A Coruña, 1 de decembro de 2023.- O profesorado, estudantado e persoal da administración e servizos da Universidade da Coruña elixe o vindeiro luns, 4 de decembro, o seu Reitor para os próximos seis anos.
A votación será a través de voto electrónico en horario de 10:00 a 19:00 horas. Os votantes elixirán entre os candidatos Ricardo José Cao Abad e Fermín Luis Navarrina Martínez.
Ao remate do escrutinio, aproximadamente ás 19:15 horas, o Secretario Xeral da UDC, Carlos Aymerich, comparecerá na Sala de Prensa da Reitoría (A Maestranza) para dar conta do resultado aos medios de comunicación. Intervirá logo o candidato gañador.
Están chamadas a votar un total de 18.760 persoas. O voto para a elección de Reitor será ponderado de conformidade coas seguintes porcentaxes:
A participación nas eleccións a Reitor nas universidades españolas, tanto no sector de profesorado como de persoal administrativo, é moi elevada, non así no caso do estudantado, en que a media da participación está no 10%, aínda que a UDC superou con creces esta media en anteriores comicios. No caso das eleccións a Reitor na UDC en 2019 a participación alcanzou o 87% no sector de profesorado doutor con vinculación permanente; o 70% nas restantes categorías de persoal docente e investigador; o 18% entre o estudantado e o 79% no caso do persoal de administración e servizos.
As votacións efectuaranse a través da plataforma e-voto, dispoñible para as tres universidades galegas, implantada na UDC para as eleccións a Reitor desde 2015, e que conta co apoio da Xunta de Galicia como unha das iniciativas de impulso da administración electrónica. As Universidades do Sistema Universitario de Galicia elixiron a plataforma proporcionada por Scytl Secure Electronic Voting (Scytl), empresa que conta con máis de vinte anos de experiencia en Investigación e Desenvolvemento no campo do voto electrónico. Esta empresa está recoñecida como líder mundial en implementación de solucións de voto electrónico seguro en Europa, América e Asia-Pacífico, que destacan como referencias de éxito no sector do voto electrónico. Esta tecnoloxía patentada obtivo tamén importantes recoñecementos e premios internacionais.
Máis información:
https://www.udc.gal/gl/goberno/equipo_reitoral/secretaria/documentos/eleccions/reitoria2023/
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC