A Coruña, 5 de xuño de 2026
A Universidade da Coruña (UDC) e Cortizo ponen en marcha o Máster Cortizo-UDC en Fachadas Lixeiras de Vidro, un título propio da institución académica coruñesa. Esta nova titulación desenvolverase no marco do acordo rubricado esta mañá polo reitor, Ricardo José Cao Abad, e pola directora xeral de Arquitectura da compañía, Miriam Cortizo Zúñiga.
A sinatura, realizada na Reitoría da UDC, reforza a colaboración entre a universidade e unha empresa referente internacional no deseño e fabricación de sistemas de aluminio e PVC para a arquitectura.
Este novo máster de formación permanente ten como obxectivo formar especialistas no ámbito das fachadas lixeiras de vidro, un campo cunha crecente demanda no sector da edificación e da arquitectura contemporánea.
O programa abrirá o prazo de preinscrición o día 1 de setembro e dará comezo en xaneiro de 2027. Será desenvolvido conxuntamente pola UDC e Cortizo, combinando a especialización académica do profesorado universitario coa experiencia técnica e profesional da empresa. Entre as actuacións previstas inclúense o deseño conxunto do programa formativo, a participación na docencia, a promoción do título e a selección do alumnado.
O máster contará cun número reducido de estudantes —entre cinco e dez—, o que permitirá ofrecer unha formación altamente especializada e orientada á práctica. Ademais, o alumnado terá a posibilidade de realizar prácticas na empresa, facilitando o contacto directo co contorno profesional. De feito, Cortizo poñerá a disposición do alumnado o seu Campus Tecnolóxico de Padrón, un complexo dedicado ao deseño de envolventes de aluminio a medida e que conta cun laboratorio punteiro onde se poden realizar ensaios de fachadas fronte a condicionantes tan extremos como furacáns ou sismos.
No marco do convenio, Cortizo achegará financiamento para o desenvolvemento do título, así como recursos e espazos para a súa impartición, mentres que a UDC asumirá a organización académica, a xestión do alumnado e a docencia.
Esta iniciativa enmárcase na estratexia da Universidade da Coruña de fortalecer a colaboración co tecido empresarial e de ofrecer unha formación avanzada e permanente, aliñada coas necesidades do mercado laboral, favorecendo a transferencia de coñecemento e a inserción profesional do estudantado.
Máis información sobre o Máster aquí.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC