Maquinando o debuxo. Marco Moreira

1/09/19 12:50

  • Exposición
Maquinando o debuxo

Exposición do 5 de setembro ao 1 de novembro en NORMAL

Esta exposición que Marco Moreira presenta en NORMAL, espazo de intervención cultural da UDC é unha mostra do proxecto de investigación que o artista leva a cabo desde hai xa algúns anos, onde reflexiona sobre a práctica e os métodos de produción inherentes ao desenvolvemento da súa actividade artística. Así, centrándose especialmente na práctica do debuxo, procura explorar os limites e fronteiras entre o bidimensional e o tridimensional, establecendo unha relación entre a representación e o real, así como entre o artista, a obra e os que a gozan (o público). Esta relación define a condición da inscrición de lugar e permite reflexionar sobre ela.

Deste xeito, aborda conceptos como a intuición, a intelección, o tempo e o espazo, recontextualizando obxectos e ideas coa fin de materializar procesos creativos. O artista recorre a un traballo sintético, pero ao mesmo tempo envolvente, coa intención de que a obra teña existencia nunha dimensión poética. 

Nalgúns dos seus traballos utiliza simples obxectos cotiáns, que adquire e son parte da súa práctica habitual de traballo; ferramentas e instrumentos que cambia e manipula, tentando lidar co que chama síntese mecánica, acentuando a condición da ferramenta inherente aos obxectos usados. Esta condición permítelle a el mesmo e a calquera visitante experimentar o traballo, tanto táctil como visualmente, ao través da acción de debuxar. 

Marco Moreira, Portugal, vive na Coruña, cursa o Doutorado en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Licenciado e máster en pintura pola Facultade de Belas Artes da Universidade de Lisboa. Ten experiencia nas áreas de multimedia, ilustración, animación, debuxo, fotografía e artes visuais. Participa en varias exposicións, residencias e proxectos editoriais. É representado pola galería Módulo – Centro Difusor de Arte en Lisboa e está presente en diversas coleccións nacionais e internacionais. Desenvolve na súa maioría debuxo, escultura, fotografía e instalación.

Páxina web: www.marcomoreira.pt / Correo electrónico: info@marcomoreira.pt

Actividades complementarias

Obradoiro

Título: Estratexias e prácticas do debuxo contemporáneo
Datas: 9 de outubro ás 17:00 h / 16 de outubro ás 17:00 h
Matrícula: de balde en cultura.coruna@udc.es

Presentación do catálogo

Data: 23 de outubro ás 20:00 h

DepCor_bn_vert.png_659878398

Publicado por: Cultura

Noticias relacionadas (3)