A Facultade | Graos | Mestrados | Doutoramento | Investigación | Calidade | International Students
Información xeral | Detalles | Estrutura xeral | Estrutura detallada | Normativa | Matrícula | Máis información
Derrogada pola normativa aprobada no Consello de Goberno da UDC na súa sesión de data 20 de xullo de 2017.
Normativa específica para o Programa de Simultaneidade do Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e o Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios
A Universidade da Coruña (UDC), no seu obxectivo de ofrecer alternativas de formación que melloren a oferta académica dispoñible, posibilita que un estudante poida cursar de forma simultánea os estudos de Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, mediante a proposta dun programa conxunto elaborado pola Facultade de Filoloxía, responsable de ambas titulacións. Para a posta en marcha do programa conxunto é preciso regular determinados aspectos:
Art. 1. Autorización do programa
A UDC autoriza a posta en marcha dun programa de estudos proposto pola Facultade de Filoloxía, que permita simultanear os estudos de Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios (en diante "Programa de Simultaneidade"), mediante unha ordenación temporal das diferentes disciplinas que se van cursar a partires dos plans de estudos oficiais de ambos Graos e tendo en conta o regulado nos artigos seguintes.
Art. 2. Titulacións que se obterán
O alumnado que supere este Programa de Simultaneidade obterá os dous títulos de Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios pola UDC e Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios pola UDC.
Art. 3. Duración do programa
Terá unha duración de 5 cursos académicos, dez cuadrimestres repartidos consonte á estrutura que figura no Anexo l. O número de créditos necesario para superar o programa será de 324 créditos.
Art. 4. Centro responsable da xestión administrativa do Programa de Simultaneidade
A Facultade de Filoloxía será responsable da tramitación e custodia de toda a documentación académica relacionada co Programa de Simultaneidade e dos expedientes do alumnado. O estudantado do programa aboará neste centro os prezos públicos e taxas por servizos académicos que correspondan aos títulos Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.
Art. 5. Centro de impartición do ensino
A impartición de todas as disciplinas deste programa de simultaneidade realizarase na Facultade de Filoloxía da UDC.
Art. 6. Número de estudantes
O número de estudantes de acceso ao Programa de Simultaneidade será, en cada curso académico, o que oportunamente aprobe o Consello de Goberno, á proposta da Facultade de Filoloxía e de conformidade coa normativa vixente.
Art. 7. Acceso e admisión de estudantes
1. Só poderán acceder ao Programa de Simultaneidade aqueles estudantes que reúnan os requisitos legais de acceso para ambos os Graos.
2. A solicitude de admisión para cursar este Programa de Simultaneidade realizarase polo mesmo procedemento que para o resto de titulacións ofertadas pola UDC.
3. Aqueles estudantes que estean a cursar o segundo curso do Grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios, Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios ou Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e desexaran cursar o Programa de Simultaneidade no curso académico seguinte, poderán acceder ao mesmo co recoñecemento das materias de 1.º e 2.º curso. Este recoñecemento terá carácter gratuíto.
A Facultade de Filoloxía proporá, para a súa aprobación polo Consello de Goberno, o número máximo de alumnos que poderá acceder por esta vía ao Programa de Simultaneidade no curso académico seguinte.
A admisión deste alumnado realizarase de acordo cos seguintes criterios:
a) A nota de acceso á Universidade, que debe ser igual ou superior á nota que se esixiu para a admisión no Programa de simultaneidade no curso académico anterior, excepto que o número de solicitudes sexa inferior á oferta anual aprobada pola UDC.
b) No caso de empate terase en conta a nota media do expediente correspondente aos 2 primeiros cursos rematados ou en proceso, tendo prioridade os que teñan 120 créditos superados.
4. Non se contempla o ingreso no Programa de Simultaneidade do alumnado que está a realizar cursos superiores a 2.º curso dos Graos.
Art. 8. Criterios de matrícula
1. Os/as alumnos/as de primeiro que cursen estes estudos por primeira vez deberán matricularse no réxime de dedicación a tempo completo, isto é, da totalidade dos créditos correspondentes ao primeiro curso.
2. Os estudantes de continuación de estudos matriculados en réxime de dedicación a tempo completo poderán matricularse en cada curso académico dun mínimo de 60 ECTS e un máximo de 78 ECTS, agás naquel caso en que a cantidade de créditos necesaria para rematar o programa de simultaneidade fose menor.
3. De acordo coa norma de progresión nos programas académicos aprobada na UDC, o alumnado deberá matricularse de todos os créditos de formación básica e obrigatoria non superados de cursos anteriores.
4. O alumnado de continuación de estudos matriculado en réxime de dedicación a tempo parcial deberá efectuar a súa matrícula respectando o número de créditos establecido con carácter xeral para todo o alumnado da UDC na Normativa de xestión académica (NXA) vixente para cada curso académico.
5. Os estudantes poderán desistir da súa matrícula de acordo co que dispuxer a NXA que rexa en cada curso académico.
Art. 9. Permanencia e progresión: Número de créditos que se deben superar
1. Os/as alumnos/as de primeiro curso matriculados neste por primeira vez, deberán superar nese curso académico un mínimo de 24 créditos para poder ter a consideración de alumnos de continuación de estudos no curso académico seguinte.
2. De non cumprirse este requisito poderán matricularse no curso académico seguinte; porén, neste caso, deberán superar un mínimo de 48 créditos correspondentes ao primeiro curso para ter a consideración de alumnos de continuación de estudos no curso académico seguinte.
Art. 10. Avaliación e número de convocatorias
O número máximo de convocatorias de que dispón un alumno do Programa de Simultaneidade para superar a avaliación dunha materia ou disciplina é de catro.
A formalización da matrícula dará dereito en cada curso académico a unha convocatoria con dúas oportunidades de avaliación, que se realizarán conforme ao calendario académico aprobado, ou á norma que corresponda.
No cómputo das convocatorias para superar unha materia non se terán en conta aquelas en que figure a consideración de “Non Presentado” (NP).
Aquel alumno que esgotase o número de convocatorias mencionado non poderá proseguir os mesmos estudos na UDC.
A avaliación realizarase segundo o establecido nas correspondentes guías docentes e as 2 convocatorias de exame serán aprobadas e feitas públicas polo centro xunto coas de cada un dos Graos.
Art. 11. Incumprimento das normas de permanencia
Aqueles alumnos matriculados no Programa de Simultaneidade que non cumpran as condicións e requisitos de permanencia que establece esta norma deberán abandonar os estudos.
As situacións de carácter excepcional suficientemente acreditadas que dean lugar a solicitudes presentadas polos alumnos do Programa, serán atendidas polo/a decana/a da Facultade, quen resolverá por desconcentración do reitor da UDC, logo do informe da Comisión de Organización Académica (COA).
Contra a resolución do/a decano/a, o alumnado poderá presentar un recurso de alzada ante o reitor na forma e prazos previstos na lexislación vixente, sen prexuízo de poder interpoñer calquera outro recurso que considere.
Art. 12. Abandono do Programa de Simultaneidade
1. As persoas que decidan abandonar o Programa de Simultaneidade deberán notificalo á Administración da Facultade de Filoloxía antes do inicio do período ordinario de matrícula.
2. Os/as estudantes, de ser o caso, poderán:
a) Optar, no prazo indicado, por calquera das dúas titulacións do Programa, sempre que teñan aprobada como mínimo unha disciplina ou materia do primeiro curso da titulación que vaian cursar. Terán dereito ao recoñecemento de créditos que proceda na titulación pola que opten, por aqueles outros superados no Programa de Simultaneidade.
b) Optar, no prazo que corresponder, por solicitar praza para iniciar estudos noutra titulación distinta, seguindo as normas e os procedementos de carácter xeral. Terán dereito ao recoñecemento que proceda, na titulación na que se matriculen, por aqueles outros superados no programa de Simultaneidade.
Art. 13. Recoñecementos específicos para estudantes deste Programa de Simultaneidade
1. Ao alumnado que superar o Programa de Simultaneidade recoñeceránselle os créditos das disciplinas que constan no Anexo II.
2. Os recoñecementos realizaranse polo Decanato logo de superar o total de créditos previstos no Plan de Simultaneidade agás os Traballos de Fin de Grao. Este recoñecemento será gratuíto.
3. De acordo coas memorias verificadas do Grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios e do Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, na fase final do plan de estudos, e de acordo coa normativa da UDC, realizaranse dous traballos de fin de Grao (TFG) de 6 créditos ECTS cada un, que poderán facerse simultaneamente. Fomentarase que ambos traballos poidan constituír un corpus dun traballo multidisciplinar e que poidan ser codirixidos conxuntamente por profesorado de ambos Graos, aínda que cada TFG terá a súa propia avaliación e cualificación final.
Art. 14. Expedición dos títulos oficiais de Grao
Os/as alumnos/as deberán solicitar a expedición de cada un dos dous títulos oficiais: Graduado/a en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios pola UDC e Graduado/a en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios pola UDC.
A solicitude farase perante a Administración da Facultade de Filoloxía, e aboaranse en concepto de expedición de cada título, os prezos públicos establecidos a tal efecto pola Xunta de Galicia para cada curso académico.
Os trámites administrativos que se realizarán a estes efectos serán, para cada título, os mesmos que están establecidos con carácter xeral no procedemento de expedición de títulos oficiais.
Disposicións finais
Primeira. A UDC resérvase o dereito de non ofertar para promocións sucesivas, o Programa de Simultaneidade de estudos que regula esta normativa se a demanda deste non se correspondese coa oferta académica anual; porén, o alumnado de continuación de estudos terá garantida a posibilidade de rematar os estudos do Programa de Simultaneidade.
Segunda. Corresponderalle á Vicerreitoría con competencias en Titulacións a interpretación e resolución de cantas cuestións xurdiren en aplicación desta normativa.
Terceira. Para o que non está establecido nesta normativa, os trámites académico administrativos relacionados con estes estudos regularanse pola Normativa de xestión académica correspondente a cada curso académico e demais normativas da UDC que resulten de aplicación, así como por calquera outra norma de rango superior.
Cuarta: As presentes normas serán de aplicación a partires do curso académico 2015/16.
Esta normativa foi aprobada polo Consello de Goberno da UDC na súa sesión de data 23 de marzo de 2015.