Facultade de Filoloxía

A Facultade  |  Graos  |  Mestrados  |  Licenciaturas  |  Doutoramento  |  Investigación  |  Calidade


Mestrado Universitario en Literatura, Cultura e Diversidade

Información xeral

A Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña implantou o Mestrado universitario en Literatura, cultura e diversidade no curso 2011/12, unha vez verificado positivamente pola ACSUG. Pode consultar o informe final premendo aquí.

O mestrado dá resposta á necesidade de formar universitarios na adquisición das competencias precisas para investigar, coñecer, recuperar, estudar e difundir as culturas e as literaturas, desde o respecto a e a promoción da diversidade cultural. Sitúase no ámbito das ciencias humanas e no das ciencias sociais, con especial atención á intersección entre ambos, como os estudos culturais e os estudos de xénero.

A atención á renovación dos estudos culturais, literarios e interartísticos, con novos paradigmas teóricos e novas perspectivas metodolóxicas, combínase coa presenza de enfoques de longa tradición e rendemento académicos. O comparatismo e o carácter interdisciplinar son outras dúas características relevantes deste mestrado.

Xunto coa formación xeral en literatura, cultura e diversidade, o mestrado ofrece tres ámbitos culturais de especialización: o anglófono, o hispánico e o galego-portugués.

Ten unha duración de un ano académico e 60 créditos ECTS. 

 

Obxectivos do mestrado

1. Proporcionar ao estudante unha formación especializada avanzada nos estudos literarios e culturais para preparalo para o acceso a diferentes postos de profesional cualificado e para a realización do doutoramento.

2. Capacitar ao alumnado para que adquira un coñecemento exhaustivo das liñas de investigación e das propostas críticas máis relevantes no ámbito dos estudos literarios e culturais.

3. Capacitar ao alumnado para abrir vías de investigación novidosas no ámbito dos estudos culturais e literarios.

4. Dotar ao estudantado da capacidade de comunicar as súas conclusións –e os coñecementos e razóns últimas que as sustentan– a públicos especializados e non especializados no ámbito dos estudos literarios e culturais dun modo claro e sen ambigüidades.

 

Doutoramento

O Mestrado universitario en Literatura, Cultura e Diversidade dá acceso ao doutoramento Estudos literarios ofertado conxuntamente pola Universidade da Coruña e pola Universidade de Vigo.