A Coruña, 8 de xuño de 2026
A Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña acolleu hoxe o acto de graduación e recoñecemento ao alumnado con discapacidade cognitiva que participou na primeira edición da formación “Tarefas auxiliares de tenda e almacén”, desenvolvida no marco do programa Espazo Compartido.
Esta formación, estruturada como un itinerario de microcredenciais, dividiuse en tres bloques: Organización e xestión do almacén da tenda, Produto e xestión do punto de venda e Habilidades transversais. O programa combinou formación académica e experiencia práctica en contornos profesionais reais.
A iniciativa foi coordinada polo equipo educativo de Espazo Compartido da UDC, liderado pola súa directora, Montserrat Muriano, e contou coa colaboración do profesorado do programa, así como de Inditex, que acolleu ao alumnado en prácticas en diferentes establecementos da empresa, facilitando unha experiencia directa co ámbito laboral.
O proxecto tamén contou co co respaldo do Consello Social da UDC e co apoio dunha preparadora laboral de Inserta Emprego da Fundación ONCE, que reforzou o acompañamento cara á inserción laboral.
Este acto de entrega das credenciais foi presidido pola vicerreitora de Responsabilidade Social da UDC, Ana Ares, e nel participaron tamén responsables das entidades colaboradoras.
A posta en marcha deste programa de microcredenciais representa un exemplo de colaboración estratéxica entre a UDC e Inditex, aliñada co compromiso de ambas entidades coa inclusión, a formación ao longo da vida e a responsabilidade social. Esta cooperación permite conectar a formación universitaria coas necesidades reais do mercado laboral, xerando oportunidades efectivas de inserción profesional.
A vicerreitora de Responsabilidade Social da UDC, Ana Isabel Ares Pernas, destacou que “este programa exemplifica o compromiso da Universidade da Coruña cunha educación inclusiva e transformadora, que ofrece oportunidades reais de futuro ao seu estudantado e contribúe a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria”.
Desde a UDC quérese tamén expresar un especial agradecemento á Escola de Camiños por acoller este acto e o Programa Espazo Compartido, así como polo seu compromiso co desenvolvemento de iniciativas que reforzan o papel da universidade como axente de cambio social.
O acto de graduación servirá como recoñecemento ao esforzo e dedicación do alumnado e como exemplo do valor da colaboración entre universidade, empresa e entidades sociais para avanzar cara a unha sociedade inclusiva.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC