Nova edición do Joint Graduate Design, programa de colaboración arquitectónica internacional ideado desde a Universidade de Coruña

Press release

5/27/26 11:19 AM

  • Institutional
  • A ETSAC reúne esta semana no marco desta iniciativa internacional a 36 estudantes e profesorado da UDC e das institucións chinesas Harbin Institute of Technology e Inner Mongolia University of Technology School of Architecture
  • O Joint Graduate Design, que conta xa con 13 anos de historia, está enfocado esta edición no deseño dun Centro de Arquivo Arquitectónico da Franxa da Estepa Euroasiática na contorna de Hohhot, en China

A Coruña, 27 de maio de 2026

A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC) acolle estes días o Joint Graduate Design Project, un programa académico internacional no que participan estudantes e profesorado do centro xunto coas universidades chinesas Harbin Institute of Technology (HIT) e Inner Mongolia University of Technology School of Architecture (IMUTSoA).

O obxectivo principal deste encontro é o desenvolvemento dunha intervención na aldea de West Wusutu, próxima a Hohhot (China), consistente na creación dun Centro de Arquivo Arquitectónico da Franxa da Estepa Euroasiática.

O Joint Graduate Design (JGD)

O JGD é unha iniciativa nacida no curso 2013/2014 e desenvolvida no marco da materia Proxectos 9, como unha colaboración entre a ETSAC e o Harbin Institute of Technology (HIT) de China. En 2017 ampliouse coa incorporación da Inner Mongolia University of Technology School of Architecture (IMUTSoA), tamén chinesa.

Na ETSAC, a actividade está coordinada polo director da Escola, Miguel Abelleira Doldán, xunto co arquitecto Jesús Irisarri Castro, e conta coa participación activa dos profesores Luis W. Muñoz Fontenla e Emilio Rodríguez Blanco, así como da subdirectora de Relacións Internacionais, Patricia Alonso Alonso.

O programa céntrase no desenvolvemento colaborativo dun proxecto arquitectónico de grande escala, no que estudantes seleccionados de cada institución traballan en equipo desde as súas respectivas escolas para elaborar unha proposta común.

Edición 2026

O proxecto da presente edición, consistente na creación do Centro de Arquivo Arquitectónico da Franxa da Estepa Euroasiática, pretende ser un espazo destinado á investigación, conservación, exhibición e difusión da cultura arquitectónica rexional, buscando establecer unha estreita relación co contexto histórico, cultural e natural do lugar, respectando a estrutura tradicional do asentamento e elementos característicos da paisaxe, como o val, as árbores de albaricoque e a arquitectura vernácula.

Ademais, o emprazamento escollido, situado na mesma aldea que alberga unha obra galardoada co Aga Khan Award de Arquitectura 2025, reforza o valor cultural e arquitectónico da contorna.

A fase final, que se está a celebrar esta semana na ETSAC, configúrase como unha experiencia académica e cultural que combina actividades docentes e a avaliación final dos proxectos desenvolvidos polos 36 estudantes das tres institucións participantes.

Neste contexto, o Joint Graduate Design Project consolídase como unha iniciativa de especial relevancia para a formación do estudantado do Grao en Estudos de Arquitectura, ao fomentar competencias clave para o exercicio profesional nun contexto global, promovendo o traballo colaborativo internacional, a adaptación a contornas culturais diversas e unha visión ampla e crítica da arquitectura contemporánea.

 

Published by: Gabinete de Comunicación da UDC