Esta litografía titulada Vista de La Coruña, tomada desde la altura de San Diego é obra do suízo Enrique Luard Falconier, quen se estableceu na Coruña en 1807, á idade de 21 anos. Luard foi ourive, comerciante, pintor, litógrafo, gravador, fotógrafo e reloxeiro. Era unha persoa moi interesada nos adiantos científicos e, de feito, dise que foi o introdutor do daguerrotipo na cidade.
Para algunhas persoas investigadoras, o debuxo de Enrique Luard foi empregado como elemento iconográfico protagonista que decora unha fonte da Real Fábrica de Sargadelos de 1870-1875. Este autor tamén produciu litografías de diversa temática urbana e cultural, vinculadas á súa faceta artística e científica.
Os últimos anos da súa vida dedicounos a facer retratos e a percorrer localidades de Galicia, polo que deixou instantáneas de cada unha delas.
Descrición física
Título: Vista de La Coruña,
tomada desde la altura de San Diego
Autoría: Enrique Luard Falconier
Data de creación: [ca. 1830/1850]
Volume e soporte: 1 litografía de 54,5x36 cm
Estado de conservación: bo