Campionatos de España Universitarios 2026

20/04/26 9:30

  • Deportivo PAS Pdi
CEU

A UDC está sendo ben representada nos Campionatos de España Universitarios 2026, en Andalucía, onde nas diferentes modalidades deportivas e categorías estamos a obter uns excelentes resultados deportivos. Por orde cronolóxico dos campionatos, destacamos a seguinte participación e resultados.

Natación. Granada, do 10 ao 12 de abril.

A delegación da UDC, formada por Pablo Gómez, Mario Maneiros, Javier Pontón, Antonio Vázquez e Alejandro Vázquez, obtivo unha meritoria posición 14 na clasificación xeral, cunha participación total de 27 universidades, nun campionato de gran nivel deportivo.

Bádminton. Granada, do 13 ao 16 de abril.

A selección da UDC contou coa presenza de Carlota Martínez e Mateo Rey. O resultado máis salientable chegou da man de Carlota Martínez, que conseguiu clasificarse entre as oito mellores deportistas no cadro individual feminino. Ademais, tamén acadou os cuartos de final no dobres mixtos xunto a Mateo Rey, situándose entre as oito mellores parellas do campionato. Pola súa parte, Mateo Rey superou con solvencia a primeira fase no cadro individual masculino, aínda que caeu no inicio da fase final.

Esgrima. Almería, do 14 ao 16 de abril.

A representación da universidade estivo formada por catro deportistas, Nahir López, Jorge Pereira, Xián Franco e Carlos Arita. Todos eles lograron acceder á fase final tras unha competición moi disputada, na que finalmente non puideron superar os seus respectivos cruces. Na clasificación por universidades, a UDC acadou un notable cuarto posto na clasificación xeral final.

Vela. Cádiz, do 14 ao 17 de abril

A tripulación mixta da UDC, formada por Ana García, Claudia Wenshan Sanz, Enrique Lagos e Mariano Stinga, rematou como subcampioa de España universitaria. Logo dunhas excelentes xornadas na primeria fase de grupos, chegaron á última manga da "medal race" con todas as opcións para acadar o ouro, que se escapou por uns escasos 50 metros na manga final. Regresaron cunha meritoria medalla de prata con sabor a ouro.

Escalada. Estepona, do 14 ao 16 de abril

A selección formada por Mara Rodríguez, Natalia Vale, Xabier Carballo e Iván Moras acadou o título de subcampioa de España universitaria. A selección mixta conseguiu a medalla de prata na clasificación xeral por universidades, gracias á boa clasificación induvidual nas modalidades de bloque e dificultade.

Karate. Granada, 17 e 18 de abril

A karateca Lucía Guerrero, logo dun esixente cadro de combates, subiu ou podio e obtivo unha excelente medalla de bronce na modalidade de Kumite -68 kg.

Fútbol sala feminino. Granada, do 20 ao 23 de abril

Moi boa participación da selección feminina da UDC no CEU, onde, pese a quedar eliminadas na fase grupos, só perderon un partido dos tres que xogaron nesa primeira fase (empate contra Univ. de Cádiz e Univ. Rey Juan Carlos, e derrota coa Univ. de Castilla-La Mancha). Destacar que chegaron ao último partido con todas as posibilidades de clasificarse para a fase final do campionato. Gran imaxe das nosas deportistas durante a competición.

Balonmán masculino. Granada, do 4 ao 7 de maio

Boa participación da nosa selección masculina de balonmán en terras granadinas. Logo dunha gran primeira fase, na que o equipo da UDC superou á Univ. de Alicante (18-16) e á Univ. Europea de Madrid (27-22), rematando a primeira fase como lider do seu grupo. No partido de cuartos de final enfrentouse á Univ. de Castilla-La Mancha, un encontro rematou con derrota por 17-23, malia a notable reacción e a gran segunda metade realizada polos nosos deportistas.

Volei praia masculino. Cádiz, 5 e 6 de maio

Brillante participación da parella formada por Manuel Aba e Roi Losada, subcampións de España universitarios. Voltaron da Playa de la Victoria coa medalla de prata logo de ceder na final contra a imbatible e experta parella da UCAM. Na fase de grupos remataron en segunda posición, pero foi na fase final onde recuperaron o mellor nivel, gañando ás parellas das universidades de Alicante, Pais Vasco, Isabel I e Murcia, xa en semifinais. Parabéns para Manuel e Roi.

Taekwondo. Granada, 8 e 9 de maio

Excelente participación de Marco García, flamante campión de España universitario de taekwondo, obtendo a medalla de ouro na modalidade de pommsae. Tamén cómpre destacar a participación do resto da selección da UDC, con Uxía Sánchez e Samuel Méndez, que representaron á universidade cun gran nivel competitivo.

Judo. Granada, 8 e 9 de maio

A selección da UDC voltou, de terras granadinas, con catro medallas. En categoría feminina, Daniela Sevillano, en -70 kg e Inés Fernández-Villarenaga, en -48kg, colgáronse o bronce, mentres que na masculina, Guillermo Blanco, en -100kg acadou a medalla de bronce mentres que Bruno Calvo, en -81 kg, rematou o campionato como subcampión de España universitario. O resto da delegación estivo formada por Miguel Trillo, Ricardo Lestón e Andrea Insua, que, pese a non acadar medallas, demostraron un gran nivel no tatami.

Atletismo. Jaén, do 8 ao 10 de maio

Boa participación da selección da UDC, na que o principal protagonista foi o velocista Hugo Vázquezcampión de España universitario en 110 m.v.. Acadou a medalla de ouro cun tempo de 14.01 nunha final moi axustada. A selección da UDC estivo formada, xunto con Hugo, por Miguel Quintáns nos 800 metros, Eloy García nos 200 metros lisos, Adrián Pastoriza no salto de altura, Unai Loureiro no salto de lonxitude e triplo salto, e Hugo Fernández no lanzamento de martelo.

 

Medalleiro

A UDC rematou a súa participación nos CEU 2026 de Andalucía acadando un total de 10 medallas, repartidas en 2 de ouro, 4 de prata e 4 de bronce, nas diferentes modalidades deportivas, individuais e colectivas, así como en categoría feminina e masculina.

Publicado por: Servizo de Deportes