Discurso de toma de posesión de D. Xosé Luís Armesto como reitor da Universidade da Coruña

Paraninfo, venres, 13 de xaneiro de 2012

Sr. presidente da Xunta de Galicia,
Sr. conselleiro de Educación e Cultura,
Sr. presidente do Consello Social,
Srs. reitores das universidades de Santiago de Compostela e de Vigo,
prezado amigo e profesor Xosé María Barja,
autoridades, representacións,
membros da comunidade universitaria,
amigas e amigos todos:


Dirixir a propia Universidade, aquela á que un vén dedicando o seu esforzo ao longo dos anos, é –non o dubiden–, unha das misións máis honrosas que pode enfrontar un profesor universitario.

Eu asumo desde hoxe esta honra como outro servizo, o máis elevado entre cantos me corresponderon dentro desta institución, desde aquel xa distante ano 1985, en que as primeiras eleccións democráticas no campus coruñés me levaran á dirección do Colexio Universitario. Cantas persoas me coñecen saben que poñerei toda a miña enerxía neste empeño, que para min se resume na defensa coherente dos intereses da nosa universidade cos máis amplos do país galego e do sistema público e de benestar.

Así constaba no programa que defendín durante as semanas pasadas e ese será tamén o norte que me haberá de guiar durante os vindeiros catro anos.

Son consciente, con todo, de que unha persoa soa pouco pode facer se non sabe tirar leccións da experiencia e das persoas que o rodean. Eu tiven o privilexio como vicerreitor de compartir o goberno da Universidade da Coruña cun grupo de amigos e de amigas das que aprendín moitas cousas que agora me serán de extraordinaria utilidade. Entre esas persoas quero salientar nesta ocasión especial a Xosé María Barja, a quen –entre os seus moitos méritos– quixera agradecerlle un esencial: Xosé María sempre entendeu a importancia do traballo en equipo e, dentro dese equipo, soubo escoitar e dialogar para que cadaquén achegase o mellor de si á institución.

As ideas de diálogo, de cooperación e de colaboración, de suma en fin, que puxen por diante no meu programa, quero estendelas ao conxunto da comunidade universitaria coruñesa e ferrolá, e hoxe moi especialmente aos meus leais competidores nas pasadas eleccións, os profesores Castedo, Navarrina, Pazos e Recuero. Como universitarios, podemos estar orgullosos ante a sociedade de como se desenvolveu este exercicio democrático. É máis canto nos une que calquera diferenza.

Creo na universidade pública. Reitereino tanto durante a campaña que entendo perfectamente o sorriso que xa vexo debuxarse en tantas caras. Permítanme logo ser insistente, xa que tanta ou maior insistencia prodigan os que a atacan con propostas que tenden a desvirtuala en aspectos esenciais. Creo na eficacia da universidade pública como motor da mobilidade social ascendente. Véxoa, ademais, como modelo de goberno corresponsable e vertebrador, eficaz por tanto. E, finalmente, enténdoa como instrumento esencial para o desenvolvemento económico, social e cultural do noso país.

Poderiamos afinar cada un destes aspectos, poderiamos axustar o modelo ás esixencias dunha sociedade cambiante, pero se introducimos pexas económicas ou xeográficas ao libre acceso das familias ao ensino superior, ou se limitamos a nosa capacidade de autogoberno, ou se nos rendemos a intereses económicos de curto prazo, estaremos destruíndo un modelo que
–dígase o que se diga– demostrou sobradamente a súa eficacia na Europa posterior a 1945.

A universidade pública non só ensina, investiga e transfire coñecemento. Cumpre, ademais, unha función insubstituíble como instrumento de construción social e económica, tal como recolle a propia lei de creación do sistema universitario de Galicia. En concreto, a Universidade da Coruña fixo máis pola igualdade de oportunidades que a mellor política de bolsas.

Temos a favor desta interpretación un aliado esencial: a propia sociedade galega e española, que vén reiterando en sucesivas enquisas a súa valoración preferente da Universidade e da comunidade científica entre o conxunto das institucións. Ese dato non é nimio, sobre todo nunha época como a actual. Non debemos defraudar as expectativas nin a confianza da nosa cidadanía. Aínda máis, ese apoio debe servir para reafirmármonos na defensa do modelo público.

Mais a universidade pública non se sostén só con boas intencións nin con palabras de ánimo. A Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) vén de lembrarnos que, logo do grande esforzo de modernización dos últimos trinta anos, a formación universitaria española situouse en taxas de matrícula e graduación equivalentes ás dos países máis eficientes. Pódese calibrar mellor este esforzo se consideramos que o investimento español en educación –o 1,1% do PIB– é aínda inferior ao 1,5% de media no ámbito da OCDE.

Iso significa eficiencia. E que dicirmos da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, a maior transición educativa feita no Estado e que debeu realizarse con financiamento cero?

Somos eficientes, a universidade pública é eficiente, como non me cansarei de repetir. A I+D+i galega (unha das máis baixas do Estado) non chega ao 1% do PIB. De igual modo, a porcentaxe española, establecida no 1,39, queda lonxe do 2% da media europea. Con estes baixos indicadores España conseguiu posicionarse como novena potencia científica do mundo. Á luz destes datos, debemos preguntar se lles interesa ou non aos gobernos investiren en ensino superior? Acaso a universidade non devolve á sociedade entre dúas e tres veces o investimento que se realiza nela? E onde se investiga en Galicia se non é nas universidades?

Non quero parecer demasiado abstracto nin esvaer as magnitudes de que falamos. O recorte de 600 millóns en I+D+i equivale a toda a partida que os orzamentos do Estado dedicaron ao CSIC en 2008.

En fin, en momentos como o actual, cando a chanceler Merkel e o presidente Sarkozy adoitan ser citados como referentes económicos, reflexionemos un momento sobre o dato de que tanto Alemaña como Francia manteñan ou mesmo estean a reforzar os seus orzamentos para investigación. A conclusión é clara. Fano así porque comprenden que é mal negocio dar pasos atrás en formación e en investigación. Porque, pola súa propia natureza, un parón na investigación custa logo décadas de recuperación e, nunha sociedade que se proclama como do coñecemento, traslada os efectos negativos á competitividade da súa economía.

Non están entre nós os causantes dos males económicos. Antes ao contrario, a crise xerouse e macerou no sector privado máis puro. A sucesión de feitos, desde o comezo, é un mostrario de ineficiencias e de descontrol no ámbito financeiro e económico que para nada son imputables á xestión de organismos públicos.

Como é a Universidade da Coruña a comezos de 2012?

Somos unha universidade pública, moderna e en permanente progresión. Somos unha institución consolidada, ordenada, ben integrada e cos perfís académicos e científicos correctamente definidos. Somos unha universidade imbricada na súa contorna xeográfica, socioeconómica e cultural, comprometida de verdade co progreso do país.

Malia a situación xeral, o novo equipo herda unha universidade economicamente saneada, sen débedas. Non é pouco nestes momentos e queremos facelo valer, como parece lexítimo. Termos as contas saneadas é o froito dunha xestión seria, baseada na planificación, no equilibrio e no rigor orzamentarios. E fíxose co apoio unánime do Claustro, o que fala moi ben da cohesión da Universidade da Coruña.

Como dicía antes, demostramos ser eficientes. Sabemos tirar os mellores resultados dos sempre escasos recursos que temos. Hoxe en día fálase moito da “austeridade”, como se fose un valor esquecido, unha virtude redescuberta por necesidade imperiosa das circunstancias. Eu prefiro falar de sustentabilidade. E para nós a sustentabilidade non é algo novo, nin moito menos algo circunstancial. Está no noso ADN. Aquí vimos practicando unha política rigorosa e eficiente, malia contarmos cun dos peores financiamentos por estudante de todo o Estado.

En coherencia coa liña de pensamento exposta, a mesma que veño defendendo ao longo da miña traxectoria na xestión universitaria, asumo en toda a súa extensión o posicionamento crítico que a Universidade da Coruña expuxo, en tempo e forma, sobre o actual plan de financiamento do sistema universitario de Galicia (2011-2015), que consideramos pouco razoable para a universidade pública e ineficaz para reducir os desequilibrios históricos que padece a Universidade da Coruña.

As razóns fundamentais fican expostas, pero abreviareinas en soamente dúas: porque non se toma en consideración a nosa eficacia na xestión económica e porque tampouco se considera o número de estudantes nin a demanda existente das nosas titulacións.

Mais dito o anterior, cómpre poñer por diante outra premisa básica do reitorado que agora se abre. Creo en Galicia, cremos en Galicia e na fortaleza do seu sistema universitario. Creo que, sen renunciar á autonomía de cada universidade, deberemos reforzar aínda máis a colaboración entre as tres universidades galegas e tamén entre os seus sete grandes campus. Galicia necesita un sistema universitario sólido, ben cohesionado e coordinado. Sen dúbida, a fortaleza de cada unha das tres universidades serve e reforza á Universidade galega.

Esta convicción significa que, segundo eu creo, deberemos procurar operar como conxunto, con obxectivos coherentes e cun plan de futuro. O goberno galego é parte esencial desta política ambiciosa, para o que debe comprometerse sabendo que as universidades responderemos. Estou convencido que nada bo tiraremos de disputas estériles entre nós e, a cambio, mediante as alianzas e a procura da complementariedade seremos cada vez mellores e máis competitivas. Serviremos mellor a Galicia, en fin, e, mediante a cooperación e a colaboración, cumpriremos tamén o papel modélico que a sociedade nos demanda.

Xa hoxe temos exemplos desa colaboración. O 40% dos mestrados oficiais da Universidade da Coruña teñen carácter interuniversitario. O éxito desta e doutras iniciativas, como a colaboración non competitiva en campus de excelencia, amósanos o camiño que cómpre percorrer en docencia, investigación e xestión.

A Universidade da Coruña creou unha cultura de diálogo e de confrontación construtiva que nos vai ser moi útil nos tempos que se achegan. Entenderán que non me deteña agora no programa que me levou a onde estou. Fica escrito e, como no seu día dixen, é un contrato que sosteño con todos vostedes, votárano ou non. O noso interese común é sempre a Universidade da Coruña.

Como novo reitor, as miñas portas están abertas para cantos constituímos a comunidade universitaria –profesorado, persoal de administración e servizos e estudantes–, pero tamén para os representantes de institucións, empresas e asociacións coruñesas e ferrolás, aquí presentes. Saiban que a Universidade é un aliado eficaz para os intereses que todos representamos e para o progreso deste territorio amplo e dinámico que, malia a crise, continúa a ser decisivo en Galicia.

A Universidade que eu represento é de toda a cidadanía, non soamente dos universitarios e das universitarias.

Non me faltan exemplos para esta tarefa. Desde aqueles tempos que invocaba ao comezo destas palabras, recibín magníficas leccións de tolerancia, de respecto ao adversario e de vocación de servizo público de persoas ideoloxicamente tan distantes como os profesores Beiras Torrado e Ríos Fernández, cuxa presenza neste acto moito agradezo.

Hoxe lamento especialmente unha ausencia, a do noso benquerido doutor honoris causa Isaac Díaz Pardo, quen, logo de “ver pasar tanta auga e tanta historia”, como el mesmo dixera neste Paraninfo, abandonounos hai apenas unha semana.

Isaac Díaz Pardo era o artista, o mecenas, o empresario, o gardián da nosa memoria histórica, o resistente en tempos de chumbo, o valedor da lingua e da cultura galegas, da nosa singularidade como pobo, o modelo que soubo unir arredor da súa persoa, viñeran de onde viñeren, a todos cantos cremos na Galicia posible do futuro, orgullosa de si, da súa lingua, rica, culta e xenerosa.

Que o seu exemplo nos guíe.

Moitas grazas.

A Coruña, 13 de xaneiro de 2012