O venres 13 de marzo de 2020 soubemos que o luns día 16 non iamos poder volver ás aulas dos nosos centros. Como docentes, todas e todos nós o primeiro que pensamos foi como iamos seguir formando o noso estudantado nesas circunstancias. Inevitablemente a palabra imposible foi unha das máis pronunciadas. Nun primeiro momento a nosa preocupación viuse mitigada pola esperanza de que o confinamento só fose unha pequena paréntese na nosa actividade docente. Non foi así. Definitivamente tivemos que renunciar á modalidade de ensino para a que estabamos preparados e formados. A UDC tivo que afrontar un dos retos máis importantes da súa historia: converterse nun tempo récord nunha universidade a distancia. Foron moitos os temores que nos invadiron tanto ao profesorado como ao alumnado; porén, co inxente esforzo de todas e todos nós puidemos superar os obstáculos que encontramos polo camiño e conseguimos que fose posible sacar adiante o curso 2020-2021. A formación recibida e a experiencia acumulada durante eses meses permitiunos afrontar con algo máis de tranquilidade todas as incertezas con que comezabamos o actual curso académico.
A nova normalidade académica: leccións aprendidas e retos de futuro é o título das V Xornadas de Innovación Docente, organizadas polo CUFIE co apoio e impulso da Vicerreitoría de Planificación Académica e Innovación Docente. Aínda que adiamos a súa celebración, buscando a posibilidade de manter o formato presencial, as circunstancias actuais aconsellan extremar a prudencia e decantármonos este ano pola vía telemática. Esta nova edición ten como obxectivo principal pór en común as experiencias de adaptación da docencia ao medio virtual, por mor da situación excepcional provocada pola pandemia. De aí que as liñas temáticas que se propoñen sexan as seguintes:
Queremos animarvos a presentar as vosas experiencias e facer destas xornadas un punto de encontro e de diálogo para todas aquelas persoas comprometidas co avance e a calidade da docencia universitaria, que co seu esforzo e dedicación conseguiron facer posible o que parecía imposible.
Nancy Vázquez Veiga. Vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente