e familiares, a comunidade universitaria fai público recoñecemento da excelencia alcanzada nos vosos estudos. Público recoñecemento do esforzo, do sacrificio persoal e da constancia na procura da excelencia académica, ou, o que é o mesmo, recoñecemento dunha actitude exemplar de compromiso, persoal sobre todo, pero tamén familiar e social, que se traduce nos óptimos resultados dos vosos expedientes.

++
Un dos compromisos fundamentais que asume a universidade coa sociedade é formar graduados altamente cualificados. É a súa obriga primixenia, consubstancial á misión social que se lles encomenda ás institucións de educación superior. Ensinar e investigar. Xerar e transmitir o saber.

Nin o pesimismo, nin as dificultades económicas –que as hai e moi serias– nos van desviar un só milímetro do noso compromiso de traballarmos arreo por conseguir estándares de calidade máis elevados na docencia e na investigación e unha xestión máis áxil e moderna a todos os niveis.

Temos o firme propósito de lle dar un maior empuxe á investigación e de nos abrir camiño no necesario proceso de internacionalización. Temos a intención de avanzar de xeito significativo na cooperación coas outras universidades galegas. Queremos consolidar a nova estrutura das titulacións e as innovacións pedagóxicas vinculadas á integración no Espazo Europeo de Educación Superior.

Cos folgos renovados tras o recente proceso electoral que nos trouxo, a min e ao meu equipo, ao goberno universitario, propoñémonos corrixir disfuncións, enfrontar melloras e promover novas iniciativas.

Temos que lle facilitar ao alumnado instrumentos complementarios que o axude na inserción no mercado laboral e habilidades e destrezas propias de profesionais que, máis ca nunca, van precisar na súa formación intelectual e na súa actividade profesional ao longo de toda a vida. Engadímoslle importantes matices novos ás clásicas esixencias universitarias.

Mais eu quixera que este Día da Universidade nos servise a todos para facermos unha reflexión sobre o valor da calidade da formación académica que impartimos nas nosas facultades e escolas. Ás veces semella que, poñendo a énfase noutras funcións universitarias, lles prestamos pouca atención –ou non lle prestamos a atención axeitada– á docencia e á aprendizaxe de calidade.

Diríase que se produce un certo desequilibrio entre a consideración institucional –e mesmo social– que se lle outorga á investigación e á transferencia fronte á que lle corresponde á instrución de profesionais altamente cualificados.

Porque do mesmo xeito que se constata a obvia importancia da investigación e da súa posta en valor, cómpre salientar que a primeira e máis directa contribución das universidades ao desenvolvemento socioeconómico é, precisamente, a achega de titulados e tituladas ben preparados.

Estudos recentes, rigorosos e non cuestionados, veñen advertindo de que o impacto máis importante do labor universitario no seu contorno é o que se produce como consecuencia do seu traballo na formación de recursos humanos cualificados. Isto é, graduados e graduadas con preparación esixente para se incorporaren a calquera actividade no sector público ou no privado.

Acaso a calidade dos servizos públicos ou da actividade empresarial non garda relación directa coa calidade dos profesionais que neles exercen o seu traballo?

Ese é o primeiro e inmediato valor social da calidade da formación que adquiren os estudantes. Esa é, pois, a primeira e máis directa responsabilidade de todos no proceso educativo, nomeadamente do profesorado.

++
Non teñan dúbida. A Universidade da Coruña, coma a maioría das universidades españolas, cumpre con eficiencia a función que ten encomendada. Mesmo podemos esgrimir rigorosas enquisas internas que mostran que o grao de satisfacción do noso estudantado supera a media española.

Lonxe de nós calquera indicio de autocompracencia. A sociedade, que nos ten como a institución mellor valorada, esíxenos un continuo esforzo de modernización que as universidades enfrontamos sen abandonar a nosa misión de reflexión, pensamento crítico e creación cultural. E ese esforzo mira cara a un obxectivo común moi claro: seguir investindo en talento. Talento como o que hoxe, na súa mellor expresión, recoñecemos neste acto.

A sociedade, as empresas, as administracións públicas teñen ao seu dispor universitarios ben formados, indispensable na sociedade do coñecemento. Gustaríanos que, malia a crise, se soubese aproveitar esa fortaleza do noso país, froito do esforzo persoal de milleiros de estudantes e das súas familias, e do investimento de moitos recursos públicos.

A produción de coñecemento é a maior riqueza que temos. Sociedade e gobernantes deben velo así. Galicia non pode dilapidar os seus recursos humanos mellor preparados, do que depende en boa medida o seu futuro económico e social. Son erros que logo se pagan caros.

++
Hai só unhas semanas tomei posesión, aquí, no Paraninfo, como reitor da Universidade da Coruña. Dixen daquela, e reitero agora, que a pedra angular do programa que me levou á Reitoría reside na defensa, sen reservas nin matices, da Universidade pública como eficaz motor da mobilidade social ascendente. Ademais, por suposto, de instrumento primordial para o desenvolvemento económico, social e cultural do país.

Por citar un dato, téñase en conta que, segundo as estatísticas do Ministerio de Educación, practicamente un 70% dos estudantes que acceden á universidade proceden de familias cuxos pais non cursaron estudos universitarios.

Xa que logo, a Universidade da Coruña seguirá defendendo, como o veu facendo estes últimos anos, o modelo de universidade pública e o mantemento dos prezos públicos nos estudos de grao, posgrao e doutoramento.

O equipo de goberno que presido comeza a seu mandato estes días consciente das desalentadoras novas económicas e laborais que nos chegan cada día a través dos medios de comunicación. Seica temos borrasca para moito tempo. Serán maiores as dificultades na travesía, mais nós sabemos ben a onde queremos ir e como aproveitar as nosas fortalezas para mantermos o rumbo.

Coa visión de futuro esixible á alta responsabilidade que asumimos, faremos un esforzo especial por desenvolver o programa con que nos presentamos diante da comunidade universitaria sen que a marusía nos afecte máis do asumible.

O noso é preparar formar titulados e xerar saber valioso a través da investigación. Isto é o que imos seguir facendo. Eses seguirán a ser os nosos puntos de referencia.

E para preparar bos universitarios cómpre captar profesorado con talento e promover a calidade. A aplicación estrita destes criterios fixo posible, estes últimos anos, a cualificación dun cadro de persoal docente e investigador cun 44% máis de profesorado permanente doutor. Ben sabe todo o mundo que a calidade do profesorado é determinante no nivel que adquiren os/as estudantes. O último informe da OCDE, difundido estes días, insiste neste aspecto fundamental.

Máis nada pola miña banda. Reitero os parabéns para todas e todos os alumnos presentes. Comparto coas familias a súa lexítima satisfacción pola vosa magnífica resposta ao seu esforzo para que chegásedes a esta meta.

Parabéns en nome da Universidade da Coruña.


A Coruña, 17 de febreiro de 2012