Información xeral

Os estudos propios da UDC son ensinos organizados pola universidade ou en colaboración con outras institucións que, caso de superar as correspondentes probas de avaliación, conducen á obtención de títulos e diplomas exclusivos da propia UDC, que non teñen carácter oficial.

Distínguense a seguinte tiopoloxía de estudos propios:

  • Estudos propios de posgrao que requiren titulación universitaria previa:
    • Máster de Formación Permanente (60, 90 ou 120  créditos ECTS). Ao non ser titulos de máster universitario oficial, os estudos de máster de formación permanente non dan acceso aos estudos de doutoramento.
    • Diploma de Especialización (entre 30 e 59 créditos ECTS)
    • Diploma de Experto (entre 15 e 29 créditos ECTS)
  • Estudos propios que non requiren titulación universitaria previa:
    • Cursos de formación específica (igual ou superior a 3 ECTS)
    • Cursos de formación específica para persoas con diversidade funcional (igual ou superior a 3 ECTS)
  • Microcredenciais, que poden requirir ou non titulación universitaria previa, cunha duración de menos de 15 créditos ECTS.

A UDC ofrece unha ampla selección de programas propios de calidade, deseñados para complementar os planos de estudo vixentes co obxecto de mellorar a cualificación profesional e actualizar coñecementos, combinando o ensino académico coa práctica profesional.

A diversidade da oferta de estudos propios cobre unha extensa gama de ámbitos de estudo e pretende dar unha resposta actualizada ás necesidades de formación específica demandada por novos graduadis e por profesionais con certa experiencia no mundo laboral. Algúns cursos incorporan nos seus programas a posibilidade de realizar prácticas en empresas e institucións españolas e internacionais.

Nalgúns casos a modalidade de impartición é semipresencial, a distancia ou mesmo virtual (on-line) co obxecto de facilitar o acceso e compatibilizar o período formativo co desempeño laboral.