A Coruña, 26 de xuño de 2018.- O Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña reúne este mércores e xoves a unha centena de científicos de dez países europeos e dos Estados Unidos. Os expertos asisten a unhas xornadas técnicas sobre secuenciación masiva e bioinformática promovidas pola empresa asociada á UDC AllGenetics, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e a propia Universidade.
Concretamente, o obxectivo do encontro é dar difusión aos últimos avances sobre a metodoloxía coñecida como "DNA metabarcoding", de gran interese en diferentes áreas de investigación e na industria. Este método permite coñecer qué especies están presentes en mostras complexas mediante a secuenciación dunha rexión do xenoma. Por exemplo, pódese detectar cun elevado grao de fiabilidade as especies de bacterias e fungos presentes en determinados tipos de solos, as larvas de especies invasoras en mostras de auga ou verificar que unha hamburguesa contén soamente as especies cárnicas indicadas na etiqueta.
O evento, que se desenvolverá ao longo de dous días, constará de dezaseis charlas de carácter técnico, entre as que haberá unha quenda de preguntas e discusións científicas. A organización valora "moi positivamente a acollida do evento entre a comunidade científica" e agarda que sexa "de utilidade para dar a coñecer este método e para que xurdan ideas sobre novas aplicacións ou posibles colaboracións entre investigadores de diferentes institucións".
AllGenetics, ubicada no propio CICA, traballa a nivel europeo con grupos de investigación e empresas de diferentes sectores, e é unha empresa de referencia en diferentes metodoloxías de análise xenómica, entre as que destaca o "DNA metabarcoding".
O laboratorio de microbioloxía do INIBIC e o grupo de investigación en bioloxía evolutiva (GIBE) da UDC colaboraron xunto con AllGenetics na organización deste evento que foi tamén apoiado polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña.
Published by: Gabinete de comunicación da UDC