Campus Sustentabilidade

Na actualidade existen múltiples retos aos que temos que facer fronte, retos relacionados co medio ambiente, como o cambio climático ou a perda da biodiversidade; pero tamén retos sociais, como o envellecemento da sociedade ou o incremento de problemas de saúde tanto físicos como mentais; e retos económicos, relacionados co noso modelo de crecemento e os nosos patróns de producción e consumo.

Todos estes retos requiren importantes cambios nos nosos modos de vida pero tamén nas nosas comunidades, nas nosas tecnoloxías, nas infraestruturas e nos procesos de gobernanza e da aprendizaxe social, cambios de gran relevancia para as políticas públicas e innovación empresarial.

Ante este panorama, a Universidade da Coruña, unha vez máis decide actuar creando o Campus Sustentabilidade, un campus de especialización baseado nas súas fortalezas e capacidades investigadoras que responde aos actuais retos sociais.

O Campus Sustentabilidade impulsa a excelencia no coñecemento para a transición a estilos de vida sustentables, que protexan os nosos recursos naturais, freen o cambio climático e promovan o benestar.

Para elo, este campus de especialización promove a innovación transformadora, para lograr cambiar os nosos sistemas sociais, ambientais, económicos e políticos; a ciencia excelente e aberta á sociedade, para facer partícipes aos diferentes actores sociais protagonistas desta transición; e a transdisciplinariedade, para traballar en colaboración non só entre múltiples disciplinas senón tamén con outros actores co obxectivo de alcanzar a resilencia urbana e territorial que nos axude a instalar sistemas que se poidan adaptar á problemática que nos enfrontamos e que nos facilite a transición cara a modelos que nos permitan maior benestar nun planeta que ten recursos limitados.

Co Campus Sustentabillidade, a Universidade da Coruña aporta:

  • Novos modelos de innovación social e empresarial
  • Coñecemento experto sobre ferramentas de avaliación, prevención, xestión e riscos e a adopción e difusión de estilos da vida sustentables
  • Creatividade para a transición
  • Experiencia en procesos, tecnoloxías e infraestructuras que conducen á reducción do impacto ambiental
  • Co-xeración de coñecemento e promoción de aprendizaxe social
  • Ferramentas expertas para analizar as traxectorias de transición
  • Análise, dende o punto de vista ecosistémico, tecnolóxico e social, dos puntos de inflexión que fan que un sistema cambie de estado

Un gran avance no traballo continuado pola sustentabilidade que ven desenvolvendo a Universidade da Coruña, que conta con cinco centros con Bandeira Verde e máis da metade de centros incorporados ao programa internacional Green Campus. Grazas a este compromiso, a UDC situase na posición número 4 a nivel do Estado español e na 86 a nivel internacional segundo Green Metric 2017.