Teño que me matricular?
Si, como calquera outra materia. Cómpre matricularse tamén de todas as materias necesarias para rematar a titulación.
Algunhas condicións?
Que non che queden máis de 78 créditos, incluídos os do TFG, para acabares os estudos.
Podo matricularme tras a convocatoria do primeiro cuadrimestre?
Si, se despois dos exames de xaneiro cumprires a condición anterior.
Onde fago os trámites?
Na Administración (andar 0). Tamén aí che poderán ampliar información.
Cando me matriculo?
a) Nos prazos de matrícula ordinaria.
b) Ou, en ampliación de matrícula, despois do 1.º cuadrimestre.
Cando elixo tema e dirección?
a) Para a matrícula ordinaria tes un período en setembro para solicitares a asignación.
b) Para a matrícula no período de ampliación, debes solicitar a asignación durante o período de ampliación.
Cando entrego o traballo?
Fixaranse dúas datas límite para a entrega, unha no mes de xuño e outra en xullo.
A entrega poderá facerse antes do remate do período de avaliación; non obstante, a defensa estará condicionada a que estean superadas todas as materias da titulación.
Para o alumnado que non teña pendente máis que a superación do TFG fíxase unha data despois da avaliación do primeiro cuadrimestre.
Con antelación a esa data:
a) O/A director/a do TFG deberá realizar un informe sobre o traballo a través da Secretaría Virtual do PDI.
b) Unha vez incorporado ese informe ao sistema de xestión, terás de solicitar a inscrición a través da Secretaría Virtual, pór o título do TFG en español, galego e inglés e anexar o TFG como PDF.