A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá a cuarta edición do evento ACM-W Informática para tod@s

Nota de prensa
27/03/19 10:53
  • Institucional

A Coruña, 27 de marzo de 2019.- A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá os días 28 e 29 de marzo a cuarta edición do ACM-W Informática para tod@s (IPT). Trátase dun evento a nivel nacional que busca visibilizar o papel das mulleres na computación e facilitar o encontro e intercambio de ideas con persoas que comparten o español como lingua.

Para isto, o evento incluirá charlas, paneis de discusión, sesión de pósteres e unha feira de emprego, entre outras actividades, que contarán coa participación de colectivos que teñen entre os seus obxectivos promover a participación das mulleres no sector tecnolóxico.

Así, nesta cuarta edición, ACM-W Informática para tod@s conta co apoio de numerosos patrocinadores e a participación de referentes femininos no ámbito da tecnoloxía como Nuria Oliver, directora de Investigación en Ciencia de Datos en Vodafone e científica principal de Datos en Data-Pop Alliance; Sabela Ramos, doutora en Informática e enxeñeira en YouTube (Google); ou Nerea Luís, fundadora de T3chFest e investigadora no campo da intelixencia artificial na Universidad Carlos III de Madrid.

As charlas do programa versarán sobre temas como big data, a minería de datos, o uso das apps, a informática aplicada á educación, as iniciativas para mulleres STEM, ou o emprendemento, entre outros.

O evento enmárcase nas celebracións promovidas pola ACM-W, un comité internacional pertencente á ACM (Association for Computing Machinery) que ten como misión fomentar a plena participación das mulleres en todos os aspectos do campo da informática. Algunhas das súas actuacións máis recentes foron a organización da celebración europea womENcourage que se celebra anualmente en Europa desde 2014, e que convocou a máis de 200 persoas entre estudantes, profesorado e profesionais do sector.

O programa do ACM-W Informática para tod@s, así como toda a información do evento, atópase dispoñible na seguinte ligazón: https://ipt.acm.org/

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC