Acreditación do nivel B1 de Inglés para a admisión nos Graos en Xestión Industrial da Moda e Relacións Internacionais

Curso 2022-2023

Dada a orientación internacional dos graos en Xestión Industrial da Moda e Relacións Internacionais, o 50 % dos créditos do plan de estudos será impartido en lingua inglesa. Por este motivo, estes graos teñen un requisito de acceso específico: a acreditación dun nivel mínimo de inglés (B1).

O estudantado, procedente de centros de titularidade pública da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa nota media da materia de inglés dos dous cursos de Bacharelato sexa igual ou superior a 7, non terá que presentar ningunha documentación para acreditar o nivel B1 de inglés para poder formalizar a súa matrícula nestes graos. Esta información xa obra en poder da universidade. Só deberá presentar necesariamente esta xustificación no momento de formalizar a matrícula o estudantado de centros de titularidade privada da Comunidade Autónoma de Galicia ou o estudantado tanto de centros públicos como privados doutras comunidades.

No caso de non acadar a nota media arriba sinalada, o requisito do nivel de inglés tamén se poderá acreditar mediante calquera dos seguintes xustificantes, que terán que ser entregados necesariamente para poder formalizar a matrícula:

  • Certificación oficial do nivel B1 de inglés (só se admitirán aqueles certificados recoñecidos pola Asociación de Centros de Linguas na Ensinanza Superior ACLES)
  • Certificación/constancia de ter cursado 4º da ESO ou un curso de Bacharelato en sistemas educativos de fala inglesa
  • Diploma de asistencia e aproveitamento de nivel B1.2 ou superior de inglés, ou diploma de dominio de nivel B1 ou superior do Centro de Linguas da Universidade da Coruña. Tamén se admitirán os certificados similares expedidos por outros centros de linguas doutras universidades españolas

O alumnado poderá presentar calquera destas xustificacións de forma presencial na UXAI de Esteiro (R/Dr. Vázquez Cabrera, s/n. Esteiro, 15403 Ferrol) ou por correo electrónico (uxai.esteiro@udc.es), sen prexuízo de que en calquera momento se lle poida esixir o documento orixinal. A detección posterior de calquera falsidade nos datos suporá a anulación da matrícula.

Para calquera dúbida ou para resolver incidencias, o alumnado poderase dirixir á UXAI de Esteiro (uxai.esteiro@udc.es,+34 881 01 3661,+34 881 01 3666, +34 881 01 3667) ou ao Campus Industrial (oficina.campusindustrial@udc.es, +34 881 01 3621).