A OTC da UDC presenta Rumbo EBC, un novo programa para impulsar a creación de Empresas Baseadas en Coñecemento (EBC ou spin-off)

1/06/26 14:19

A Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC) da Universidade da Coruña presentou este pasado venres, 29 de maio, o programa Rumbo EBC, unha nova iniciativa destinada a promover a creación de Empresas Baseadas en Coñecemento (EBC, antes spin-off) a partir dos resultados de investigación xerados na institución.

O acto celebrouse no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa e contou coa participación do vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas Agudo; do adxunto de Transferencia, José Anta Álvarez; da directora da OTC, María Isabel Docampo Ramos; da responsable da área de Empresas Baseadas en Coñecemento da oficina, Lorena Alonso Alconada; e do profesor da UDC Juan Jesús Romero Cardalda, socio da EBC da UDC Artificial Intelligence Indestia, quen compartiu a súa experiencia emprendedora.

Durante a apertura do encontro presentáronse algúns dos principais indicadores da capacidade de transferencia da Universidade da Coruña, que cada ano formaliza máis de 280 novos contratos e convenios de I+D+i, capta máis de 54 millóns de euros en financiamento externo para investigación e conta actualmente con 16 Empresas Baseadas en Coñecemento.

Na súa intervención, María Isabel Docampo presentou a Oficina de Transferencia de Coñecemento, acreditada como OTC polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en 2024, e destacou o seu papel como ponte entre a universidade, o tecido produtivo e a sociedade para favorecer a transferencia do coñecemento xerado na UDC.

Transformar o coñecemento en valor para a sociedade

A continuación, Lorena Alonso Alconada presentou Rumbo EBC, un programa deseñado para acompañar ao persoal investigador e innovador da UDC na transformación dos seus resultados de investigación en iniciativas empresariais con potencial de mercado. O programa nace como un instrumento de apoio á activación, acompañamento e maduración de proxectos baseados en coñecemento, mediante un itinerario integral que combina asesoramento técnico, mentoría especializada e apoio nos procesos de transferencia e creación empresarial.

Durante a sesión explicouse que unha Empresa Baseada en Coñecemento é unha entidade creada para transferir ao mercado resultados de investigación, tecnoloxía ou coñecemento xerado na universidade, mediante un acordo formal de transferencia coa institución. Estas empresas poden desenvolver actividades de investigación, innovación, probas de concepto, explotación de resultados de investigación ou prestación de servizos técnicos vinculados ao coñecemento universitario.

A responsable da área de EBC tamén incidiu na necesidade de superar algunhas ideas erróneas arredor deste modelo de transferencia. Así, lembrou que as EBC non están reservadas exclusivamente a grandes proxectos tecnolóxicos nin ás disciplinas científico-técnicas, non requiren necesariamente unha patente e non implican abandonar a carreira académica. Pola contra, constitúen unha vía para ampliar o impacto social da investigación e achegar o coñecemento universitario á sociedade.

Un itinerario estruturado para crear novas EBC

Rumbo EBC desenvolverase a través de varias fases que abarcan desde a identificación de proxectos con potencial emprendedor ata a constitución efectiva da empresa. O programa inclúe dúas convocatorias internas anuais (unha no 2026) para a detección de iniciativas, unha fase de análise técnica, un proceso de mentoría integral orientado á maduración dos proxectos e unha etapa final de acompañamento para a formalización das novas empresas. Ademais, incorporará obradoiros transversais sobre creación de EBC, protección e transferencia de resultados, comunicación, proposta de valor e emprendemento en distintos ámbitos do coñecemento.

Entre os beneficios asociados á creación dunha EBC, a presentación destacou o aumento do impacto da investigación, a xeración de novas oportunidades de financiamento, a creación de emprego cualificado, a colaboración público-privada, a retención e atracción de talento e unha maior capacidade de resposta ás necesidades do mercado e da sociedade.

A experiencia de Artificial Intelligence Indestia

A xornada concluíu coa intervención do profesor Juan Jesús Romero Cardalda, fundador e responsable de investigación de Artificial Intelligence Indestia, unha EBC da UDC especializada no desenvolvemento de solucións de intelixencia artificial aplicadas ao sector inmobiliario.

Romero relatou o proceso que levou á creación da empresa a partir de resultados de investigación desenvolvidos na universidade, desde os primeiros proxectos centrados na análise estética de imaxes ata a posta en marcha de produtos innovadores para mellorar a comercialización de inmobles mediante intelixencia artificial. Na súa intervención destacou a importancia da transferencia de coñecemento como mecanismo para converter a investigación en solucións con impacto real na sociedade e subliñou a necesidade de contar con apoio institucional e programas específicos que faciliten o salto desde a investigación ao emprendemento.

A presentación rematou cun coloquio aberto coas persoas asistentes, no que se abordaron cuestións relacionadas coa creación de Empresas Baseadas en Coñecemento, as posibilidades que ofrece a normativa actual para o persoal universitario e os mecanismos de apoio que a OTC pon á disposición da comunidade investigadora da UDC.

 

Publicado por: Oficina de Transferencia de Coñecemento