A Universidade da Coruña actualiza o convenio da Cátedra de Empresa Familiar

Nota de prensa
15/11/19 10:44
  • Institucional

A Coruña, 15 de novembro de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, vén de asinar o convenio de renovación e actualización da Cátedra de Empresa Familiar coa Asociación Galega de Empresa Familiar, o Instituto de Empresa Familiar e a empresa Inditex.

A Cátedra de Empresa Familiar creouse na UDC no ano 2005 coa finalidade de promover a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento respecto ás características diferenciais das empresas familiares e as distintas problemáticas que afectan á súa xestión e crecemento. O reitor, Julio Abalde, ratificou o convenio co presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar, Víctor Nogueira, e o secretario Xeral e do Consello de Inditex, Antonio Abril.

A Cátedra de Empresa Familiar vén a reforzar a relación Universidade-Empresa que se plantexa como imprescindible para o desenvolvemento económico e social. As empresas familiares son un innegable motor económico no noso país, e na nosa Comunidade. Así, 69 das cen maiores compañías con sede en Galicia son empresas familiares, aportan máis do 86% do emprego empresarial, e o 85% do VAB (Valor Engadido Bruto) de Galicia é xerado por empresas familiares.

No acto de firma, a directora da Cátedra, a profesora da área de Economía Aplicada da Facultade de Economía e Empresa Berta Rivera presentou o plan de actuacións para os próximos catro anos. No ámbito da docencia, a colaboración materialízase coa impartición da materia Economía e Xestión da Empresa Familiar no Grao en Empresariais e de Xestión da Empresa Familiar no Mestrado Universitario en Administración e Dirección de Empresas, ademais doutras actividades complementarias de formación. No que respecta á investigación, a Cátedra promove o desenvolvemento de estudos e investigacións sobre a realidade das empresas familiares, tanto de orientación empresarial como puramente académica. Así mesmo, a Cátedra leva a cabo a organización de xornadas, seminarios, cursos e conferencias nos que participan representantes de diversas institucións, empresarios e expertos no sector da empresa familiar.

Segundo pon de relevo a directora da Cátedra, na proposta de actividades dos vindeiros cursos destaca o enfoque multidisciplinar das mesmas así como o carácter intercampus, xa que se prevé que se realicen en distintas facultades da Universidade da Coruña atendendo ao interese das iniciativas para a docencia das titulacións relacionadas coa temática da empresa familiar.

Na actualidade, existen trinta e sete Cátedras de Empresa Familiar noutras tantas universidades públicas españolas que desenvolven a súa actividade baixo a coordinación do Instituto da Empresa Familiar.

 

 

Foto: Desde a esquerda, Víctor Nogueira, presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar, Berta Rivera, directora da Cátedra de Empresa Familiar, Julio Abalde, reitor, Antonio Abril, secretario Xeral e do Consello de Inditex, e Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC