Normativa relacionada

Artigo 11. Guías docentes
1. As guías docentes das distintas materias dos plans de estudos serán sinxelas, directas e doadamente comprensibles, e deberán especificar e describir claramente os seguintes elementos:
a) Os contidos e as actividades formativas, indicando claramente para cada actividade: as horas de dedicación da actividade; as horas de interacción estudante/profesorado, que engadidas ás horas de traballo autónomo totalizarán as horas de dedicación da actividade; e o número de horas presenciais e virtuais, que sumarán as horas lectivas ou interactivas da actividade.
b) Os recursos materiais que necesitará o/a estudante para o seguimento da materia, así como as fontes de información recomendadas.
c) Os procedementos e as canles de comunicación que serán utilizados no desenvolvemento da materia.
d) Os procedementos establecidos para levar a cabo as actividades de seguimento e titorización.
e) Os métodos de avaliación, indicando claramente os que son presenciais e os que se poden realizar virtualmente.

Ver normativa

1. Esta instrución ten por obxecto aprobar o Catálogo de actividades formativas, metodoloxías docentes e sistemas de avaliación para o desenvolvemento do ensino na UDC, que se incorpora como anexo I a esta instrución.
2. O catálogo será de uso obrigatorio:
a) Na elaboración das memorias de verificación de novos títulos oficiais de grao e mestrado da UDC, así como nas súas modificacións substanciais.
b) Na elaboración das guías docentes das materias que integran os plans de estudo, en que se seleccionarán as metodoloxías específicas incluídas no catálogo, sempre que estas estean vinculadas coas metodoloxías xerais recollidas na memoria de verificación vixente.

Ver normativa

De acordo co capítulo IV da normativa de dedicación ao estudo, a dispensa académica de asistencia é unha autorización que exime o estudantado de grao ou mestrado da obrigatoriedade de asistir ás actividades formativas síncronas presenciais ou virtuais, cando concorra algunha das causas recollidas no artigo 6 da dita normativa, e sempre que sexan susceptibles de ser dispensadas segundo o que dispón nos artigos 11 e 12 da dita normativa.   

Nas guías docentes habilitouse o apartado 5.4 que ten que incluír: 

  • A relación de metodoloxías docentes e actividades formativas síncronas susceptibles de dispensa académica, así como as adaptacións previstas para estas actividades, se procede. O sistema de avaliación aplicable ao estudantado con dispensa concedida, tal e como recolle a normativa (artigo 14.5), permitirá acadar a cualificación máxima prevista na materia. 
  • Se ningunha actividade da materia é dispensable, debe indicarse expresamente. Téñase en conta que, segundo o artigo 12.3, deberase contar cun informe xustificativo desta circunstancia emitido pola comisión con competencias académicas que determine cada centro.

Desde a Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización elaborouse un resumo práctico para o profesorado sobre a dispensa académica.

Ver normativa