10 Plans fóra da UDC

Na zona da Coruña

1. Percorre o paseo marítimo e visita a Torre de Hércules, o faro romano en funcionamento máis antigo do mundo.

2. Pasea polos Cantóns, a Mariña... Descubre a Cidade Vella e toma algo nas terrazas da praza de María Pita, o corazón da zona histórica da Coruña.

3. Sube ao monte de San Pedro para contemplar as mellores vistas da cidade.

4. Visita o castelo de Santo Antón, antiga fortaleza declarada Monumento Histórico Artístico que acolle o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.

5. Contempla o solpor desde O Portiño.

6. Vai de tapas pola zona vella da cidade, onde se atopan as que moitos consideran as mellores rúas de tapas de Galicia, como a da Barreira ou a da Estrela.

7. Practica deportes urbanos nas Naves do Metrosidero.

8. Fai surf nas praias do Orzán ou Bastiagueiro.

9. Apúntate a unha visita guiada e gratuíta ao Castro de Elviña.

10. Visita algún dos interesantes museos da cidade, como o Museo Nacional da Ciencia e Tecnoloxía de España.

Na zona de Ferrol

1. Coñece o Ferrol da Ilustración e dá un paseo polo barrio da Magdalena cunha das rutas do Modernismo.

2. Visita o barrio de Canido e as súas Meninas.

3. Fai surf nalgunha das súas praias: Covas, Doniños, San Xurxo, Valdoviño, Pantín... Tes moitas onde escoller!

4. Vai en barco desde Ferrol a Mugardos e proba o polbo á mugardesa. Desde alí, podes facer un roteiro de sendeirismo para coñecer o castelo da Palma.

5. Tómate un respiro entre a natureza das Fragas do Eume.

6. Descubre a Fervenza do río Belelle e visita os castelos medievais de Moeche e Narahío.

7. Visita a vila de Ares, coa vila mariñeira de Redes, as baterías militares de Chanteiro e Cervás e o mosteiro de Santa Catalina de Montefaro.

8. Vai a Santo André de Teixido e descubre os cantís de Vixía da Herbeira, os máis altos da Europa continental.

9. Saca unha foto no banco de Loiba, o banco máis bonito do mundo, en Ortigueira.

10. Fai un roteiro para coñecer Estaca de Bares, que é o punto máis ao norte de península Ibérica, e cabo Ortegal, onde se unen o mar Cantábrico co océano Atlántico.