O coro da Universidade da Coruña leva en activo dende 1990, sendo os primeiros directores Ramiro Cartelle e Marta Castanedo. Posteriormente Julián Jesús Pérez tomou o relevo. Desde o ano 2012, o director é Rupert Twine.
O coro ensaia en Normal, Espazo de Intervención Cultural da Universidade de A Coruña, dous días á semana (luns e mércores), das 19:30 ás 21:30 horas. Ademais dos ensaios, participa en actos académicos solemnes da UDC e en concertos, invitado por institucións locais e autonómicas.
Para ser parte do coro non é imprescindible ter coñecementos de solfexo, só ganas de cantar e compromiso de asistencia aos ensaios. Selecciónase aos participantes mediante unha pequena proba para a que se pode concertar unha cita acudindo á Normal ou contactando na dirección de correo: cultura.coruna@udc.gal
O alumnado poden obter créditos ECTS pola súa participación no coro. O enfoque da actual dirección céntrase tanto en repertorio moderno, música pop, bandas sonoras de cine… como nas obras corais máis representativas de cada século.
A principal finalidade desta actividade é aprender a apreciar a importancia da música como linguaxe artística e como medio de expresión cultural mediante a interpretación da música coral de diferentes épocas, xéneros e estilos.
O coro renova anualmente os seus membros debido a que o estudantado remata as súas carreiras e outros e outras toman o relevo, pero tamén conta coa continuidade e estabilidade que lle proporciona ao coro a participación doutros membros da comunidade universitaria, como persoal docente investigador, persoal técnico de xestión, administración e servizos ou alumnado da Universidade Sénior.
Para máis información pódese consultar mediante o enderezo electrónico de contacto: cultura.coruna@udc.gal