> Axenda
Licenciado en Matemáticas (1988) con Premio Extraordinario e 1º Premio Nacional de Licenciatura e doutor en Matemáticas (1990) con Premio Extraordinario de Doutoramento. Catedrático de Estatística e Investigación de Operacións no Departamento de Matemáticas da UDC desde 1999. No ano 1991 comeza a súa actividade académica na UDC, impartindo desde entón docencia en dezaseis titulacións das Facultades de Informática, de Ciencias, de Ciencias da Saúde, de Enfermaría e Podoloxía e de Fisioterapia. Publicou sete libros docentes. Foi presidente do European Courses in Advanced Statistics (ECAS) (2009-2014) e coordinador do Grupo de investigación MODES ata decembro de 2024. É membro do CITIC.
A súa investigación abrangue os campos de inferencia non paramétrica, métodos de remostraxe, análise de supervivencia, verosimilitude de empírica, análise de datos funcionais, análise estatística de big data e métodos estatísticos en epidemioloxía, xenómica, neurociencia, malherboloxía, oncoloxía e risco de crédito. É autor de mais de 250 publicacións recollidas en Google Scholar. Dirixiu quince teses de doutoramento. Foi editor ou co-editor xefe das revistas Journal of Nonparametric Statistics (2019-2021), Computational Statistics (2016-2018) e TEST (2009-2012) e tamén editor asociado desas mesmas e de Computational Statistics & Data Analysis.
É Membro Electo do International Statistical Institute e foi nomeado Fellow do Institute of Mathematical Statistics en 2022. Foi galardoado co Premio Nacional de Estatística (2023), coa Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (2023), coa Medalla SEIO (Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa) (2022), co Premio Fundación BBVA – SEIO á mellor achega metodolóxica en Estatística (2021) e co Premio SEIO “Ramiro Melendreras” para estatísticos mozos (1989). Ata decembro de 2023 foi coordinador do International Symposia on Nonparametric Statistics (ISNPS) e presidente do Comité de Expertos en “Matemáticas contra o COVID-19” designado polo Comité Español de Matemáticas (CEMat).
Foi poñente por convite en máis de dez congresos internacionais. Impartiu máis de trinta conferencias convidadas en universidades e centros de investigación de todo o mundo, entre eles a London School of Economics, a Université de Paris 6, o Weierstrass Institut de Berlín e o Mathematisches Forschungsinstitut Oberwolfach. Realizou estadías nas universidades de Giessen, Bonn e Louvain-la-Neuve e foi profesor visitante nunhas vinte ocasións en centros de investigación de todo o mundo.
Foi vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (2012-2016), coordinador de Matemáticas na Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva (ANEP) do Ministerio de Ciencia (2008-2011) e director do Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña (2005-2008).
Ten recoñecidos seis quinquenios docentes e seis sexenios de investigación (un deles de transferencia).